Tratado do efémero

Páxina Anterior

John Goodman.

 

v2vitorvaqueirotratadodoefemero008.html


     Por mediados da década de mil novecentos trinta John Goodman nacera no inextricábel Bronx. Dende a primeira infancia militara na liorta e no furto sistemáticos, se callar porque nas súas veas descorría o sangue devanceiro da nación de texanos que escoitaran o ecoar artilleiro procedente de El Álamo ou se bateran no exterminio das derradeiras tribos aboríxenes. John Goodman cobizaba o diñeiro e as oportunidades de fartura e de luxo que del emergullaban. Consecuente coas súas arelas decidiu, á idade de dezasete anos, profisionalizar a súa actividade no traballo do asalto a man armada, ao que non son alleos os riscos da propria defunción nen o asasinio. Na clandestinidade de afastadas calexas adquiriu a escopeta que lle había servir de compañeira na vida delitiva que escollera. Nas noites delongadas que seguiron á adquisición da arma, un soño iterativo amosáballe os ollos estantíos de Billy the Kid, en canto unha penumbra nebulosa profetizaba a face de Pat Garrett, o implacábel. O medo ao cárcere ou á execución eléctrica xunto, probabelmente, con certas características xenéticas, inseriran no ánimo de Goodman unha preocupación aqueloutrada polo mantemento da propria vida. En consonancia con este pensamento, imaxinou John Goodman diferentes recintos que puidesen servir para o carrexo da arma protagonista dos futuros atracos sen que as sospeitas fosen estrondosas. Imaxinou tamén, certeiramente, que a caixa da guitarra ou do violino semellaban lugares excelentes para a satisfacción do seu propósito. Imaxinou ao cabo, con lóxica esmagadora, que a imaxe dun nativo dos abismos máis fondos do escalafón social, arreo no limiar da delincuencia, debía resultar incompatíbel con alguén que exercera a disciplina musical regrada e, como consecuencia, policías, gardas ou vixilantes non habían concederlle a posibilidade de grandes desprazamentos sen obrigalo a mostrar o contido da caixa sospeitosa. John Goodman -dotado de poderosa intelixencia- resolvido a levar até o final a construción dunha aparencia que non xerase receo ao seu redor roubou nun estabelecemento afastado do seu Bronx orixinario -alí onde ninguén o coñecese se xurdir calquera pexa- un violino coa súa caixa correspondente, elementos cos que enguliu, entre ollos abouxados, avenidas e rúas, como se se tratase dunha ventada máxica procedente do Inferno. Só ficaba, para dar o verniz derradeiro de credibilidade ao plano que xulgara maxistral, finxir un súpeto interese pola música. Consumou a súa cenografía xigantesca ingresando nunha escola, gratuíta, elemental e pública de música.
     En maio de 1972, despois de máis de dúas décadas dunha dedicación insobornábel e unha carreira excepcional, John Goodman debutaba como primeiro violino da Orquestra Sinfónica de Filadelfia no Carnegie Hall. Unha longa ovación coroou a orixinalidade da súa técnica magnífica así como o seu xenio extraordinario.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega