Tratado do efémero

Páxina Anterior

A descuberta.

Páxina Seguinte

v2vitorvaqueirotratadodoefemero002.html


     Cumpríranse seis anos de viaxe. Atrás ficaba a Terra, desprovida de seres e ateigada de ares insalubres. Atrás ficaban os millóns de quilómetros que ultrapasaran na noite sideral. Atrás ficaban planetas refulxentes e estrelas falecidas de nomes mitolóxicos e apelidos numéricos, ou buracos pretos, nos que na envergadura da propria densidade se abolía a luz. Por fin, recoñeceron a presenza dun pequeno astro de aparencias amábeis e atmosferas benévolas, sobre o que decidiron levar a cabo funcións exploratorias. Efectuaron, en órbitas progresivamente mais baixas, voos sucesivos de recoñecemento, até certificaren a ausencia de moradores e vida no planeta. Os cosmonautas Ribeiro e Schumacher deceron a aquela nova terra salvadora, efectuaron medicións e sondaxes, e, ao cabo, adiviñando a posibilidade de atoparen un fogar para o futuro e a hipótese de restabelecemento da especie aniquilada, tiraron a parte superior dos escafandros e respiraron aqueles ares limpos e salvadores, en canto a comandante Kolpakova ollábaos compracida desde a nave. Resoaron entón dous estoupidos, que fixeron lembrar os disparos dun arma, e ambos os dous homes caeron abatidos, e Irina Kolpakova escoitaba abalada o estarrecente urro -que lembraba o ouveo do coiote- dun ser horripilante e invisíbel.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega