Planeta dos ratos tolos

 

Escolma, Xovinián Primeiro contra ídem. I

Páxina Seguinte

v1bernardinogranaxovinian.html

I

(No río e no monte)

     —¿E dis —dixo o Rei— que esa historia vén de Alemaña e é dun Rei?
     —Pois se non lembro mal —dixo o mariñeiro Arandel—, foi nun porto alemán onde a aprendín. O título dela pode ser "Xovinián primeiro contra Xovinián Primeiro".
     —¡Curioso! —dixeron os contertulios.
     —Tamén —dubidou o Arandel— podía ser chamada: "A fachenda e a ignorancia sempre xuntas e en abundancia".
     —Xa ardemos de ganas de escoitala —dixo o Rei.
     Puxéronse cómodos e Arandel contou así:

     NO REINO DO REI Xovinián e a Raíña Eduvixes todo marchaba ás mil marabillas, sen guerras, sen pestes, sen incendios. Pero neste planeta as cousas non son nunca perfectas e, cando menos o esperaba, Xovinián houbo de perder o trono, a muller, todo.
     Había pouco que no reino tiveran lugar as vodas da única princesa cun príncipe moi importante dun reino veciño. De xeito que o Rei e a Raíña estaban moi satisfeitos e descansados.
     Unha mañá o Rei Xovinián espertou como outra mañá calquera. Abriu os ollos, viu ó seu carón, tamén no intre de espertar á Raíña... e fixo como un sorriso. A Raíña abriu de todo os ollos. Notou algo no marido. Sen se mover da cama, que era moi grande, púxose a reparar no que facía o Rei.
     O Rei ollou para o teito, que era de madeira de castiñeiro labrada e vernizada. Logo ollou para as xanelas, que tiñan vidros de cores, logo para as roupaxes reais, que estaban ciscadas por cadeiras de boas madeiras, por coxíns e alfombras orientais. Coas mans colocadas por debaixo da súa propia cabeza, o Rei ollou toda a cámara. De contado ergueu, foi onde tiña as cousas de aseo e, ollándose nun espello enmarcado en ouro, estivo un anaco a frotar a face cunha toalla azulada. De súpeto, tirou a toalla e bateu palmas dando unha orde:
     —¡Criados! ¡Camareirosl
     Os criados e xefes de cámara viñeron correndo.
     O Rei faloulles:
     —Arranxade axiña un bo almorzo con torradas de manteiga... De manteiga con sal. E con salchichas das pequenas... E que na campa dos cabalos vaian preparando os cabalos e todo o necesario para un día de caza. Traédeme agora mesmo a roupa de caza e vestídeme.
     Houbo rebulicio e zafallada e correteos de mordomos, criados, capitáns... Unhas camareiras pasaron coa Raiña atrás dunha cortinaxe de seda, e alí axudaron a vestila, mentres na cámara empezaban a vestir ó Rei da maneira que el quería para ir de caza.
     Axiña estivo todo amañado.
     Os monarcas almorzaron felices, conversando, comentando o fermoso día que facía de comezos de outono, de como seguramente poderían coller moitas perdices e de como paparían xuntos unhas cantas no anoitecer.
     Cando o Rei Xovinián Primeiro saíu á parte traseira do pazo, ó que chamaban "a campa dos cabalos", xa estaban os cabalos, os cabaleiros, os músicos, os criados, todos con alegría e elegancia agardando. O capitán Valerio, que era o seu brazo dereito para xiras como aquela, acudiu a saudalo solemnemente e a dar exemplo ós soldados de obediencia e disciplina. Era un home loiro, fillo de campesiños, aínda xove, ó que apreciaba moito.
     Brillou o sol nacente no casco de prata da cabeza do Rei.
     Soaron trompetas, timbais, vivas. Houbo mesmo tremular de estandartes como se saísen para unha guerra. Vibraron as patas e os rabos dos catro cans perdigueiros.
     O Rei, moi satisfeito, despediuse da Raiña que lle acenaba desde unha xanela, montou, axudado polo capitán Valeiro, no seu cabalo branco, e saíu para a cacería acompañado de moita xente.
     Saíron por aquela espaciosa campa e contornearon todo o soberbio pazo real pasando perto da porta principal. Axiña se decatou o Rei de que alí, na entrada principal, estaba como debía ser, no seu posto, outro dos seus máis fieis servidores, o capitán Alberte, o xefe da garda do Pazo. Ollouno un par de segundos, de esguello, comprobando que se tiña posto firmes no alto da escalinata do pórtico, saudando marcialmente ó monarca. Tal como pensara, atoparon bandos de perdices. A maior parte eran novas, inexpertas, non acostumadas a desconfiar e fuxir a tempo dos homes, e foi fácil arrecadar ducias delas.
     Polo mediodía fixeron un descanso á sombra duns carballos para escapar da calor, que era como de verán, e para reparar forzas tomando algún alimento. Despois continuaron cazando, ata que, sentindo calor e cansazo, decidiron achegarse a un río de augas limpas entre bidueiros, ameneiros e outras plantas frescas e gratas. Alí beberon e molláronse un pouco as faces, e ó Rei Xovinián apeteceulle quitar as roupas de caza, cousa na que lle axudaron, e, de seguido, apeteceulle espirse de todo e darse un baño no río. Ordenoulle ó capitán Valerio e a todos que se alongasen, para non ser visto en coiros, e que non se preocupasen del durante algúns minutos. Botouse moi feliz na corrente do río, que era bo para tales baños, sen perigos, e estivo entre pedras e herbas, entre correntes e remansos, xogueteando e nadando, e chegou ata a outra marxe.
     Con calma, saboreando aqueles momentos de pracer, foi vindo de novo para onde deixara as roupas. Entón levouse unha sorpresa. Non había roupas. Nin as roupas de caza nin sequera os seus panos menores. Tampouco soldados. Nin cabalos, nin cans. Nin o seu fiel capitán Valerio.
     Deu voces: "¡Valerio! ¡Valerio! ¡Soldados! ¡Soldados!".
     E nada.
     Ninguén contestaba.
     Pensou: "Debinme de equivocar. Non é aquí. As correntes deberon de me levar río abaixo... Será máis para contra corrente".
     Seguiu buscando e nada. Nin roupas, nin cabalos, nin soldados, nin capitán.
     —¡Que estraño! —falou consigo mesmo—. ¿Qué é o que pasa? ¡Estou espido de todo!... ¿Será unha emboscada? ¿Será algunha trampa dun inimigo? ... ¿Haberá inimigos escondidos? ¿Estarán por detrás destes ameneiros? ¿Fuxiron os soldados e o capitán? ¿Mataríanos a todos?
     Seguiu dando voces: ¡Valerio! ¡Valerio! iSoldados! ¡Soldados!
     Tapou as súas partes con follas das árbores. Prestou a atención máxima ós sons por uns segundos. Só se oía o rumor das augas do río e rechouchíos de aves na fronde.
     Empezou a sentir frío. Apañou ramallos de ameneiros e fixo polo van coma un taparrabos do máis primitivo. E sentiuse un desvalido, un pobre home... De súpeto viu algo interesante no chan. Eran pegadas de cabalos e de cans.
     Foinas seguindo e comprendeu que toda a compañia marchara por alí. A simple vista non había pegadas de cabalos de ferraduras diferentes ás do seu reino, non se apreciaban sinais de pelexa ou batalla. O sol ía baixando, o fresco ía aumentando. A angustia, a sensación de invalidez tamén medraba.
     —Todo un monarca coma min —pensaba— neste traxe de Adán, nesta situación de ridículo... ¡Que vergoña, se pasa un pastor, unha lavandeira, un campesiño...! Ben. Supoño que me recoñecerán... Se non me recoñecen, mellor. Pasarei menos vergoña... Pero supoño que me axudarán... O que necesito é que alguén axude axiña... Xa vai empardecendo.
     Rechouchíos de aves e rumor de río correndo sempre igual.
     Ameaza de sombra, de frío e de silencio. Había ben pouco que sentira calor. Calor física, polo sol e as roupas, e calor de protección e respeto e agarimo. Agora nin sol nin roupas nin xente que o protexese e mimase. A brisa que antes do solpor era un regalo, agora era unha gadoupa que lle chegaba ata o corazón.
     —Esta mañá —pensou— eu era o Rei máis poderoso e feliz, co meu pazo, as miñas alfombras, os meus servidores, os meus capitáns e, sobre todo, coa miña Raíña... Agora ando en coiro e perdido... De repente todo desapareceu... ¿Estarei morto? ¿Será que pasei, sen me dar de conta, a outro mundo? ...Lembro que me botei ós baños... Nadei un pouco e xa voltei para onde deixara as roupas...
     Seguiu cavilando e ó mesmo tempo seguiu subindo do río cara ós camiños e pescudando pegadas de cabalos.
Veulle unha idea.
     —¡O eremita Froilánl Ese axudarame. Mora por aquí arriba, no monte... Irei onda el... Si. El axudará. Xa estou salvo. O eremita Froilán quéreme ben. Téñolle feito favores.
     Foi, sobe que te sobe, entre xestas, entre toxos e silvas, sentindo moitas pinchadas e rabuñadas nos pés, nas pernas, por todo o corpo, pero ó mesmo tempo sentindo un pouco máis de calor polo esforzo de camiñar, subindo a encosta do monte, sentindo tamén esperanza firme.
     —O eremita Froilán —dicía para si— é un home puro, un home santo, vive para a relixión, para facer o ben. Por fin recibirei axuda e verei un ser humano.
     E subía animoso.
     Chegou ó casopo do eremita coa lingua de fóra. Respirou fondo. O aire cada vez máis frío. Colleu forzas e berrou: "¡Froilán! ¡Froilán! ¡Froilán!"
     Achegouse máis á casopa: "¡Froilán!". E o eremita non daba sinais, non saía a recibilo.
     Xovinián pegou a cabeza ós paus da porta. Entre eles puido enxergar a figura do eremita. O eremita estaba inmóbil. Por uns segundos Xovinián chegou a pensar que era como unha momia ou unha estatua. Pero comprendeu axiña que o que ocorría era que Froilán estaba en oración, nun prego místico, nunha éxtase que non debía ser interrompida.
     —Froilán —impacientouse Xovinián—, perdoa a miña interrupción... Non quero interromper os teus pregos, pero tes ocasión de facer caridade, de demostrar o teu amor polos demais... Son un pobre peregrino sen roupas, sen nada... Perdín todo.
     Silencio e o rumor baixiño dun prego.
     —¡Froilán! —dixo a brados Xovinián—. Mándoche que abras a porta agora mesmo. ¡Mándacho o Rei Xovinián!
     Silencio outra vez.
     A angustia de Xovinián medraba, como o frío e a escuridade. Viu un coio no chan e apañouno e púxose a bater con el a porta da cabana, con todas as súas forzas, bradando:
     —¡Remata os teus pregos e abre! ¡Cumpre con Deus e co teu Rei! ¿Que relixión é esa? ¡Estou aquí esperando que me axudes! ¡Son o propio Xovinián!
     Parou de bater e escoitou atento. Dentro o eremita non se moveu. Por fin Xovinián oíuno falar. O eremita dixo con serenidade:
     -¡Vaite, encarnación do diabo!
     Xovinián sentiu un forte arrepío por todo o corpo. Sentiu a brisa fresca ata adentro no corazón. "¡Encarnación do diabo! ¿Como é posible que Froilán me diga iso a min?", pensou para si. E dixo en alta voz:
     —¿A quen lle dis iso? ¿A min, o teu Rei Xovinián?
     De novo con serenidade, sen se mover, mandoulle a resposta o eremita:
     —Ti non es Xovinián, que es un demo.
     E Xovinián sentiu un medo que nunca sentira na vida. Comprendeu nun segundo de lucidez que hai muros que non se destrúen con arietes ou catapultas, que hai castelos e batallas máis fortes no espiritual que no militar. "Non sei —pensou—, non sei nada do que está acontecendo. ¿Será cousa dun demo? ¿Entraría dentro de min un demo?" Pero arrepúxose e contestou:
     —¿E ti non estarás tamén posuído polo demo? ¿Es ti o eremita Froilán, o que me di esas cousas e non me abre a porta?
     —Son —dixo con calma o eremita—. Estou ben certo de quen son e do que digo. O meu Rei Xovinián veu hai un pouco aquí cos seus soldados a visitarme e pedirme a bendición.
     En sentindo estas palabras, Xovinián aínda sentiu máis frío por fóra e no corazón.
     Logo sentiu que o relixioso dicía: "¡Vaite, impostor!"
     Afastouse da cabana e foi repetindo coma un parvo: "Xovinián veu hai un pouco por aquí, Xovinián veu hai un poco por aquí, Xovinián veu hai un pouco por aquí. ¿Pero entón eu quen son? ¿Son un demo que colleu a forma de Xovinián? ... Pero eu teño conciencia de que son Xovinián... Lembro todos os detalles... Como saín esta mañá do pazo, como cacei, como comín, como me espín e metín no río. Lembro que pasei ó outro lado do río... Aí é onde empeza o lío... Cando volvín para este outro lado, onde tiña as roupas e os soldados, xa non atopei nada..."
     E, coma un autómata, coma apalambrado, ía baixando polo monte. Oíanse uns cans nun pequeno monte en frente, ladra que te ladra. Caíalle o taparrabos de follas. Entón tivo que espelirse. Saíu do abraio, e atendeu a cubrirse e a moverse de alí. Parouse un anaco. ¿Que podía facer? ¿A quen acudir? ¿A quen pedir axuda? Prestou atención ós cans de alí en frente e dixo:
     —¡Ahl ¡Aí en frente teñen a casa os pais de Valerio, o meu fiel Valerio! ¡Eles si que me axudarán!
     E con novos ánimos seguiu baixando o monte para pouco despois subir polo outeiro da casa onde ladraban os cans con insistencia. Esgarduñábase nas silvas, nas toxeiras, nas matogueiras, caíanlle as follas do seu burdo taparrabos, aparecíanlle feridas polas pernas e sangraba... Pero el seguía para adiante coma apampado. Perdía o camiño e volvía atopalo. Nun certo momento, ó ollar para o chan, descubriu excrementos e pegadas de cabalos. E ilusionouse, recuperou ánimos, matinando que podían ser dos seus propios cabalos. "Aclararase todo. O Froilán chamoume impostor. Pero, se acaso, pode que alguén me roubase as roupas e ande de impostor a facerse pasar por min, polo Rei Xovinián. Aclararase todo". E camiñaba e camiñaba, mancándose, tropezando, tendo que apañar outros ramallos para cubrirse o corpo.
     Os cans ladraban, e mesmo ouveaban terribles e feroces, na casa á que se dirixía. Alí moraban os pais do capitán Valerio, que eran uns vellos que pasaran de non ter nada a ter casa e terras, precisamente gracias ó favor do Rei Xovinián, por mor de que o xove Valerio caéralle en gracia e nomeárao o seu lugartenente. Eran medosos, túzaros e desconfiados. Estiveron ollando desde alí o que acontecía ante a choza do ermitán. Decatáranse de como o ermitán non recibiu a este home que agora sobe cara a eles. Danse de conta do raro que é. "Non trae roupas. Ven ferido. Sangrando. A pel é moi branca. Non ten pinta de labrego. Debe de ser un forasteiro", van pensando os vellos.
     Cando por fin o Xovinián, alterado, nervioso, cansadísimo, greñudo, despenuxado, se presenta ante eles, os cans irrítanse e póñense tolos e queren atacarlle. E o diálogo é imposible. Os vellos recíbeno de malos modos:
     —Váiase de aquí. ¿Que fai aquí? ¿Quen é? ¿Quen é?
     —Son o Rei Xovinián.
     —E eu —berra o pai de Valerio— son o Emperador da China.
     E os cans veña arregañar os dentes, e dar brincos violentos e ladrar e ouvear.
     —Son o Rei —brada Xovinián—. Ti es Valerio, o pai do meu capitán Valerio.
     —Vaite de aquí, vagabundo, mentirán, ou sóltoche os cans —di o vello—. Se os solto, cómente.
     —Señor Valerio, que son o Rei —insiste o outro.
     —Cómente —segue o vello—. E farían ben en comerte, porque debes de ser un bandido que nos quere enganar. Has de saber que eu coñezo ó Rei mellor ca ti, e son tan amigo, que el mesmo en persoa estivo aquí, aquí mesmo estivo aínda non hai media hora. Vaite con esas troulas a outra parte. Vaite, que xuro que arrío os cans e comerante.

     ¡UF! ¡QUE TERRIBLE! ¡Que historia! —suspirou o Rei Carolo.
     E as princesas, o poeta, o Paramés... tamén daban mostras de estaren arrepiados, conmovidos co conto.
     —Dádeme un pouco de viño e queixo do país —pediu o Rei Carolo dirixíndose ó mordomo.





 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega