Presenzas de Castelao en Barcelona. Dous momentos artístico-literarios

 

Pequena explicación

Páxina Seguinte

Presenzas de Castelao en Barcelona


     Como o título do presente volume, Presenzas de Castelao en Barcelona, pode suscitar dubidosas interpretacións, son necesarias algúnas precisións: trátase, fundamentalmente, da presenza da obra —pictórica, literaria—de Castelao en Barcelona durante o franquismo. Sobre todo en dous anos, dous momentos concretos, un terceiro xa foi estudado (1), delimitados pola mostra na Galaría Sargadelos da Cidade Condal dunha antolóxica da obra —pictórica— do rianxeiro en maio de 1973, e pola exposición do álbum Nós na mesma sala, en xaneiro de 1975; así como pola celebración, ese mesmo ano, de diversos actos en Barcelona co gallo do vintecinco aniversario da morte de Alfonso R. Castelao: reseñados na prensa barcelonesa da época, impulsaron a publicación de diversos artigos sobre a obra e a vida do autor de Cousas.
     Hai outros momentos de Castelao en Barcelona, algúns estudados (2) e outros reseñados, como a presenza do noso autor en Barcelona durante a guerra civil ou a exposición das estampas que compoñerían o álbum Nós no Ateneu Barcelonés en xaneiro de 1923, a recepción da antoloxía de Castelao publicada en 1982 (3) e a mostra feita na Palau Meca en 1986 co gallo do centenario do nacemento do político galego. O último momento coincide coa celebración dunha exposición dedicada a Castelao no 2000, reseñado case exhaustivamente en apéndice, conmemorando o 50 aniversario do seu pasamento e mais a versión catalá de Cousas (4).
     Así, conscientes do posíbel esquezo dalgún artigo ou reseña, o que citamos foi todo o que encontramos e o noso labor, máis ou menos sinxelo, consistiu en reproducir, con afán exhaustivo, os traballos aparecidos na prensa barcelonesa da época.










Os autores queren agradecer as colaboracións amigas de Antón Capelán, Salvador Casar e Basilio Losada.









                     NOTAS

1 Xesús González Gómez, Unha montaxe de Os vellos non deben de namorarse en español. (Recepción da crítica teatral barcelonesa á representación da versión española da obra de Alfonso R. Castelao.), A Coruña, Cadernos de teatro, 2º Época, núm. 7, 2001.
2 Referímonos á homenaxe efectuada en Barcelona en xullo de 1932. sobre tal homenaxe, cfr. Xosé Lois García, Castelao i Catalunya, Lugo, Ed. Alvarellos, 1977; e tamén do mesmo autor, Castelao dende Catalunya, Sada, Ediciós do Castro, 1988.
3 Estamos a falar da recepción que puido producirse do libro El problema de las nacionalitats ibèriques. Antologia de Sempre en Galiza. Próleg i antologia de Xosé Lois García, Barcelona, Edicions 62, 1982.
4 Alfonso R. Castelao, Coses, Tradució de Lluís Felip, Próleg de Basilio Losada, Barcelona, Empúries, 2000.

 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega