Versos primos

Páxina Anterior

Páxina 13

Páxina Seguinte

Epílogo

VERSOS PRIMOS

XOVE


Se vives a cotío o misterio da vida

disfrutando sen traumas do billete de ida,

dos tesouros ocultos que amosa cada xeira

o devalo do tempo na infinita ribeira.


Se te sabes mellor ou igual cós mellores

pero non o pregoas nin reclamas honores,
e aceptas as gabanzas de bocas verdadeiras

sen modestias finxidas nin palabras baleiras.


Se fas o que meditas que merece ser feito

e non furtas a cara nin agachas o peito.


Se calas moitas veces pero dis o que pensas
se falas, anque a moitos lles parezan ofensas,

e prefires mentar as virtudes cós vicios
aínda que obtiveses menores beneficios.


Se militas na vida activo no teu posto

brandindo unha ilusión con outra de reposto.


Se pretendes que as túas son ideas-diamante
e dáslle a quen discrepa un valor semellante,

e sabes que é doado confundir unha alfaia

cunha doa de vidro de magnífica talla.

 

Se abrazas unha causa que nega a maioría
e ao medrar os atrancos medra igual a porfía.


Se lles roubas aos soños menos tempo ca á cama
e lles rendes aos feitos máis honores ca á fama.


Se un anaco de paz sementas a cotío,
ese pouso inconcreto do tempo fuxidío,
porque sabes que o froito dese orballo inmorrente

fai a vida máis doce, máis lúcida e máis quente.


Se fas o teu camiño de cántiga e de verso
e o vento que habitamos no emprestado universo estreleces con pompas de dourada alegría
que estralan rosicleres na interina estadía.


Se consegues así que o zume se renove serás eternamente ¡eternamente! XOVE.


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega