Versos primos

Páxina Anterior

Páxina 23

Páxina Seguinte

Epílogo

VERSOS PRIMOS

LEMBRANZA DE GANDHI
 


I

 

O vento tanxe o diapasón
do tempo,
un atónito sol
alumea as frangullas penduradas

dos ramallos das almas
que esqueceran a flor,
un paxaro inefable, solemne,

escaravella
e bate cun bater de bolboretas

nos húmidos e febles
cristais do corazón,
cando arrinca o Mahatma
o retrouso sagrado do seu nome

e, sacramentalmente,
con sacra veste branca,
a Paz pregoa Universal e Sacra





II


Do lume a labarada

o derradeiro manto

ue un intre floreceu no corpo seco
- milagre tantas veces naufragado
na tempestade arcana
que azouta a idea e tolle o pensamento -

trocou - lirios e pombas - en borralla.


Ese teu monumento
tallado en humildade tantos anos

¿foi algo máis ca vento
nunha noite de vran cálida?¿Acaso

foi efémera falla
que entre chispas e estralos
a atención dominou na media noite

pra todo se acabar chegada a alba?


¿Fuches verme de luz na noite escura

que non se sabe ben pra que alumea?

¿Ou apócrifa lúa
- dondiego e mais camelia
do púcaro celeste -
que aos máis de nós soamente
que é noite, noite, noite nos relembra?

 




III


Eu quixera pensar que non morriches;

tal vez a túa cinza,esparexida
polos catro elementos,

fai medrar cada día
un pétalo de luz que leva o vento
a pousar quedamente
nun novo pensamento. ¡Quen puidera

encher con tales pétalos a terra!
¡Quen puidera botarte de semente
nos míseros buracos
que, en milleiros, facemos deste mundo

o mundo dos ananos!

 

 

 

 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega