Teoría do coñecemento

Páxina Anterior

21.

Páxina Seguinte

v2vitorvaqueiroteoriaconecemento007.html
21 Direi toda a verdade. Desatádeme, dixera Caterina Medici no ano do Señor de 1617. Mais era, mesmamente, a noción de verdade o que o tribunal do Santo Oficio -abenzoado sexa o seu nome por séculos- refugaba decote: ¡olla, Xerusalén, os teus fillos a limpar a inmundicia que inza a terra toda!. Porque o Inquisidor só desexaba a fundación dunha Besta Maligna que equiparase o reu co inocente, que estragase os esteos da cordura e que alagase o mundo nunha Praga nocturna, nocturna como a noite, nocturna como a noite que navega nos sonos e nos soños da Razón e dos monstros. E, así, Caterina Medici faleceu esganada polos crimes probados de meretricio sempre recomezado, de zugamento de sesos (e outras vísceras) de varóns (e crianzas), polo crime probado de voo testalán para o aquelarre, faleceu esganada e logo na fogueira consumíu o seu corpo Caterina aquel 4 de marzo do ano do Señor cun arrecendo morno a primavera.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega