Un tolo en outono

 

Escenas 1-3

Páxina Seguinte

Pagina nueva 1





PERSONAXES DA OBRA

MAGNUS, rei de Noruega.
GREIDAR, islandés.
TOR, irmán de Greidar.
ASLAK, xuíz en Islandia.
KETIL, granxeiro.
CABALEIROS na corte do rei Magnus.
CORO DE HOMES E MULLERES.




A ESCENA, en Islandia e en Nidaros, Noruega.






1. Islandia. Casa e camiño



O coro de homes e mulleres está en escena. Entra Greidar montado nun burro.

GREINDAR
¡Ola, minguante! ¡Ola, luceiro! ¡Ola,
aurora! ¿Es ocaso ou es aurora?
¡Ei, brindo pola aldea de Gasar,
no fiordo de Eia! ¡Para a casa, burro!...
¡Einar, o viño teu prestoume ben!...
¡Ai ho! ¿A onde vas?... ¡Dereito á esquerda!...
¡Tamén o teu, Vifil, e o teu, Eivinda!...
¡Á esquerda da dereita! ¡Máis ao medio!...
¡Saúdo a todos cantos taberneiros
hai homes e mulleres en Islandia!.. .
¿Que fas agora, burro? Ou ti encolliches
ou teño as pernas eu longas de máis...
¡Ornea, ornea, fillo dunha burra!
¿Que fas, que fas, neto dun burro? ¡Xo!...
     Cae do burro e cáelle a zamarra dos ombros. Monta ao revés e agárrase á cola do burro.
¿Que mal che fixen eu, gran condenado?
Á lúa non me levas, pero á casa
hasme levar, ¡ai iso has!... ¿Que pasa,
que pasa aquí? ¿Quen raio se atreveu
a irse coa cabeza do meu burro?
¡Segoulla toda a rentes, mala rabia!...
¡Non ten cabeza e mas non sangra nada!...
¡Debéronlla cortar hai pouco tempo,
que inda está quente!... ¡Ouh, unha zamarra!
     Desmonta e apaña a zamarra
¡Que bo tecido! ¡E canta pel na gola!
¡Outro saúdo a todas as ovellas
que deron esta Ia tan fina!... ¡Arriba,
arriba, amigo meu, Greidar, querido
amigo, un dos dous fillos de Torgrín,
fillo do avó Greidar, que Glun matou!
¡Un brinde pola caste dos viquingos!
¡Acabo de encontrar unha zamarra!...
¡E mide coma min dun ombro a outro!
     Volve a montar, esta vez ao dereito, e volve a caerlle a zamarra dos ombros.
¡Outro saúdo a todos os avós
que teñen netos!... ¡Ceos, por Odín!
 ¿quen lle me puxo xa a cabeza ao burro?...
¡Outra zamarra!...
     Volve a desmontar.
          Se hai tan poucas nubes,
¿de onde choverán tantas zamarras?
     Apaña a zamarra e volve a caerlle ao montar.
¡Outro saúdo!... ¡Ola, conveciños!,
¿queredes enterrarme entre zamarras?
     Volve a desmontar, recolle a zamarra e volve a caerlle.
¡Outro saúdo a cantos islandeses
por aquí pasan deszamarreándose!...
¡E outra!... ¡Tor, ábreme a porta, Tor!

     Tor abre e sae á porta.

TOR
Greidar, ¿que horas son éstas?

GREIDAR
As de agora, irmán. ¿Queres levar o burro á corte?
Antes escoita, mira: sobre o burro
verás unha partida de zamarras
que viñen apañando no camiño.
Méteas na casa, anda. Tantas son,
que a última nin a apañei sequera:
deixeina aí tirada, preto.

     Tor apaña a zamarra e ponlla nos ombros.

TOR                Pasa. Entran na casa.

HOMES E MULLERES
Paciencia, paciencia, Tor;
con teu irmán ten paciencia,
que a el lle falta de ciencia
o que en ti abonda de amor.
Medrar, ben puido mellor,
pois por escasa ventura
deu en gañar estatura
o que fealdade, e os miolos
sonlle pequenos e tolos
e traen de viño fartura.






2. Peirao



Entran Tor e Aslak, este coa cabeza vendada.


TOR
Señor, ¿durmistes ben na miña casa?
Espero que esta noite vos pasase
tan maina como a tona dese fiordo.

ASLAK
Aínda vexo todas as estrelas.

TOR
¿Non vos alivia a miña cataplasma?
Quixera darvos ben satisfacción.
¿Que máis podo facer por vós, señor?

ASLAK
¡Atade a voso irmán!

TOR
Síntoo, señor.

ASLAK
Aquel que aquí o sente máis son eu.

TOR
¿Queredes explicarme qué ocorreu,
para tomar medidas? ¡Por favor!

ASLAK
Xa me puxestes esta cataplasma.

TOR
Greidar fora pacífico ata hoxe...

ASLAK
¡Atádeo!

TOR
Vós sabedes ben, señor, 
por serdes xuíz, que iso non me é lícito
a menos de mediar unha sentencia.
Vós mesmo poderiades pronunciala,
mais, por desgracia, sodes xuíz e parte.

ASLAK
¡Son xuíz e parte, e mesmo contraxuíz
e contraparte e todo o que queirades!
Por iso mesmo hei recorrer ao rei.
Agora mesmo vou poñer o pé
nun barco que me leve ata Nidaros.
No voso, inda que o vexo preparado,
non o porei nin morto.

TOR
¿Recorredes
ao rei? ¡Estou perdido!

ASLAK
Ben que o sinto,
mais vós sen ese oficio viviredes
mellor ca min con fendas na cabeza. Sae.

TOR
Se cadra non, pero calquera día
chímpome ao mar.

     Entra Greidar, sobrio.

GREIDAR               Bos días, irmanciño.

TOR
Dime a qué vés, Greidar.

GREIDAR
Non che viría
de non ter algo urxente que dicirche.

TOR
¿Que queres?

GREIDAR               Que me leves a Noruega.

TOR
Non coido que esta viaxe che conveña;
prefiro que te quedes. Eu axúdote
deixándoche o que herdei de noso pai:
o dobre do que gañarei na viaxe.

GREIDAR
De eu aceptar, tería pouco siso,
pois quedaría sen o teu arrimo.
Calquera podería despoxarme
da nosa herdanza. Non lle cumpriría
moita malicia; eu non sei valerme.

TOR
Acaso non, e menos cada vez.

GREIDAR
Se o dis porque recén me din ao viño,
non te preocupes, Tor. Perde coidado:
prométoche que non hei beber máis.

TOR
Quixera crerte.

GREIDAR
E podes, abofé.
E mais, non é seguro que me durma
se vexo que alguén vén a me roubar
con maña ou pola forza. Para ti
igual sería complicarte niso
(se a min me dera por baterlle a alguén),
que se me derrotase alguén baldándome
por eu baterlle.

TOR               A alguén xa lle batiches.

GREIDAR
¿Eh? ¡Non me digas!

TOR
Digo: ao xuíz Aslak,
¿nonsí? ¿Por que razón?

GREIDAR               Ouh, por ningunha.

TOR
¿Como que por ningunha?

GREIDAR
Si, irmán: 
baterlle a un xuíz é unha senrazón.
¿Ves? Deberíasme levar contigo.
Se estando ti me pasan esas cousas,
¿que me ha pasar de non ir eu contigo?
Amais, non che ha ser fácil impedirmo,
se quero ir contigo.

TOR
Tes razón.
Comigo vou levarte, mais se acepto,
non quero que llo contes ao primeiro
que vexas por aí, como fas sempre.

GREIDAR
Descoida, que a ninguén llo hei contar. Sae Tor.
¿Quen sodes vós?

UNHA MULLER               ¿Non nos coñeces?

GREIDAR
Non, mais tanto ten. Oíde. Meu irmán
trabállavos na garda do rei Magnus,
que volve nos outonos a Noruega,
de Dinamarca. Eu quero ver o rei,
e meu irmán xa vos ten listo o barco
que vedes aí dediante, e vai partir.
E acaba de pedirme: «¿Vés comigo?».
E eu respondinlle: «Home, vou contigo». Sae.

HOMES E MULLERES
Tor, teñas moi boa viaxe
que levar levas bo paxe.






3. Nidaros, Noruega. Unha rúa



Entran Tor e Greidar


GREIDAR
A travesía non che nos foi mala:
o ceo estaba arriba, o mar abaixo,
nós andabamos entre o mar e o ceo,
o vento que zoaba non se vía
e a auga era húmida e salgada.

TOR
A travesía non foi mala, non;
veremos cómo acaba aquí na terra.

GREIDAR
Non deberías preguntarte iso;
xa sabes que na terra acaba todo.

TOR
Iso é verdade.

GREIDAR
Eo e non o é:
aquel que afoga acábase na auga.

TOR
¡Os trasnos che aten a cabeza!

GREIDAR
Aten,
pero que non aperten.

TOR               ¿Para que?

GREIDAR
Para que poida medrar ben o pelo.

TOR
Primeiro imos buscar aloxamento.

GREIDAR
As casas de Nidaros, polo visto,
fanas os mesmos que as dos islandeses.

TOR
¿Por que o dis?

GREIDAR               Tamén teñen tellado.

     Ao lonxe soa un corno
Un ruído raro. ¿Non oíches, Tor?
Parece de algo vivo, non sei qué.

TOR
Iso é un corno.

GREIDAR
Entón é de algo morto,
máis parecido a un home que a un arenque.
¿Por que o tocan?

TOR
Porque dese xeito
se chama a xente a colocar os barcos
na beiramar, ou ben se dá o sinal
para que se congregue na asemblea.

GREIDAR
¿Que é iso da asemblea?

TOR
O lugar
onde se xulgan casos moi difíciles
e onde se comunica o rei co pobo...

GREIDAR
¿O rei vai asistir hoxe á asemblea?

TOR
Seguramente.

GREIDAR
Entón hei de ir alá;
quero ir a un sitio onde haxa moita xente

TOR
Eu non opino así.

GREIDAR
¿Por que, irmán?
¿Porque son grande e feo?

TOR               Non, Greidar.

GREIDAR
Entón porque son tolo, grande e feo.

TOR
Eu non vou ir tampouco.

GREIDAR
¡Tarde piaches!
Se non diante de min, has ir detrás.

TOR
Nin diante nin enriba nin detrás.

GREIDAR
Pois baixo a terra andan as toupas, Tor.
Mira, os dous iremos á asemblea;
de nada che ha servir que eu vaia só.
Ti mesmo tes motivo para ires:
ao rei, que é teu amigo, non o viches
desque chegamos.

TOR               Iso é certo, si.

GREIDAR
Pois non has impedir que eu vaia alá.
     Ponse a alancar. Tor queda atrás.
¡Anda ao meu par, irmán! ¡Dalle ás canelas
sebo! Eu ben che sei que non é facil
o ser pequeno. Máis che valería
ser menos guapo e máis robusto e rápido.
¡Anda!

TOR
Non sei se a min esa febleza
me prexudica máis que a ti a forza.

GREIDAR
¡Están erguendo un gran mantel nun pao
tan alto que lle toca mesmo ao ceo!

TOR
Iso é unha bandeira, unha bandeira
como a dos barcos. Queren indicar
que vai haber sesión.

GREIDAR
 ¡Ah!, menos mal;
coidei que as nubes ían almorzar. Saen.

HOMES E MULLERES
Prepárate, oh rei Magnus,
para unha audiencia cun "asnus".

 

 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega