Tratado do efémero

Páxina Anterior

Historia do rei de Chou e a súa barregá.

Páxina Seguinte

v2vitorvaqueirotratadodoefemero007.html


     Cando os guerreiros Han invadiron o reino de Chou empregaron a concorrencia da armadilla e os acasos da meteoroloxía máis que o lume e a espada. Nunha noite de furacán zarmoño, o invasor, chantado no seu proprio territorio, entoou vellas cantigas chou que os ventos espilidos transportaron, facendo acreditar aos defensores que a invasión se achaba consumada. Apavorados, os militares chou, o mesmo que outros moitos da súa especie no percurso da Historia, esqueceron a honra, a lei e os xuramentos proferidos con anterioridade e fuxiron, imitando e prefigurando, nun único episodio, accións acontecidas no pasado e vindeiro e protagonizadas pola estirpe castrense. Ao carón do monarca só ficaron o seu cabalo preto e a súa barregá. O primeiro porque xamais tivera outro xinete e talvez, á súa idade, o costume e o instinto empurrábano a rexeitar un novo cabaleiro na garupa. A segunda -Yu era o seu nome- porque probabelmente se afixera á mágoa cotiá de aturar o tirano que asolagara o reino no desasosego. Como vinganza ao agravo dos anos transcorridos baixo o xugo, nun descoido do rei, Yu apoderouse súpeta da espada do monarca e con dous tallos, raudos e escintilantes como a Lúa, amputou a cabeza do cabalo e a súa propria cabeza. Así foi como o soberano chou, coa compaña mortal da soidade e dous corpos cerceados de olladas inmutábeis, agardou as tropas do camponés aventureiro Liu Pang, da dinastía Han, que, no abrente neboento, cruzaban a fronteira.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega