Planeta dos ratos tolos

Páxina Anterior

Escolma, Xovinián Primeiro contra ídem. II

 

v1bernardinogranaxovinian002.html

II

(No pazo)

     Despois duns grolos de viño tinto con algunhas frebas de xamón e algúns taquiños de queixo e entre comentarios arredor do conto e preguntas impacientes das princesas, que querían saber rápidamente o remate, téndose encalmado, tanto os escoitadores como o narrador, este último continuou así:

     COA ESCANDALEIRA de voces entre os vellos e aquel ser estraño que eles chamaban impostor e os ladridos dos cans, foise formando alboroto por todos aqueles arredores. Todos os cans do entorno sumáronse a participar no batifondo e os homes e mulleres e nenos de todas as casas foron saíndo para ver o que acontecía.
     O causante de tanto rebumbio empezou a sentir unha gran vergoña. Botouse a camiñar en dirección do pazo real. Dábase de conta de que ía sendo hora de cear e de recollerse. Entráballe a angustia de verse sen amigos, sen cea, sen casa, sen comprensión. Viu caras de nenos bochechudos e mocosos, algúns mal vestidos, e con remendos, pero intuía que viñan xa de cear e estaban alegres. Alegráballes agora a novidade, o espectáculo que era el propio, tan estrafalariamente cuberto de follas, despenteado, suxo, salferido de sangue.
     Por todos os camiños perto do pazo foise correndo a voz de que unha especie de demo espido, pero que levaba moitas follas ou remallos, viña berrando que el era o rei Xovinián.
     Aquilo producía moita risa, a uns máis e a outros menos. Ós que máis lles producía risa era ós que tiveran a sorte de ver pouco antes da cea pasar soberbio no seu cabalo branco ó propio Xovinián acompañado de soldados e amigos. Porque había xentes que aseguraban telo visto pasar na dirección do pazo. Así que foron apiñocándose nenos, mulleres, homes... Os nenos escapaban das casas e baixaban ó camiño que seguía aquela especie de ser selvático cuberto de verde. As nais berraban os seus nomes. Os homes mandaban calar os cans e atábanos. Creáronse grupos e foise facendo como un corredor de xente curiosa nas beiras do camiño. Moitos armáronse con forcas, con estadullos, con trancas e berráronlle palabras insultantes e burleiras: "¡Impostor! Mira que atreverse a dicir que é o Rei, con esa pinta"... E houbo algún neno ou algún mozo que se atreveu a lanzar pedras ó seu paso e houbo quen lle deu algún empurrazo e quen lle arrincou follas para velo espido. Uns chamárono impostor, outros traidor, outros vagabundo, outros tolo, outros demo, outros desgraciado. Isto último, o de desgraciado, impresionoulle máis que nada. Decatouse da ollada que lle dirixían algunhas mulleres. Había olladas de medo, de receo, pero tamén había algunhas de conmiseración, de certa tenrura. Entón atrevíase e ía dicindo: "¡Son o Rei, son o voso Rei, crédeme. Nunca vos vira de tan perto... Quizáis por iso non recoñecedes a miña face... Mirádeme. Si, mirádame ben... Son o rei, o voso rei". E seguía camiñando cara ó pazo real. "Todo se terá que aclarar moi axiña. Irei ó pazo e os meus soldados e capitáns recoñeceranme. Eles sempre andan máis a rente de min".
     Pero para entrar no pazo viuse con moitas dificultades. Na gran praza que se estendía diante formárase unha barafunda de xentes normais e xentes de armas que impedían o paso. Os soldados e gardas do pazo foron os que lle abriron camiño. El sentiuse medrar en vendo os seus servidores e deu unha voz forte:
     -¡Paso! ¡Son Xovinián, o voso rei!
     E houbo moitas risas entre a xente da vila e mesmo entre os militares.
     El volveu dar unha voz:
     -Meus soldados: olládeme ben. Olládeme sen medo. ¿Recoñecédesme ou non?
     -Xa te ollamos -dixo un militar, que resultou ser o sarxento mor-. E imos levarte para o pazo.
     -Xa te olIamos e imos levarte -dixeron outros en plan de burla.
     -Claro que te levaremos -engadiu outro-, pero será para o calabozo do pazo.
     -¡Vaia un Rei! ¡Parece un adán!
     -¡Parece un toliño da miña aldea!
     -Parece un bosque andante. ¡Ha-ha-ha!
     E todos rían e facían chufa. El detívose, volveuse contra o sarxento mor, e, encarándose, díxolle:
     -Xa lembro. Ti chámaste Paulino.
     O sarxento mor abraiouse un tanto, pero axiña reaccionou e dixo ós soldados:
     -¡Prendédeo e ó calabozo con el!
     Ó sarxento mor, que efectivamente era chamado Paulino, o feito de que aquel individuo soubese o seu nome confirmáballe a sospeita, que xa se estendera por toda a vila, de que se trataba dun demo de pouca importancia que o demo maior tivera a ocorrencia de ceibar aquel día entre eles para se divertir e facer algunha experiencia. Foi atrás del e analizoulle o rostro e comprobou o enorme parecido co comarca. "O demo é un bromista e un enganador. Diso non hai dúbida", cismou o Paulino. "Tan enganador que mesmo pode mostrarse ante a xente espido, con rabuñazos, con marcaduras, con cara de pobriño a sufrir... Tamén pode ser un demo de pouca categoría castigado polo seu xefe Satanás". De maneira que o propio Paulino e outros soldados colleron o desgraciado e levárono polas escadas arriba do pórtico. Alí ante a porta estaba o Capitán Alberte.
     -¡Capitán Alberte! -dixo como soberbio o desgraciado- ¡O meu gardián! ¡O meu fiel porteiro!
     O capitán Alberte sentiu un certo arrepío polo corpo. Tiña falado moitas veces con Xovinián, co seu Rei. Aquela era a voz del. Púxose moi a rente e ollouno.
     O Paulino soproulle na orella:
     -Non te fíes, meu capitán. Xa sabes como as gasta o demo. Non te guíes polas aparencias.
     O capitán Alberte decidiu interrogar a aquel demo ou o que fose.
     -¿De onde vés?
     -Esta mañá saín de caza con Valerio. Ti víchesme pasar. Puxécheste firme.
     -Iso non me demostra que sexas o meu Rei. Podes ser un impostor. A miña obriga é non deixar entrar no pazo a ningún sospeitoso. Eu estou para gardar ó meu Rei... Dicías que saíches de caza.
     -Sí, a cazar perdices... Eu levaba o meu casco prateado, a miña roupa de caza.
     -¿E que máis?
     -Despois de cazar moitas perdices, para aliviarme da calor e do cansazo desprendinme de casco e roupas e metinme nas augas do río e bañeime e nadei...
     -¿E que máis?
     -¿Pero de verdade que non me recoñecedes? -dixo o home-. ¿Que cousa do demo está acontecendo? ¿Onde está a miña esposa Eduvixes? ¡Que veña Eduvixes! ¿Con quen está Eduvixes?
     Que un demo puidese dicir "¿Que cousa do demo está acontecendo?" parecíalle a un tempo chocante e normal. Normal nun demo. Non se estrañou moito. Pensou un chisco e tivo unha idea. Faloulle á parte a Paulino e Paulino, de súpeto, cunha lanza e mais cun puñal, fai como unha cruz e preséntaa no nariz do home, mentres lle di:
     -¡Xura por Deus, ante a cruz, que ti es o Rei!
     Pero o home, nada, que non se espanta.
     Aí xa o Paulino e o capitán Alberte empezan a pensar se non será de verdade o Rei.
     O individuo, sen enguruñarse, falou todo teso:
     -Escoitade todos. Xa sei o que estades a pensar. Non son un demo, non. Mirade como eu tamén fago o sinal da cruz --e marcou unha cruz cos dedos e bicouna-. Estou a sufrir con bastante paciencia todo isto, eu o Rei, aínda que me vedes así...
     Interrumpeuno o capitán Alberte dicindo:
     -Ó meu Rei Xovinián franqueeille eu a porta hai unha hora... Baixou do seu cabalo e entrou por esta porta... Agora estará a cear coa Raíña as perdices que cazou, ou estarán os dous na real cámara.
     De repente o home berrou:
     -A cámara..., as perdices... Hai unha usurpación... ¡Eduvixes! ¡Pronto! ¡Que veña Eduvixes, a Raíña, ou levádeme correndo adentro! ¡Dádeme roupas...! O demo é o que tedes dentro. Quero dicirvos, que dentro do pazo... ¡Pronto!
     Houbo en todos estremecemento, dúbida, nerviosismo.
     O sarxento Paulino entrou no pazo con dous soldados.
     O capitán Alberte deu orde de que se despexase toda a praza e todo o mundo fose durmir.
     Varios soldados agarran entón o home, méteno dentro, el déixase levar, pide roupas, dá detalles de onde poden estar as roupas, fala con voces de mando, chama ó capitán Valerio, atrapállanse todos. Mentres o home se pon roupas de Rei, o capitán Alberte e o capitán Valerio teñen unha conversa:
     -Temos dous Xoviniáns.
     -Si. Pero un chega tarde para papar as perdices.
     -¿Xa as paparon? ¿E onde andan agora? ¿Foron para a cámara?
     -Subiron... Pero baixaron de seguido. Vin que el non quería entrar alí. Ela estaba contenta. Comeu e bebeu ben de viño. El díxolle que conviña refrescarse na campa dos cabalos e están por alá.
     -Cabalos... Teño unha idea -falaba o Alberte--. Ven comigo.
     O home, xa ben preparado de roupas, ía dun lado para o outro do pazo preguntando pola Raíña, dando ordes a mordomos e criados, que andaban confusos e atordoados, pois nunca tiveran dous reis a un tempo, os dous igualiños.
     Nisto, volveron aparecer o Alberte e o Valerio. Traían o can preferido do Rei, o can chamado Marzal.
     O home apartou a criados e mordomos aparvados e chamou:
     -¡Marzal!
     O can parou, requichou as orellas e ollou, case tan abraiado coma os criados, durante uns segundos. Logo achegóuselle maino, confiado, e deixouse apalpar, e mesmo lambeu unha man do home.
     Valerio comentou en voz baixa con Alberte:
     -¡Que estraño todo isto! Reaccionou igual que co outro.
     -¿Imos á campa con el? -preguntou o Alberte.
     -Vamos -dixo o Valerio--. A ver que pasa agora cando se encontre un Xovinián con outro Xovinián. Non hai outra maneira de acabar co misterio. Ti distrae un pouco a este uns minutos, mentres eu me adianto e preparo á Raíña, aínda que xa lle foron hai pouco chegando noticias de por que alborotaban na porta. Faláronlle dun "intruso".
     E o capitán Valerio foise.
     Pouco despois chegaron co "home en traxe de casa" á parte de atrás do pazo "chamada a campa dos cabalos".
     O home pediu unha lámpada. Actuaba como se fose realmente o Rei, con fachenda de Rei. Aínda que estaba todo escuro e a campa era moi grande, axiña descubriu a parella que buscaba. A Raíña tampouco perdera a súa presencia de Raíña e agardaba serena ó lado dunha figura que o home viu que era exactamente a súa figura.
     O home mandou que o deixasen só. Quedaron os capitáns e criados atrás e achegouse á Raíña e o "outro".
     Baixo a luz da lámpada, a Raíña ollou para un e para outro varias veces. Eran simplemente Xovinián Primeiro dúas veces. Xovinián en traxe de casa e Xovinián en traxe de caza. Os tres estiveron en silencio ollándose e ollándose, mentres, a poucas brazas, capitáns, mordomos, secretarios, criados ollaban para os tres en absoluto mutismo e pasmo.
     Por fin, a Raíña, serena, dixo para un e para outro:
     -Non sei cal dos dous é o meu marido... Estou pensando... Estou pensando con cal dos dous me deitei a noite pasada... -pasaron uns minutos de silencio e continuou-: Por exemplo, cóntame ti... e cóntame ti como foi o espertar pola mañá.
     Foi como se lese rápidamente o pensamento un ó outro.
     -Moi feliz -dixeron os dous a un tempo, e parecía que soaba unha soa voz.
     O de traxe de casa dixo por un lado:
     -Espertei ollándote a carón de min na nosa cama.
     -¿E que máis ollaches? -preguntou ela. .
     -Ollei para o teito -dixo por outro lado o de traxe de caza.
     -¿Como é o teito? -di ela.
     -De madeira de castiñeiro -di o de caza.
     -¿Vernizada ou non?
     -¡Vernizada! -din os dous a un tempo.
     -E ó erguer da cama ¿que?
     -Fun ó lavatorio e olleime no espello -di o de traxe de casa.
     -¿Como está ese espello?
     -Enmarcado en ouro -din os dous a un tempo.
     -E ¿como o enxugar da cara?
     -Cunha toalla azul -din os dous a un tempo.
     -¿E despois?
     -Berrei a criados e camareiras para arranxar un almorzo -di o de traxe de casa.
     -¿Almorzo de que?
     -De salchichas e manteiga -din os dous a un tempo.
     -¿Con sal ou sen sal?
     -Con sal -din a un tempo.
     E volven quedar calados, como atuídos, os tres, durante segundos, tal vez minutos, con todos os outros a pouca distancia coma pedras ou estatuas.
     Nisto, a Raíña nota que o de traxe de cacería dirixe a ollada pola campa adiante cara ó fondo de árbores e percibe alá, entre as árbores, un son como dunha curuxa lonxana.
     O mesmo individuo, o de traxe de cacería, vólvese entón cara o outro e di:
     -Contaches... ou contamos... os actos, o que se ve por fóra, pero falta o máis importante: os pensamentos.
     E o de traxe de casa, o que tiña a lámpada na man, empeza a poñerse algo nervioso. A Raíña nese intre, con certa excitación, di:
     -Agora lembro que nada máis espertar notei algo no marido, que pensaba algo que non me contaba.
     -Agora é o momento de contalo -di o sen lámpada.
     E a lámpada na man empeza a tremer. E o seu portador confesa:
     -Estoume cansando. ¿Quen es ti? ¿Con que dereito furgas na miña... na nosa intimidade, na da miña mulIer e eu?
     Pero o outro non se inmuta e insiste:
     -Di o que pensabas. E di se aínda o pensas.
     E hai un minuto de silencio que parece como un ano enteiro. O da lámpada ponse máis nervioso aínda, semelIa non resistir as olIadas do outro e da mulIer. Como non podendo co peso da lámpada inclinase e póusaa de pé, alí mesmo, entre os tres, sobre a herba. Ó recobrar a postura do corpo, observa de arriba abaixo e de abaixo arriba o corpo do outro. MarabíllalIe que teña uns pés exactamente do tamaño dos seus pés, que lIe encaixen tan ben as súas botas. As botas, toda a vestimenta, o cinto, o casco de prata sobre a cabeza... son botas, vestimenta, cinto, casco que non hai moito levaba el, ata que tivo o ocorrencia de se meter no río.
     -¿Quen es ti? ¿Como é que levas o meu casco, as miñas roupas...?
     -¿Aínda non o sabes? -contesta o outro. .
     -Non, non o sei.
     Entón é cando o outro ollándoo cos ollos grandes, ben de frente, solta:
     -Sodes orgullosos e ignorantes. O orgullo cégavos. Convértevos en ignorantes.
     Hai máis segundos, que parecen moi longos, de silencio entre os tres, e logo o que acaba de calar segue:
     -"¿Con que dereito furgas na intimidade nosa?", acabas de dicir. E a resposta é ben simple. Ti es un rei. Ti mandas en moitos. Estás ensoberbiado. Estás cego. Cego por ese arruallo. Non furgas ti en ti mesmo... E teño que vir eu...
     -¿Pero quen es ti? -insiste o Xovinián en roupas de casa.
     -E eu -di o Xovinián en roupas de cacería- pregúntoche: Dille agora á túa muller o que pensabas esta mañá ó espertares.
     -Si, si, dimo -esixe ela.
     E repítese a situación de mutismo. E o das roupas de casa ten agora a cabeza máis baixa, olla no chan a lámpada abombado. De seguido, revírase e olla para toda a xente que está de pé a poucos metros: os mordomos, os capitáns, os criados... Por fin, coa voz máis forte, con claridade, di para a súa muller, para o vestido en roupas de caza, para todos:
     -Coido que xa entendo... Oídeme ben... Desde que espertei hoxe estiven todo o día a pensar que non había outro poder máis grande que o meu... Eu que teño tantos servidores... Pero, efectivamente, son un rei... E un rei... Un rei ¿que é? É un pastor dun grande rabaño de homes e mulleres... Ten moitos servidores... E cégase e chega a non ver que el mesmo é o máis servidor... Esta tarde e agora que xa é noite... vexo o que son... Un pobre home como tantos... Vin nenos con mocos e remendos, e vellos e mozos que facían burla de min... E con razón... Vin que non me coñecen... Vin que eu non os coñezo a eles, ós meus súbditos... PoIa mañá díxenme a min mesmo: "Son coma un deus"... Hai ben pouco, cheguei a me decatar da miseria humana, da miña miseria, pero aínda seguín con soberbia... Perdón...
     Houbo en todos asombro e un silencio profundo.
     Inmediatamente, o Xovinián sen lámpada desprendeuse do casco e das roupas de cacería, que se ciscaron polo chan, e, ¡zas!, o asombro aínda foi moitísimo maior. Tiveron todos que pechar os ollos, porque aquel ser brillou e resplandeceu todo el, sobre todo no rostro, coma un sol. A súa face estaba moi branca. Houbo unha luz incrible pola campa toda. No mesmo intre fíxose visible, xunto das árbores, unha nube redonda, tamén moi branca, que fixo ver como en pleno día a ramaxe, as herbas, o pazo enteiro. E, nuns segundos, aquel ser transfigurado meteuse na nube e a nube marabiIlosa subiu e subiu con resplandores variados de cores, e deixou a todos medio cegatos e apalambrados.
     Viuse como unha poeira de luciñas e despois nada.


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega