O valedor do reino (Peza histórica en catro actos)

 

Limiar. Acto I.

Páxina Seguinte

v2bernardezvilarvaledor001.html


     "E así, Cresconio, nacido de nobilísimo liñaxe, resplandeceu coa luz de tanta nobreza que, có notable valor do seu exército, acabóu cos normandos que invadiran esta terra, e ergueu muros e torres para defender a cidade de Compostela. E despois de finalizar esta igrexa de Sanbta Maria que el mesmo, coa axuda de Deus construíra, xa ó cabo da sua vida, cando se encamiñaba ó castelo do Oeste, que fixera para defensa da Cristiandade, na era 1106, -ano 1068-, foi abatido pola acometida da temible morte".

"Historia Compostelana", 1.2, 10.
(1107-1120)




     "Et a sua morte foy elegido por obispo de Yria et de Santiago don Cresconio, varon moy noble, de boa generaçom et moita nobleza, lampada resplandeçente, librou toda a terra dos normanos et frandeses et dos barbaros et ismaelitas, que a tiinan ocupada et cativada, et acabou muros et as torres da cibdade de Compostella; et raparou a egllesia de Yria et o castello do Est, que el auía feito con muitas torres et çercas, para defenson da terra onde se acolían et defendían os da terra; porque non entrasen por la ría os normanos et frandeses et os barbaros que por ela víínan con naves subjugar a terra. Et finouse o dito obispo Cresconio eno castello do Est, era de mill et çento et seis anos" (ano 1068).

Ruy Vaasques
"Corónica de Santa María de Iria".
(Rematada o 23 da abril do ano 1468).


"DRAMATIS PERSONAE"

ALFONSO VI, rei de León.
APOSTOLO SANTIAGO
CRESCONIO, bispo de Iria e Compostela.
ESTEVO, peregrino, bispo de Xerusalén.
FERNANDO I, Emperador de León, Castela e Galicia.
GALTIER GIFFART, señor de Longueville, peregrino normando,
GARCIA I, rei de Galicia.
RODRIGO DIAZ DE VIVAR, cabaleiro castelán, máis tarde coñecido
coma "Cid Campeador", que participou na toma de Coimbra.
SANCHA, raíña, esposa de Fernando I.
SANCHO II, rei de Castela.
XELMIRIO, alcaide do Castelo Honesto (Torres do Oeste).
CORTESANS, GARDAS, MEIRIÑOS, NOBRES, PEREGRINOS, POBO DE COMPOSTELA, SOLDADOS, PALAFRÉN, CREGO.

LIMIAR

     Aínda que non moi habitual, unha peza teatral das características da presente, que pretende recrear un momento da nosa historia, moi lonxano xa, e escasamente documentado, necesita non só da utilización duns recursos pouco habituais, senón tamén dunha explicación complementaria.
     Entre eses recursos o de recorrer á voz, e mesmo, se se quere, á figura do narrador, coma xeito de seguir axeitadamente os saltos no tempo que no desenrolo da acción se producen, así como ó do acompañamento dunha música o suficientemente descriptiva e intelixible que a complemente.
     Por outra banda compre que indiquemos tamén que, a non ser os criados, e os demais actuantes ocasionais, todos os demais personaxes da obra son autenticamente históricos, e obraron do xeito e nas circunstancias nas que aquí os presentamos.
     As únicas licencias que nos tomamos foron as de aceptar a historicidade do relato sobre a aparición do Apóstolo Santiago na véspera da entrada das forzas cristianas en Coimbra, así como a de facer coincidir a morte de dom Cresconio coa aparición do cometa Halley do ano 1066. En canto ó ano do seu deceso, se ben que a "Historia Compostelana", redactada unhas seis décadas despois, o sitúa no 1068 -"Era 1106"- debe de tratarse dun erro de lectura por parte dos autores da mesma, "I.CVI", en lugar de "I.CIV", xa que no ano 1067 había outro bispo en Compostela.
     A documentación histórica existente demostra, aínda que se veña afirmando outra cousa, que os príncipes Sancho, Afonso e García foron considerados reis xa a partir da promulgación do testamento do seu pai Fernando I, a finais de decembro do ano 1063, se ben que os seus reinados non foron realmente efectivos ata a morte deste, o 27 de decembro de 1065. A Táboa Cronolóxica que inserimos ó final da peza, permitirá coñecer con maior exactitude o marco histórico no que esta se desenvolve.

Vigo, marzo de 1999.



ACTO I


(Ano 1064: Adro da Basílica de Compostela. A fachada da mesma ó fondo, na parte central do escenario. Pasa xente camiño dela. Achégase Estevo, con indumentaria de peregrino).
ESTEVO: Escoitade, boa xente, e perdoade a miña curiosidade; ¿a que se debe que acuda tanta xente hoxe á Basílica?

HOME 1º: ¿De onde sodes, irmán, que preguntades unha cousa así? Acudimos todos ó Apóstolo a pregar a súa intercesión en favor do noso bispo don Cresconio, o noso rei Don García, e o Emperador don Fernando. Hai xa máis de seis meses que partiron de Compostela, acompañados polos bispos de Lugo, de Mondoñedo e de Viseu, e os seus respectivos vasalos e guerreiros.

ESTEVO: Son de Xerusalén. Veño de moi lonxe, e acabo de chegar. Ignoraba o que me acabades de dicir. ¿E onde foron os vosos señores con toda esa xente de armas, se é que o sabedes?

HOME 1º: A a pelexar cos mouros, nun lugar chamado Coimbra.
ESTEVO: E o voso bispo con eles. ¿Debe ser un bó guerreiro don Cresconio?

HOME 2º: En verdade que si, irmán. Érao xa antes de chegar a bispo. Foi el quen botou de Galicia ós navarros e ós dinamarqueses. E sendo bispo axudou ó Emperador, e conseguíu que este o axudara a el contra os mouros, como agora, en Coimbra.

ESTEVO: Xa; moi edificante, irmáns. Será tan bó pastor de almas coma guerreiro, supoño.

HOME 2º: Iso pensamos todos. Don Cresconio é o mellor bispo que tivemos nunca. Reorgaizou a igrexa, axuntou concilios, liberou varias dióceses das máns dos infieis, nunca tantos peregrinos viñeron visitar ó Apóstolo, e sóbralle tempo ainda para facer caridade.

HOME 1º: Aquí cremos todos que, coma bó soldado, o Apóstolo póde dicidir ó noso favor esta longa guerra. Iso é o que lle estamos a pedir cada día.

ESTEVO: !Santo Deus!. Iso é case que unha herexía, bó home. O Apóstolo nunca foi guerreiro. Pescador e mariñeiro era a súa profisión, alá no mar de Galilea. Dío claramente o evanxelio: "E pasando adiante Xesús veu a outros dous irmáns, Iago e Xoán, que estaban nunha barca a repasar as redes, xunto co Zebedeu, o seu pai. Xesús chamounos, e deixando a barca e ó seu pai seguírono". Impulsivo sí que o era, mais nunca empuñou o ferro, nin montou nun cabalo siquera.

HOME 2º: Sen dúbida que vos trabucades, meu santo. O Apóstolo tennos axudado xa noutras ocasións contra os mouros. ¿Qué podedes saber, vindo de tan lonxe? Ningún de nós ignora que se ten aparecido moitas veces, dacabalo precisamente, no medio das batallas. E seguiremos a pregarlle para que axude a que os nosos guerreiros podan entrar en Coimbra.

ESTEVO: (Para el) !Santo Deus!. !Santo Deus, perdóaos porque non saben o que din!.

(Vanse os dous cara á Basílica. Estevo permanece en silencio a observalos. Cando desaparecen no interior da mesma escoitase cantar un "Te Deum", que se vai achegando. Pola dereita entran Peregrinos, precedidos polo "Rei", con sombreiro de ala ancha, cunchas de vieira, caxato, e cabazo pequeno. Con eles, Galtier Giffart, levando o cabalo pola bride. Acuden homes, mulleres e rapaces da vila a contemplalos. Os recén chegados detéñense no Adro, perto da porta. Algúns rapaces dan chumbalagatos para chamar a súa atención).

HOME 3º: !Hostal dos peregrinos¡... !Hostal dos peregrinos¡...

RAPAZ 1º: ! Hospedaxe na Porta do Camiño¡. !O Mellor de Compostela.¡.. !Troco de diñeiro, e viñas da Amaía e do Salnés¡.... !Na porta do Camiño¡...

RAPAZ 2º: !Viño da Aquitania no hospedaxe do Vilare, a cen pasos da Basílica¡. !Comida e durmida baratas¡... !Viño da Aquitania ¡ ...

HOME 4º: !Porta do Paraíso: Vieiras, zapatos, bulsas de pel, botas para o viña, cintos¡... !Na porta do Paraíso¡.

HOME 5º: !En Lovios, comida, bebida e durmida¡... (baixando a voz) !Tamén temos mulleres¡. !Mulleres francas e sarracenas, a escoller!... !Mulleres francas e sarracenas!.

RAPAZ 3º: !Pezas de acibeche traídas de terras de mouros¡. !Acibeches, especias e herbas medicinais, na Porta do Paraíso¡.

HOME 4º: !Vieiras, zapatos, bulsas de pel, botas para o viño, cintos¡... !O mellor da porta do Paraíso¡.

HOME 5º: !Mulleres francas e sarracenas, á escolla!... en Lovios.

(O "Rei", reclama entón a atención dos peregrinos coas mans).

"REI": !Escoitade, irmáns¡. !Atendédeme unha vez mais¡. !Estamos xa en Compostela!. !Estamos ó pé da tumba do amigo do Señor!. É a final da nosa longa xeira. O remate da nosa andaina de tantos meses, superando o frío, a calor, a chuvia, a fame, ós lobos, as enfermidades, o esgotamento, e as feridas dos pés. Este vai ser un día de ledicia para todos. Por iso vos quero pregar que, cando esteades diante da Arca Marmórica, antes que en ningunha outra causa, teñades a caridade de pensar nos compañeiros que tivemos que enterrar ó longo do camiño, e nos que tiveron que ficar atrás. Pedide por eles antes que por ninguén. Lembrádevos lago da vosa familia, e, por último, pregade tamén por vós. Facédeo así e o Señor haberá de volo agradecer.

PEREGRINO: Hai moita calor "Leroi". Demostra que sabes ser un bó xefe e deixa que descansemos mentres agardamos. E consigue que Galtier nos alegre estes momentos cantándonos algo outra vez.

VOCES: Sí... sí. !Canta¡... !Canta, Galtier¡... !Que cante Galtier¡...

VOCES: !!Ragnar Loldbrok!!... !!Ragnar¡¡... !!Ragnar¡¡...

(Galtier reclama atención cos brazos).

GALTIER: Está ben, irmáns. Está ben. Tal como acaba de dicir "Leroi", hoxe é un gran día. Un día moi especial. Tan especial que non vos podo negar nada. Achegádevos, pois.

(Achéganse todos, e con eles tamén Estevo. Galtier sitúase no medio do curro. Cóllenlle o cabalo da bride).

     "Ao longo do camiño tratei de virvos dando a coñecer o "Cantar de Roldán". E estou satisfeito por conseguír que algúns sexades xa capaces de repetir partes súas. Escoitástesme tamén, máis dunha vez, o pequeno poema de "Ragnar Lodbrok", que deprendín a penas uns días antes de principiar a peregrinaxe. Pois ben, tal coma me pedides, vóuvolo referir de novo. Máis facédeme a deferencia de vos sentar.

(Os peregrinos fanno, arredor de Galtier. Este colle a lira de 12 cordas do arnés do cabalo, e tíralle a envoltura de coiro. AIguén trae un tallo, e senta nel).

GALTIER: Coma sabedes, Ragnar Lodbrok foi un dos máis grandes homes de mar que produciron as terras do norte. Ningún país, ningún reino, ningunha fortaleza, ningunha cidade, puido resistir o seu victorioso pulo. O seu nome foi temido en toda Europa, e cantado nos grandes convites. El foi quen de lle prender lume a Londres, e de entrar en París á fronte de 120 naves. Alí derrotou ó seu rei Carlos e conseguíu deste sete mil libras de prata a cambio da paz. E, cando se foi, Ragnar levouse coma trofeu a fechadura dunha das portas de París. Nas igrexas de Irlanda, de Inglaterra e de Francia, comenzou entón a pregarse: "Do furor dos homes do norte, líbranos Señor". Xente súa navegou tamén polo Mediterráneo e atacou Italia.
     "Mais houbo un día, sen embargo, no que tamén el foi vencido. Sofreu a súa única derrota. Foi vencido polas superiores forzas de Ella, rei do norte de Inglaterra. Sentado baixo unha enciñeira, o despótico monarca obrigóu entón ó héroe a presenciar coma daba morte, un a un, a todos os seus guerreiros. Por último, Ella amosoulle o suplicio que lle tiña reservado: un pozo cheo de serpentes.
     "Lonxe de se asustar, sen embargo, ó ser botado no seu interior, Ragnar entoóu o canto que o faría inmortal xa para sempre:

(Galtier apoia a lira no xoenllo e faina soar)
(Música de "Per Loca Maritima" de Milladoiro).

     !Sabemos pegar coas espadas¡
Eramos moi novos aínda
e navegabamos xa ó leste do estreito de Sund.
a preparar espolios
para os carniceiros lobos e para as águias douradas.

     !Os altos escudos ecoaban baixo o ferro¡.
!As ondas erguíanse por todas partes,
e o barco navegaba no medio de sangue¡.

     !Sabemos pegar coas espadas¡.
Os nosos enemigos viron coma rachábamos escudos;
coma os nosos aceiros, peixes famentos,
fendían cascos con estrondo.
!Ai, isto é algo moi diferente dun alegre convite de bodas¡.

     !Sabemos pegar coas espadas¡.
Eu vin aquela mañá, coma un guerreiro de fermosos
cabelos, polo que debecían as mociñas,
sucumbía na loita.

     Foi no estreito de Hala.
Era moi distinto á soavidade das meixelas dunha rapariga.

     !Sabemos pegar coas espadas¡
!Os deuses da morte veñen a invitarme,
mandados polo grande Odin¡.
!Non hai que chorar a miña morte¡.
Vanme levar á sala dos héroes.
Ali beberei cervexa, cheo de ledicia,
sentado onda eles, nun trono.

     !Pasaron xa as horas da miña vida,
e morrerei sorrindo¡.

     !Sabemos pegar coas espadas¡.
¿Quen me ía dicir a min que ía recibir a morte
deste Ella, cando impelía as naves ó lonxe?
Fun vencido, mais non deixo de rir, porque sei
que axiña, a lanza dalgún dos meus fillos
traspasará de parte a parte o corazón de Ella...

     "Deste xeito, a cantar, esmagado, e comesto palas cóbregas, morreu o grande Ragnar Lodbrok... Oito reis do mar, oito viquingos, desembarcaron pouco despois en Inglaterra, e o déspota Ella pereceu ás suas mans...

VOCES: !Moi ben, Galtier¡... !"Bravó"¡... !Sabemos pegar coas espadas¡...

RAPAZ 2º: !Viño da Aquitania no hospedaxe do Vilare, a cen pasos da Basílica¡. !Comida e durmida baratas¡... !Viño da Aquitania ¡ ...

RAPAZ 1º: !Hospedaxe na Porta do Camiño¡. !O mellor de Compostela¡... !Troco de diñeiro, e viños da Amaía e do Salnés¡ !Na porta do Camiño¡...

HOME 4º: !Porta do Paraíso¡: !Vieiras, zapatos, bulsas de pel, botas para o viño, cintos¡... !Na porta do Paraíso¡.

HOME 5º: !En Lovios, comida, bebida e durmida¡... (baixando a voz) !Tamén temos mulleres¡. !Mulleres francas e sarracenas, a escoller!... !Mulleres francas e sarracenas!.

RAPAZ 3º: !Pezas de acibeche traídas de terras de mouros¡. !Acibeches, especias e herbas medicinais, na Porta do Paraíso¡.

HOME 4º: !Vieiras, zapatos, bulsas de pel, botas para o viño, cintos¡... !O mellor da porta do Paraíso¡.

HOME 5º: !Mulleres francas e sarracenas, á escolla!... en Lovios.

HOME 3º: !Hostal dos peregrinos¡... !Hostal dos peregrinos¡...

(Estevo achégase).

ESTEVO: Estivo ben a vosa intervención, "miçe" Galtier, ainda que despois de a escoitar abrigue serias dúbidas de que poidades ser realmente un xograr ou, sequera, un "conteor". E estou tamén seguro de que tampouco sodes franco.

GALTIER: Mais peregrino sí que o son, irmán. E tampouco vos creería eu a vós se pretendedes que crea que procededes dalgunha parte da Francia, aínda que coñezades a súa fala. E moito menos que non sexades máis que outro simple peregrino. Son moi poucas as persoas que coñecen a diferencia que existe entre un trobador e un xograr.

ESTEVO: Son Estevo, bispo de Xerusalén, aínda que grego de nación. E estou a facer a miña peregrinaxe, o mesmo que vós.

GALTIER: Disculpade a miña ignorancia, reverencia. Chámome Galtier, Galtier Giffart, e procedo da Normandía... Mais escusade se non vos digo nada máis acerca de min.

ESTEVO: Un viquingo... tal coma supuxera. Declamades ben "miçe" Galtier. Trovas como a que acabades de interpretar resultan axeitadas para enaltecer, e mesmo para recuperar os folgos. Sen embargo, permitídeme que non as considere excesivamente axeitadas para seren interpretadas nun lugar coma este. A cova do amigo do Señor é un lugar de penintencia e expiación, no que soan extrañas a exaltación guerreira e a vinganza, aínda que as xentes da vila parezan confundir ó Apóstolo, expallador da verdade de Cristo, cun avogado das batallas.

GALTIER: Seino, reverencia. E teredes que perdoarme de novo a licencia, mais, para o voso consolo, pódovos asegurar que, ó longo do camiño, procurei ocuparme máis que de ningunha outra causa dos milagres de Santiago, e das partes do "Cantar de Roldán" nas que o emperador Carlos se axoenlla nos altos de Roncesvales, ollando cara a Compostela, ou na súa triunfal expedición, acompañado polo arcebispo Turpin, para librar dos Sarracenos a tumba do Apóstolo.

ESTEVO: Expedición na que aquí ninguén parece acreditar...

GALTIER: ¿Que pode diferenciar o verdadeiro no falso, nun cantar, reverencia?.. !Ah, saen xa da Basílica¡. Perdoade, señor, se me ocupo agora dos meus compañeiros de viaxe.

ESTEVO: Ide, Galtier, e que o Señor vos acompañe.

(Saen xentes da Basílica, e con elas un crego acompañado de cruces e estandartes, que se achega ós Peregrinos. Estes axoénllanse devotamente).

CREGO: !Irmáns¡, hoxe é o día máis grande das vosas vidas. Acabades de chegar a Compostela. Entrastes pola porta Francíxena, despois de superar a dura penitencia e o sofrimento do camiño. E dentro duns momentos ides estar no interior do templo máis venerado de toda a cristiandade. Pasaredes a noite en meditación ó pé do Sartego do Apóstolo, e, pola mañá, o voso "Rei" presentará as vosas ofrendas mentres recibides os azoutes litúrxicos e alcanzades o perdón de todos os vosos pecados. Será entón cando poderedes disfrutar do privilexio de pregar diante da "Arca Marmórica" e de pousar o voso chapeu sobre a testa do propio Santiago. Mentres isto non aconteza, recibide agora a nosa bendición para que o Señor vos sexa propicio en todo canto, con tanto sacrificio, viñestes implorar:

"!!Benedicat vos omnipotens Deus, Pater, Filius et Spiritus Sanctus¡¡".

(Os peregrinos medio se encollen para recibir o abenzoamento. Logo o crego precédeos, entoando de novo o "Te Deum", para entrar na Basílica. Valeirase o Adro e faise o silencio. Estevo quédase só. Vanse indo logo, pouco a pouco, as luces ata ficar todo case que ás escuras. Estevo recóllese en oración. Nisto acéndese unha grande luz con moito estrondo, e ábrese a porta da Basílica. Escóitase a música de de "Veris leta facies" de "Carmina Burana, 3". Transcurrido arredor dun minuto a música funde coa "Fortuna Imperatrix Mundi", tamén de "Carmina Burana", o que coincide coa aparición no limiar da porta dun xinete sobre un cabalo branco, que se achega a Estevo nos compases seguintes ó impacto inicial).

XINETE: !Estevo, servo de Deus¡, ¿por qué dubidas?

ESTEVO: !Señor¡, ¿quen sodes?

XINETE: !Hoxe falaches de min, Estevo¡. E non me quixeches recoñecer. Burlácheste dos que crían en min.

ESTEVO: Sigo sen comprender, señor. ¿Que é o que queredes?

(O xinete achégase, escoltado pola música e espallados lóstregos. O estar perto del amósalle unha grande chave).

XINETE: !A túa testemuña, Estevo¡. Con esta chave, teño que entregar mañá, á hora tercia, a cidade de Coimbra ó Emperador Fernando e ó rei García.

(O xinete vaise alonxando, seguido polo foco intermitente da luz, e o "crescendo" final da "Fortuna Imperatrix Mundi", e sae da escea. O peregrino cae de xoenllos. Aparece Galtier, que acaba de saír pola aberta porta do templo).

ESTEVO: !Señor , Señor¡... ¿Sodes vós verdadeiramente?..

GALTIER: ¿Que ruído foi ese, reverencia?.. Está a treboar... ¿Por que tremedes?.. ¿Que é o que vos acontece?..

ESTEVO: Era "el", "miçe" Galtier, era el... !o Apóstolo¡. Saíu da súa sepultura montado nun cabalo branco, e faloume... Vai cara a Coimbra. Mañá, á hora tercia entrarán os cristianos na cidade. Acabouse a guerra, "miçe" Galtier. Coimbra será cristiana mañá, domingo, acabouse a guerra...

GALTIER: Erguédevos, reverencia. Empeza a chover. Levades demasiado tempo en oración, e estades esgotado. Vinde conmigo, e descansade.

(comenzan a camiñar).

ESTEVO: !Era "el", "miçe" Galtier, era "el"¡... !O Apóstolo¡...

(Mentres continúan os lóstregos e os trebóns, saen)





 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega