Tratado do efémero

 

A biblioteca.

Páxina Seguinte

v2vitorvaqueirotratadodoefemero001.html
Xa vexo que és rato de biblioteca coma min
JAMES JOYCE. Dublineses


     En esencia concordo coa definición que me outorga o estatuto de devorador de libros, aínda que me orgullo mais notoriamente -alén de achar o termo mais preciso- se me cualificaren de rato de bibliotecas. Son descendente dunha longa liñaxe afeita a pescudar neses lugares. Un dos meus devanceiros, hai xa douscentos anos, percorreu con abraio, na Biblioteca Medicea, en Florenza, liñas inesquecíbeis da Vulgata. Houbo outros que, en tempos posteriores, frecuentaron en París o Roman de la Rose e o Pentateuco hebraico, ou ficaron enleados, na Bayerische Staatsbibliothek, en München, entre as obscenidades sumptuosas dos manuscritos de Carmina Burana. Encontro, xa que logo, razoábel o meu pendor a eses espazos de reflexión, acougo, fantasía e silencio, pendor que é coherente consecuencia do pasado e da herdanza. Agora, na calmaría que deita a noite e a luarada entrando polas fiestras, sei que a morte chegará co abrente. Acúsanme, xulgo que sen xustiza, de estragar certos manuscritos, mesmo algúns incunábulos, destes andeis sen límite. En canto chega o día quero deixar, por derradeira vez, vadiar os meus ollos por esas portentosas lombadas de vitela que exercen sobre nós, os roedores, unha atracción mortal e irremediábel, a mesma que a rapina e o asasinio exercitan aos ollos dos humanos.

 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega