Versos primos

Páxina Anterior

Páxina 22

Páxina Seguinte

Epílogo

VERSOS PRIMOS

PALABRA BERCIANA


E fíreme de novo a vella lira
telúrica no peito
onde habitan silencios que perderon o aire,

nesa gaiola eterna,
nesa eterna morada
de palabras tecidas con agullas de tempo,

camariñas e cántiga.


E, ferido no berce da palabra,
hoxe habito na patria da palabra berciana,

e transito no gume
do fío do vértice do abismo
cun ramo setestrelo que debullo no Bierzo,

seremos, non seremos, si seremos,
que se morre unha verba
tamén morre unha patria
e apágase unha alma canda ela.


E esconxuro estas verbas para seren crisálidas

ou roibéns esmeralda
que esfiañen as brétemas
e aturuxen barís no labirinto dun tempo

inzado de camariñas bercianas.


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega