O soño dirixido

Páxina Anterior

A noite do solsticio

Páxina Seguinte

v2vitorvaqueirosonodirixido002.html
Sabede que a maior parte do que víchedes ali no cimo non é máis que mentira e encantamento.
ANÓNIMO. Lanzarote do Lago


Semellaba estar á beira da comprensión sen atinxir comprender; como esas persoas que por momentos se situan no limiar da lembranza pero incapaces, ao cabo, de lembrar.
E.A. POE. Os crimes da rua Morgue


     Non semella doado nesta altura da vida, agora que se achega o cabo da viaxe, lembrar o ano no que tivo lugar aquel encontro, que pertence á cronoloxia da miña mocidade. Gardo, emporiso, unha data concreta, o 23 de Xuño -talvez xa fose o dia 24- gravurada na mente. Os lumes de San Xoán, impregnando as adegas e as casas de xantares, os cheiros solsticiais das madeiras queimadas bulindo paralelos ao paso dos veículos, as muxicas voando entre os lampións da cidade, axudan-me a situar no calendário aquel acontecemento inexplicábel.
     Na volta ao fogar pairaban na lembranza as cacharelas, o salto da fogueira, as danzas herdadas doutros tempos, a asemblea de mozas e de mozos, que a min, na soidade crónica daqueles longos anos, se me antollaba de alcanzo impracticábel. Foi ao ultrapasar o amplo miradoiro deitado sobre a ria e a oliveira adxacente, cando tiven conciéncia da sua viciñanza. Ficaba perante min cos ollos compremidos e termaba, nos compremidos beizos, dun cigarro apagado. Sen trocarmos palabra tirei da miña alxibeira unha caixa de mistos. A araxe imperceptíbel e o seu ampeo metódico fixeron traballoso o acendemento. Mentres ia inalando, e a brasa avermellada devoraba o tabaco, fitou-me. Na sua ollada de esguello dexerguei un instante a conxunción do sáurio e do felino. Lin nos seus ollos a tenzón decidida de me facer parceiro de certos pensamentos. Tamén me decatei que eu xa habia tempo que aceitara a calada proposta a que me convidaba.
     Sabiamos das mútuas existéncias dende habia anos. O noso achegamento, concretado nunha linguaxe de olladas e de acenos -repudiaramos sempre, até aquel dia, o emprego da palabra- comezara unha noite de chuvoso inverno. Enleado na avaliación de inxeis exemplares de La Bisbal e Buño, non percebin o fardo que, deitado no chao, envolto entre xornais ao abeiro da friaxe, durmiñaba. Ao bater o meu pe naquela masa, emitira un son de magnitude incógnita e natureza que eu achei precisa, xa que nel resumia as arelas de acougo, a idea reprobatória e o anseio de tolémia irreversíbel.
     A aquela primeira noite seguiron moitas outras e outros dias. Co progredir do tempo cheguei a discernir pontualmente as infindas arestas do seu único traxe de cor tornasolado, a sua barba de ton equidistante do amarelo e cincento, o seu cabelo hidrófobo, compacto como casco rematado en coleta asemellando cauda de coello que esbaraba por riba da caluga e que eu, de primeiras, asociara a algún rei da fronteira mexicana, ou talvez a aquel home que até El Paso comboiara dilixéncias, ou ao que en El Alamo oferendara a sua vida perante Santa Ana. Miudalleiramente cheguei a dexergar as botas e a mochila, que abranxia, nun espazo mínimo, as funcións multiformes que a casa que non tiña debia fornecer-lle.
     Ao cabo duns segundos, e despois de zugar por duas veces a cabicha acesa, comezou a falar. Tamén por duas veces fixo-se a sua voz atariñante. Percebin que rastexaba con certa inseguranza o fio do discurso que, sen embargo, apresentaba mostras dunha repousada aprendizaxe, se callar produto de inúmeras repeticións aqueloutradas. O seu relato, do que iludin os xiros godalleiros referentes case en exclusiva a militares, e réximes políticos xa mortos, e dotado da lóxica que a faléncia de siso lle substraia, facendo-o de cando en vez incomprensíbel -alén da inevitábel mudanza que a transcrición comporta- foi o seguinte.


     Nacin en Sandiás, polas terras da Límia. A miña infáncia descorreu entre a corte e a seitura. Ao carón do que fora habia séculos unha lagoa que o mistério e os paxaros da morte esburacaran, e que hoxe é unha braña con vocación desértica, cultivei a estornela e exercitei un sexo paifoco e isolado, silandeiro e afervoadamente iterativo. O medo ritual que as lendas da lagoa esparexian foi-me descoñecido. Asi acontecera, polo menos, até aquela noite dun ano xa arredado na lembranza. Acho agora insondábel disterar se os acontecementos vividos naquelas horas e en anos sucesivos, son produtos de estados de conciéncia ou, en troca, emergullan dende os fundos cavorcos do soño ou da loucura, eses compartementos que nos doan imaxes ás veces trabucábeis, por idénticas.
     Aquela noite na que, como hoxe, os ceus se divisaban perfurados por desusados lumes, achaba-me deitado -ignoro se desperto: dende aquel dia comezou en min a confusión arreo dos estados de soño, de vixília e de tolémia- no meu leito avarento cando o galo cantou. Trouxera-me aquel canto un agoiro de morte, pois sabia de certo que a hora da amañecida estaba lonxe. Aínda podo ver as raiolas da lua asolagando o cuarto. Unha segunda vez o canto reiterou-se. Empurrado por unha sensación irrepetíbel, acheguei-me inda sonolento, á xanela e dirixin a vista cara ao lugar onde, segundo abofellaba a tradición, se atopara a lagoa en tempos devanceiros, e que agora ocupaba o torreiro da igrexa. Outravolta escoitei aquel canto que traia un alento impronunciábel. Entón vin a lagoa, no que a lua deitaba unha luz irresolta. Na beira remanecia unha figura humana, ao pe da cal un galo adoptaba unha actitude de estraño acatamento.


Percebin que falaba con dificuldade. A cabicha apagara-se outramentres. Tencionei dar-lle coraxe cun aceno de testa
afirmativo.


     Non podo precisar o tempo que tardei en chegar ao carón da figura. E-me estraña, asemade, a rota percorrida até acada-la. Ignoro, mesmamente, se cheguei a mover-me do meu leito. En ocasións refugo mesmo a hipótese de que todo aconteceu nesta paraxe que chamamos terrena. Só recordo os meus membros baixo a acción dunha forza imovilizadora. O percurso do tempo, por mor dos paradoxos inconcebíbeis que a nosa mente xera, non me fixo, aliás, esquecer as palabras da figura, da que lembro mellor a gravidade da voz que a sua aparéncia. Penso que serei quen de repeti-las sen atraizoar o celme do seu contido:


     Chamo-me Kornterriben. Arribei a esta chaira vai para tres mil anos. Viña coa miña tribo dos lugares nos que o setentrión zoa dende sempre. A síntese da neve, da praga e do invasor do Leste fixeron que o meu povo houbera de abandonar as suas terras na prospección de paisaxes máis amábeis. Despois de atravesarmos o mar incandescente, un vello cego, nunha praia da que esquecin o nome, falou-nos e mostrou-nos o camiño que levaba á cidade de Antioquia. Asegurou que nela a vida era apacíbel e o traballo unha inutilidade derrogada, que os praceres non posuían cota e que un deus, con fasquia de galo e forza superior a todo o imaxinábel, concedia de balde os alimentos. Engaiolados por aquelas frases seguimos o roteiro sinalado. Houbemos de combater, coa taxa pertinente de mortos e tolleitos, contra outras tribos para quen era alleo o conceito de hospitalidade. Alancamos nacións de crueldade insólita, nas que o roubo se castiga co cercenamento do reu en duas metades, e nas que é preceptiva a rigorosa emasculación dos prisioneiros tomados en combate. Resistimos a cárrega mortífera do xavaril e doutras bestas das que a fereza nos semellou imprópria de cousas animadas. Alviscamos o corzo, alén doutras espécies duvidosas. Baixo a aperta do urso e dun ser de fereza impronunciábel que semellaba serpe, agás no feito de non posuir asas, ollamos outravolta mirrada a nosa xente. Ao cair dunha tarde lobrigamos, no meio dunha chaira, unha cidade á que unha torre, cunha forma de galo no seu cume, asoballaba. Bébedos de ledícia polo conseguimento dos nosos obxectivos agardamos a chegada do seguinte dia para facer entrada no recinto murado. Ao abrente un dos guardas acordou-nos con urro arreguizado. No lugar que ocuparan prazas e corredoiras achaba-se a lagoa que agora embaza os meus pes antigos. Na beira peteiraba certos graos miúdos este galo.
     A reacción dos meus, daquela xa minguados, homes foi desavariada. Algúns quedaron presos da loucura e consumaron súpetos o cabo da sua vida no fundo da lagoa. Outros, alporizados, correron cara a morte, na procura oca de voltaren ao noso país de orixe. Houbo-os que, afundidos no siléncio, pervagaron na chaira, na absurdeza de círculos de rota desvairada. Ao cabo, fiquei só. Dende aquel tempo aturo estas paraxes na compaña deste galo nocivo. Do paso dos milénios podo testemuñar con abastanza a morte e a doenza nestas terras; en cantidades moito máis escuálidas a ledícia e rexouba. Co escorregar do tempo presenciei silandeiro a entupida formación da tartaruga romana. Ollei vasalos con ollar descrente pendurando aforcados de árbores centenárias das que aínda lembraba o seu primeiro gromo. Percebin as mulleres doadas á fogueira pola cruz e a espada. Catei recadadores fabulosos xustizados por camponeses de fames ecuménicas e o saqueo do pazo. Souben do enterramento do home que empurrara a que o lume do toxo envolvese na fogueira a casa señorial. De sete en sete anos, pontualmente, escoitei o tanxir de sinos invisíbeis e o canto simultáneo desta ave aborrecíbel. Pido-che que a esganes e que me ceives do cárcere da vida. Só ti podes face-lo. Esta machada -sen sofreres, e aínda sen esforzo- axudara-che.
     Dantes que rematara as suas palabras, puxera-me na mao a mangueira da arma. Lembro esvaidamente que, sen reparar nos meus próprios movementos, vin o brillo da lua sobre un gume que pairaba por riba da miña testa. Percebin uns sons de borbullar na auga. Despois o batuxar nos meus nocellos. Uns instantes máis tarde o aguzado laído dun galo moribundo.



     Fixo unha pausa. Pediu-me lume cos ollos e cos dedos tremantes. Coa angúria debuxada na sua face proseguiu o
relato.


     Espertei entre un balbordo anómalo de voces e estronício e vin que xa era dia. O incomprensíbel sangue resequido que as miñas maos portaban transportara-me á noite. Arroxei-me tresleado cara a fiestra. O aspeito da aldea era o acostumado. Daquilo deducin que fora un pesadelo a aparición nocturna. Sen entender, embora, o fio condutor dos acontecementos, sentei no leito, reflectindo na noite medoñenta. Mentres ollaba os restos sanguiñentos nas unllas, lembrei o escuartexamento dun coello que perpetrara na noite precedente, o cal me deu acougo. Foi cando distinguín, no rebúmbio de voces, con total claridade a palabra asasino. A porta derrubou-se e a parella de gardas encanou-me coa boca ameazante dos mosquetóns. Camiñei abouxado diante deles, mentres sentia un arma soterrada na espádua. A visión derradeira, ali onde o corredor empataba coa porta da cociña, foi o meu pai xacente, a quen unha machada arrebatara a vida. Ao carón dos seus pes permanecia o corpo estorcegado dun galo que esganaran.
     A partir daquel dia detestei dependéncias variadas polas que rebulian homes uniformados. O reconto preciso das accións que eu verificara na noite do asasinato era o eixo central de todos os inquéritos. Non abondou dicer que tan só practicara a dormida profunda. Perante as miñas dúvidas, xeradas pola volta cíclica das lembranzas do soño e do meu pai morrente, o cerco de perguntas estreitou-se. Debuxada nas faces dos inquiridores advertin o rosto da descrenza, ao tempo que acollia no meu corpo un ballón de pancadas e de aldraxes. Mudando-o de cada vez, para ver de artellar o enfiado non máis real, senón máis verosímil, para que asi pracese aos interrogadores, referin o relato do que Kornterriben me fixo posuidor. Houben de repetir teimudamente os actos realizados, ou o que sospeitaba que foran os meus actos, na celobre noite, pois a voracidade que mostraban pola glosa dos feitos ia alén de todo o imaxinábel. Naveguei da paráfrase á metáfora nun intento vao de poder transmitir sensacións que tamén para min eran incógnitas. Co tempo decatei-me de que o procedemento era prexudicial pois, segundo dician, por mor dos sucesivos adovios, cada declaración invalidaba a anterior. Unha mañá, ao tempo que con faces descompostas batian nunha mesa, explanaron que era o asasínio o obxecto preferente da pescuda, e non a narración de aconteceres máxicos. Máis tarde, baixo teitos estucados e longos corredores, coñecin outravolta, defrontado a seres de vestidos pretos con encaixes no remate das mangas, aos que unha voz chamara maxistrados, o noxo, cando non o sorriso receoso, que só o simples nome de Kornterriben inducia nos ollos. Atinxin a aquedanza, finalmente, o dia que arribei a un enorme edifício de paredes brancas, sobre as que competian o cal e os azulexos. Habitado por homes e mulleres, tamén uniformados baixo batas brancas, descorreron os anos. Naquela construción, na que un grande cartaz ubicado na porta abofellaba que nela se sandaban as doenzas da mente, transitei o camiño que muda a mocidade en senectude. Fun aprendendo a ver que o meu comportamento viraba vagaroso en actitudes de xorne incomprensíbel. Nas paredes do amplo dormitório partillado con moitos outros homes, xurdian, nas noites de luar irresolto e vixília espreitante, as faces superpostas do meu pai e do chefe Kornterriben. Aquilo conduciu-me a unha apavorada fuxida dos leitos e da noite. Comecei a escudir a vixiláncia dos homes e mulleres de alvura uniformada. A solércia e a análise metódica dos seus costumes concederon-me a oportunidade, aproveitando os cámbios de turno da meianoite, de durmir ao relento e fuxir das paredes animadas.
     Todo finalizou unha mañá. Lembro desordeadamente que fun chamado polos responsábeis do estabelecemento, que estaban acompañados, máis unha vez, por homes uniformados. Entre todos fixeron-me saber, balbuciantes, a existéncia dun lamentábel erro no pasado e que, xa dende aquela, ficaba en liberdade. No seu leito de morte, referian, un home confesara un crime, cometido anos antes, que nacera da envexa e da colocación adulterada dos marcos dunhas fincas. Crin entender que era meu pai o home asasinado, inda que non desboto a posibilidade de que falaran daquel que veu do norte coa sua tribo. Na lembranza confusa dos acontecementos ignoro, suposta a envexa a orixe do asasínio, a razón da presenza dunha ave esganada ao carón do meu pai xa moribundo.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega