O valedor do reino (Peza histórica en catro actos)

Páxina Anterior

Actos II e III.

Páxina Seguinte

v2bernardezvilarvaledor002.html
ACTO II

(Mesmo lugar, semanas despois. Xente de Compostela diante da Basílica. Principia a soar a "Parada dos Carros", da película "Ben-Hur". A xente arremuíñase. Entra o desfile: O Emperador don Fernando, a raíña dona Sancha, o rei don García, o rei don Alfonso de León, o rei don Sancho de Castela, don Cresconio, don Vistruario de Lugo, don Sisnando de Viseu, don Suario de Mondoñedo, don Pedro de Guimaraes, e don Arriano de Celanova, séquito, soldados, e cautivos mouros portando en angarelas o botín. Os principais sitúanse nun estrado xa disposto e contemplan o desfile, que sae pola parte oposta. Ao rematar a música don Fernando extende as
mans cara á foula de xente, e cando se fai silencio puxa a don Cresconio para que sexa o primeiro en falar).

CRESCONIO: !Amados Irmáns en Cristo¡... !Loubado seña o Señor¡. As vosas oracións foron escoitadas. O Apóstolo sigue a ser o noso valedor. Anúnciovos que o domingo, día 11 de xullo, á hora tercia, as forzas cristianas entraron na cidade de Coimbra (berros. E ó facerse novo silencio:)... No medio da ledicia que estou a sentir despois dos padecementos sofridos, non me sinto quen máis que para dicir, coma San Agustín, ."Tale bonum est bonum pacis, ut in rebus humanis nil laetabilius concupisci, et nil utilius provideri possit". "A paz é un ben tal que non cabe querer outro máis preciado, nin procurar ningún outro que poida ser máis útil"...

(Novos berros. Cresconio cédelle a palabra ó Emperador).

FERNANDO: !Pobo de Compostela!... !Coimbra e todo o seu territorio forman xa, de novo, parte de Galicia¡. A nosa fronteira sitúase agora na taifa de Badalloz. Traemos máis de cinco mil cautivos, e a parte do botín que lle corresponde ó Apóstolo. Non foron doados de conseguir. Foron necesarios máis de seis meses de combates, baixo a chuvia, o frío, ou a calor. E aínda que nos chegaron a faltar mesmo as provisións, a axuda de Santiago, máis que o noso valor, permitíunos acadar a victoria. A Mesquita de Coimbra é agora unha Igrexa cristiana. Nela puiden xa facer cabaleiro ó meu vasalo Rui Díaz de Vivar, coma premio ó seu valor. (O aludido inclínase cara ó Emperador). Mais debo de dicir tamén, para que o saibades, que todos os guerreiros, o mesmo que os meus fillos, don Sancho, rei de Castela ...(os gritos da xente interrúmpeno. Don Sancho adiántase para saudar)... don Alfonso, rei de León... (acontece o mesmo)... e Don García, rei de Galicia... (a ovación e os berros acentúanse. Don García saúda)... así coma don Pedro, abade de Guimaraes... (repítense berros e saúdo)..., don Arriano, abade de Celanova... (Id. id.)... Don Sisnando, bispo de Viseu... (Id. id.)... don Suario, bispo de Mondoñedo... (id. id.)... don Vistruario, bispo de Lugo... (id. id.)... ou don Cresconio, bispo de Iria e Compostela... (o rumor, os berros e as voces aumentan)... souperon combater tamén con ardor. !Gloria, pois, para todos eles¡.

(Reprodúcense os vítores da moitedume, acentuándose os dados a don García e a don Cresconio. Volve a escoitarse a música, e o cortexo sae pola parte oposta a aquela pola que entrara).





ACTO III

(Sala do pazo episcopal. Nun estremo, o estrado real con varias cadeiras. Pola parte oposta entran Don Fernando, Don García, Don Alfonso, Don Sancho, Don Cresconio, cortesáns e meiriños).

FERNANDO: !Facede pasar ó señor de Longueville¡.

(Sae un dos meiriños, cunha reverencia. Nuns instantes, mentres se acomodan, reaparece, seguido de Galtier)

MEIRIÑO (anunciando): !Galtier Giffart, señor de Longueville¡.

(Galtier, agora con indumentaria señorial, aínda que con vieiras sobre ela, e portando a lira na man, inclínase).

GALTIER: !Señor¡.

FERNANDO: !Erguédevos, señor de Longueville¡, e decídenos, ¿tivestes unha boa viaxe?

GALTIER: Vir a Compostela coma peregrino, alteza, é unha das máis elevadas experiencias que pode vivir o ser humano. Representa a superación das limitacións e das fraquezas do corpo, e a sublimación do espírito. É certo que ó longo do camiño adoitan agromar as moitas baixezas que aniñan en nós. Mais a auténtica dimensión da peregrinaxe dánola a fe, a abnegación, a renuncia, o sacrificio, ou o desprendemento da inmensa maioría dos camiñantes. Ninguén que a teña levado a termo poderá seguir a ser xa coma antes. Cantos chegan a se axoenllar diante do sepulcro do Apóstolo non poden menos que se sentir confortados e limpios de toda culpa

FERNANDO: Admirádesme don Galtier. ¿Hai todo iso no Camiño?

GALTIER: Dispensade, señor, se as miñas palabras son tan pobres que non consiguen darvos unha idea sequera aproximada de canto nel se pode vivir e observar. Mais a realidade é que o Camiño é moito máis aínda. Por que por el viaxan xentes de toda procedencia e condición, que onda as súas cobizas de expiación, portan novas relacións, novas ideas, novos coñecementos. Polo camiño chegan tamén toda sorte de productos e de mercadorías, xurden vilas de soprendente vitalidade. No Camiño pódese advertir un mundo novo e impensado. O voso pai, o rei de Pamplona, comprendeuno moi ben cando abriu a través das súas terras unha estrada, e protexeu ós camiñantes fronte a cantos pretendían atentar contra a súa seguridade.

FERNANDO: Ben... ben... É moi interesante canto nos estades a referir, señor de Longueville. E estou convencido de que poderíamos seguir a falar de todo íso con todo o vagar e un grande pracer, pois supóñovos enteirado no xeito como atenden ós peregrinos nos mosteiros dos nosos reinos, de e que coñeceredes a nova Hospedería que construímos ó pé mesmo da Basílica. Mais, decídeme agora, ¿que outras novas nos traedes?.

GALTIER: (entregalle un pergamiño enrolado). Don Fernando, traiovos a mellor das respostas para a vosa petición. O meu señor Guillerme, Duque de Normandía, conquistador do Maine, de Anjou, e da Bretaña, e herdeiro da coroa de Inglaterra, acepta complacido o enlace entre Cecile, a súa filla, e o rei de Galicia.

ALFONSO: (saíndo ó medio, visiblemente irado) ¿Por que con el, pai?.. ¿Por que, non conmigo?.. ¿A que ven isto, agora? Sede xusto. Buscáchedeslle xa esposa a Sancho, que é o máis vello. Agora era a min a quen debía corresponderme, que son o segundo. Non a el, o máis novo de todos nós.

GARCIA: (dirixíndose ó seu pai) !Señor¡... pláceme, coma sempre, a vosa elección. Mais podédela reconsiderar, se o considerades necesario, en aras da armonía familiar.

ALFONSO: Acabamos de sacrificar homes, medios e fatigas para lle engrandecer o reino. Cónstavos que é así. E pagádenolo facéndoo pasar diante de min. Non sexades tan xeneroso, a custa dos demáis, pai e señor. Deixade que sexa García quen nos dea amos tras da súa capacidade e condición acadando pola súa conta o medrío do seu reino, ou procurándose esposa, se é que ten auténtica competencia para o conseguir.

FERNANDO: !Alfonso, coma sempre tamén, non entendes nada¡. !O que se dí, absolutamente nada de nada... O Señor, na súa infinita bondade deume tres reinos. Moito máis do que ningún home podería cobizar. E concedeume azos, medios, e conselleiros, que me axudaron a agrandalos. Mais, seguramente coma castigo polos meus moitos pecados, deume tres difíciles fillos. Certo que me gostaría que os tres fósedes quen de amosarme esa medida da vosa competencia á que te acabas de referir. Mais eu nunca tratei de facer distingos entre vós. Sábelo moi ben, Alfonso. Por iso principiei a facer as xestións para darvos esposa a todos ó mesmo tempo. Mais ata o máis simple dos meus vasalos é capaz de comprender que non é posible que todas poidese rematar coa mesma premura, aínda que non sexa isto o que a ti máis che importe. Non és o único do que me teña que ocupar. Molestouche que a primeira fose para Sancho, e moléstache tamén que a de agora sexa para García. Estou convencido de que se a filla de Guillerme de Normandía che fose destimada a ti, haberías de atoparlle algunha chata que che permitise poderte seguir a queixar. Atoparíala excesivamente nova, considerarías que o seme dun Duque era pouco para ti, ou calquera outro pretexto. O caso é poder ter algo que argumentar. E tampouco tes porque te queixar por terlle prestado agora axuda ó teu irmán, porque os vasalos de García axudaron antes a agrandar tanto o teu reino coma o de Sancho. Reprime, pois, a túa egolatría, e a túa lingua, porque vas ter axiña tamén unha esposa á tua auténtica medida. E emplázote asímesmo a que, cando eu vos falte, sexas quen de amosar esa capacidade que agora pretendes que lle esixa ó teu irmán. Mais mentres non chega esa ocasión procura tirar unha consecuencia práctica da instrucción que vos deixo.

ALFONSO : ¿A que clase de instrucción vos estades a referir, Señor? Non vexo máis instrucción que a das vosas preferencias.

FERNANDO: !Teñamos a festa en paz, Alfonso¡. Porque, se realmente te atopases en condicións de razoar, advertirías o significado de canto estivemos a facer durante o longo ano transcorrido dende o momento no que, diante dos restos de San Isidoro, os grandes dos tres reinos aceptáronvos coma reis. Xuntos podedes vencer. Divididos, encirrados uns contra os outros, nada acadaredes nunca. Esa é a miña instrucción, e a reflexión que pretendo que fagades.

(Alfonso refunfuña ainda, ollando irado cara a García. O emperador diríxese entón a Galtier).

     "Señor de Longueville, decídelle ó noso irmán o Duque, que nada nos place máis que o privilexio de recibir en Compostela á infanta Cecile. (Bótalle unha ollada ó documento). Naturalmente, dado que esta non conta máis que con once anos, isto será no momento no que el o estime convenente. Que este enlace represente o comenzo dun longo período de paz e colaboración entre os normandos e Galicia, tal coma don Cresconio soñou sempre.

CRESCONIO: Dispensade que vos corrixa nesta ocasión, alteza. Pasan xa de trinta e dous os anos transcorridos dende o último defrontamento. Levamos a vivir xa, pois, un longo período de paz. Mais a presencia da princesa Cecile, non cabe a menor dúbida que vai servir non só para seguir a mantela, senón mesmo para aumentar os beneficios da colaboración e a asistencia entre a Normandía e os reinos cristianos.

FERNANDO: Xa o escoitastes don Galtier. A Igrexa parece ter mellor memoria que nós e, coma sempre, é súa a última palabra. Fagamos votos para que o agoiro de Don Cresconio se cumpla.

GALTIER: Estou autorizado para comunicarvos tamén, señor, a ledicia do Duque por este enlace. Compostela ten sona en toda a Normandía, e máis lonxe aínda, de ser un mundo sagrado, cheo dun especial engado, e case máxico. E eu darei fe agora de todo canto vin e escoitei tanto acerca dela como da vosa propia grandeza.

(Galtier inclínase, e fai aceno de saír. García sígueo e alcánzao ó estremo da escena).

GARCIA: Permitide que vos acompañe, "miçe" Galtier. Non tanto para tratar de causarvos unha boa impresión, como poderíades pensar, senón porque debezo que me refirades cousas tanto sobre a Normandía como acerca de Cecile. Quérovos, ademáis, facer portador dun agasallo para o Duque.

GALTIER: Agradézovolo, alteza, porque iso facilita a miña misión. Nada hai que me recomendara tanto a infanta como averiguar canto poidese acerca de vós.

GARCIA: Comprendoo. A min acontéceme o mesmo. Mais como non ignoro que o Duque é un gran guerreiro, xa se lle empeza a chamar "O Conquistador", quero que lle levedes algo que sei que mo vai a agradecer mellor que ningunha outra cousa. Trátase dun cabalo; un cabalo de combate. Forte, e de boa alzada, capaz de moverse con toda a impedimenta, e coa virtude de obedecer ás rédeas coma ningún outro de cantos teño coñecido. Respecto a Cecile, agardo do voso bó xuicio que me axudedes a escoller nas tendas da Acibechería e da rúa do Vilare, os agasallos que máis lle poidan agradar. Vinde conmigo, pois.

(Cédelle o paso cun aceno, e ambos desaparecen polo foro).





Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega