Un tolo en outono

Páxina Anterior

Escenas 4-5

Páxina Seguinte

4. Asemblea



O rei Magnus, sentado nun trono flanqueado por catro cabaleiros. A un lado, Tor.


MAGNUS
Os deuses proxectaron este mundo
talvez para unha longa duración.
Cumpramos co propósito dos deuses.
Xa que impartir xustiza é laborioso,
non temos que gastarnos nun só día;
fagamos un receso. ¡Ola, Tor!

     Tor adiántase e inclínase ante Magnus.

TOR
Señor, veño ante vós para ofrecervos
a miña fiel diponibilidade.

MAGNUS
Que acepto sempre. ¿Como anda o mundo
alá en Islandia?

TOR
Frío, maxestade,
mais visitado polos bacallaos.

MAGNUS
E, polo visto, polas moscas.

TOR
Certo,
señor: pasmosamente este verán
sufrimos unha praga deses bichos.

MAGNUS
¿Quen fan tanto barullo aí afora?

UN CABALEIRO
Señor, a vosa garda, que a empurróns
divírtese xogando cun xigante.

MAGNUS
¡Ah!... Tor, alégrame volver a verte.
¿Que xente do teu séquito desexas
incorporar á miña garda?... ¿Que?,
¿un xigante?

O CABALEIRO
 Recén chegado, rei:
un rústico que ri mentres lle baten.

MAGNUS
Será que sente os golpes como cóxegas...
Diciamos, Tor, qué homes dos que traes
tes intención de incorporar á garda.

TOR
O meu irmán está comigo.

MAGNUS
¿Si?
Se se parece a ti, agradarame.

TOR
Non é moi parecido a min, señor.

MAGNUS
Quizais a pesar diso me compraza.
¿Que diferencias notas entre vós?

TOR
Señor, eu non me teño por perfecto,
mais el, sendo moi grande e vigoroso,
ten de fealdade o que de mente obtusa.

MAGNUS
E sen embargo, pode ser bo home.

TOR
Pode, señor, se iso significa
que é moi tranquilo e non se ten en conta
que xa de mozo non mostraba siso.

MAGNUS
Máis me interesa como é el agora.
¿Sabe coidarse?

TOR
Non enteiramente;
hai que vixialo sen descanso.

MAGNUS
Entón
¿por que saíches nesas condicións
con el fóra de Islandia? No estranxeiro
darache máis problemas.

TOR
Maxestade,
o que posuímos é común a ambos,
mais el non se aproveita moito diso,
pois nunca do diñeiro se ocupou
e sempre me deixou a min con todo.
Considerei que non sería xusto
negarlle o pouco que me ten pedido:
acompañarme aquí. Ademais, eu
coidaba que tamén el podería
beneficiarse, como tantos outros,
da dita que de vós recibe a xente,
como el puidese vervos.

MAGNUS               Quero velo.

TOR
É o xigante de que vos falaron.

MAGNUS
Dicídelles que o deixen e traédemo. Saen os cabaleiros.
Mesmo unha besta acaba por domarse,
mesmo un metal difícil se moldea:
¿que non habemos esperar dun home?
     Volven a entrar os cabaleiros con Greidar, que se inclina ante Magnus.
Di pronto canto teñas que dicirme,
que hai moita xente que aínda debo oír.
Estamos nun receso da sesión.

GREIDAR
Eu, señor rei, non vin nunca un receso,
pero non sei de cousa máis fermosa
que ese receso en que te sentas ti.

MAGNUS
Isto é un trono. Sígueme falando.

GREIDAR
Só quero verte, señor rei.

MAGNUS
Moi ben,
xa me estás vendo.

GREIDAR               Pero non abondo.

MAGNUS
¿Como hei facer entón? ¿Queres que me erga?

GREIDAR
¡Ben me gustaría!

MAGNUS
Pois xa está.
¿Abonda?

GREIDAR
Aínda non, nin moito menos.
Habías levantar agora o manto.

MAGNUS
Primeiro falaremos algo diso.
Sei que na túa terra hai xente audaz
e maliciosa frente aos seus caudillos,
e eu non quixera crer que agora intentas
burlarte ti tamén de min.

GREIDAR
Señor,
ninguén é quen de se burlar de ti
nin de mentirche.

MAGNUS, levantando o manto
Entón mírame a gusto.

GREIDAR
É o que estou facendo.

MAGNUS               ¿Vesme ben?

GREIDAR
Agora si, señor, case todiño;
e o que non vexo podo adiviñalo.

MAGNUS
¿Notas algún defecto en min?

GREIDAR               Ningún.

MAGNUS
Seica esaxeras.

GREIDAR
¡Deus me libre diso!
Se non mereces o que penso e digo,
ao falar ben dos outros homes méntese.

MAGNUS
Noto un asomo en ti de cortesán.

GREIDAR
Porque nacín á beira dunha corte.

MAGNUS
Pero son eu de quen se está falando...
Intenta ver en min algún defecto.

GREIDAR
Tes un dos ollos máis arriba que o outro.

MAGNUS
Só un home mo notou antes ca ti:
meu pai.

GREIDAR               Mais non por iso vales menos.

MAGNUS
¿Canto cres ti que vallo?

GREIDAR
Vintenove
moedas

MAGNUS               ¿Por que xusto vintenove?

GREIDAR
Señor, porque é o máximo posible;
por trinta se vendeu a Xesucristo.

MAGNUS
Agora vas facer o mesmo que eu.
Quérote ver. Estende e abre as mans...
Levanta a roupa...

GREIDAR               ¿Vesme algún defecto?

MAGNUS
As mans, moi sucias; o demais, igual.

GREIDAR
Tamén para o meu ver ando moi sucio,
pero non podo andar máis limpo, rei.

MAGNUS
¿Por que?

GREIDAR               Señor, pois porque non me lavo.

MAGNUS
Tampouco está moi limpo o teu vestido.

GREIDAR
E eu non me debo queixar del tampouco;
lévoo pegado desde hai cinco anos.

MAGNUS
En canto a ti, xamais eu tiña visto
home máis grande e feo.

GREIDAR
Dinmo todos.
¿Non ves ningunha cousa que che agrade?

MAGNUS
Teu irmán díxome que es moi pacífico.

GREIDAR
Diría, pero eu non estou seguro.

     Entra Aslak coa cabeza vendada.

ASLAK
¡Xustiza, rei! ¡Botade ese Greidar
de diante vosa, oh ínclito e «maléfico»
que tanto ben nos tedes feito a todos!
¡Botádeo, ai, da vosa «magnicencia»,
oh tribunal supremo, sabio, «ínfimo»!
¡Rei Magnus, ese home é unha besta!

MAGNUS
¿E vós quen sodes?

ASLAK               O xuíz Aslak.

MAGNUS
Moi ben falades, xuíz Aslak. Por iso
vou desculparvos que me interrompésedes.
E fólgome de descubrir que hai
xuíces tan instruídos en Noruega.

ASLAK
Eu exercer exerzo alá en Islandia,
mais, se vos prace, veño aquí a Noruega.
Entendo en «lardocinios», «homecilios»,
roubos de ovellas (con perdón, señor),
adultos, adulterios, sustitutos
e prostitutos, e por riba diso,
tamén podo xulgar en rebeldía.

MAGNUS
Prefiro que xulguedes en Islandia.

ASLAK
Teña eu xustiza e volverei alá.
¡Ese por pouco rómpeme a cabeza!

MAGNUS
Dignádevos contarnos qué pasou.

ASLAK
Señor, antes importa que saibades
que houbo invasión de moscas no país
este verán pasado.

MAGNUS               Estou sabido.

ASLAK
Pois ben, sabede agora que a ese home,
que non se lava desde que naceu,
este verán houbérono comer
as moscas, non saíndolle da cara.
Un día oíu dicir a un seu veciño
que me ía vir a min dar parte doutro
que o molestara, e decidiu nun pulo
tamén el virme a dar parte das moscas.
Pero é mellor, señor, que «precedamos»
a refacer os feitos como foron
exactamente.

MAGNUS               ¿Credes que é preciso?

ASLAK
Unha completa «restrución» dos feitos
xamais a omito no «precedemento».
Así veredes cómo xulga Aslak
por se vos cómpre copiar del o método.
¡A ver!

GREIDAR               ¿A ver o que?

ASLAK
Reproduzamos...
quero dicir, babión, que repitamos
os feitos e as palabras como foron.

GREIDAR
¿Tal como foron?

ASLAK               Iso.

GREIDAR               Non se pode.

ASLAK
¿Por que, lapón?

GREIDAR
¡Ai!, porque é outono
e aquelo foi ao fin deste verán.

ASLAK
Pois imaxina que é verán aínda.

GREIDAR
Non dou.

ASLAK               ¿Por que non dás?

GREIDAR               Faltan as moscas.

ASLAK
¡Oh ti, que non naciches para home,
o ser con máis maxín que hai no Universo!
¡E menos para seres o rei Magnus,
o xuíz Aslak!... Vexamos, paparolo:
ti fala e fai coma se houbese moscas.

GREIDAR
Cómpreme un pao á man.

ASLAK
Pois velo aí.
¡Empeza xa coa «restrución» dos feitos!

GREIDAR
«Eu veño aquí a dar parte das moscas,
que me molestan moito este verán.»

ASLAK
«Pois non lles fagas caso, ho.»

GREIDAR
«¿Que non?
¡Eu quéroas castigar!».

ASLAK
«Pois mira, ho:
agarra un pao, e cando vexas unha,
¡pumba! zorrégalle un bo golpe.»

GREIDAR               «Ben.»

     Greidar colle o pao e bate dúas veces na cabeza de Aslak, que se derruba.

MAGNUS
¿Por que fixeches iso, home?

GREIDAR
Rei, porque na calva tiña dúas moscas.

TOR, despois de examinar a Aslak no chan.
¡E menos mal que só se desmaiou!...
¡Ai desventura miña en forma humana!...
Señor, debo escusarme polo irmán,
e rógoche de me outorgares irme
pronto con el para evitar máis males.

MAGNUS
Non, este mal causouno a propia vítima
por dúas veces. Cabaleiros, ei:
levade uns o desmaiado, outros
aquel que o desmaiou.
     Dous cabaleiros saen con Aslak.
Greidar, agarda.
Teu irmán Tor pode quedar aquí,
no me palacio, outono e mais inverno,
cun home ou dous dos seus que escolla el.
En canto a ti, tamén serás meu hóspede,
pero a distancia, pois convén enviarte
a onde non haxa demasiada xente. Saen.

HOMES E MULLERES
Envíelo, rei, a onde
o envíes, campos ou rúas,
vixíeno e non te fíes,
que alí ha facer das súas.






5. Diante dunha granxa



Greidar dorme deitado á porta.
Entran catro cabaleiros.


CABALEIRO 1.º
¿Cantos lugares van en que o deixamos
morando con alguén?

CABALEIRO 2.º
Con este, sete,
e a punto está de se acabar o inverno.

CABALEIRO 3.º
¡A máis dunha pousada cada mes!

CABALEIRO 4.º
¡E a trinta golpes e noventa mofas
cada semana!

CABALEIRO 1.º
Pero el a todo
ten respondido con paciencia.

CABALEIRO 2.°
Ten,
pero facendo sempre o que lle peta.

CABALEIRO 3.°
Si. Mesmo cando quixo seu irmán
vestilo cunha roupa cortesá,
el díxolle: «Non, gracias, irmanciño;
non quero que máis nada me procures.
Xa eu me vestirei con boa roupa
gañándoa por min mesmo calquer día
a unha cuadrilla de señores parvos.»

CABALEIRO 4.°
E aí o tedes, desde aquela audiencia:
limpo e con roupa limpa da máis pobre.

CABALEIRO 1.º
Deitándose no chan vaina lixar.
¿E que dirá o seu novo amo ao velo
sen traballar? Ketil é un estúpido,
certo; pero tamén é un granxeiro
moi cobizoso. Non lle agradará
alimentar o ocio dun imbécil.

GREIDAR, despertando.
¿Falades de vós mesmos?

CABALEIRO 1.º               Non, Greidar.

GREIDAR
Coidei que falabades de vós mesmos.

CABALEIRO 2.°
Vimos a ver cómo che vai co amo.

GREIDAR
Vides a ver qué desatinos fago
para despois contarllos ao rei Magnus.

CABALEIRO 3.°
Non, home, non.

GREIDAR
Entón máis vale así.
Tocante a min, non podo estar mellor:
a penas como, pero non traballo.

CABALEIRO 4.°
Non é moi boa cousa.

GREIDAR
Tes razón,
pero obrigoume a iso o novo amo.
A penas me botaba de comer
desque cheguei; asi que, aos sete días,
deixei caer os brazos.

CABALEIRO 1.º
¿E Ketil
quedou de acordo?

GREIDAR
Moito non quedou,
pero cerrou comigo un trato.

CABALEIRO 2.°               ¿Cal?

GREIDAR
Que ao longo de tres días me deixaba
comer o que eu quixese. Van tres días
e xa lle vos comín catro carneiros.

CABALEIRO 3.º
Pois ¡bo proveito!

GREIDAR
Gracias. Foime fácil
porque apartei os cornos. Preferín
deixalos para vós.

CABALEIRO 4.°               ¿E iso é todo?

GREIDAR
É a metade, haivos algo máis:
a cambio, eu debereille traballar
durante un mes en todo o que me mande,
por tres cuncas de caldo cada día.
E o mes empeza hoxe.

CABALEIRO 1.º               ¡Miñaxoia!

CABALEIRO 2.°
¡Malpocadiño!

GREIDAR               ¿E logo?... Eu aceptei
coa condición de que só hai tres cousas
que non me mande, pois non podo eu.

CABALEIRO 3.°
¿Que cousas son?

GREIDAR
Cortarlle o pelo ao monte,
cargar o mar ás costas e nun día
facer o que se debe en todo o ano.

CABALEIRO 4.°
¡Que tolo es!

CABALEIRO 1.º               ¡Vai derrearte, e ben!

GREIDAR
¿Vós que apostades a que gaño eu,
señores cordos?

CABALEIRO 1.°
Os cabalos nosos
en contra de dez paos sobre o teu lombo.

GREIDAR
Teredes que volver a pé a Nidaros.

     Sae Ketil da casa.

KETIL
Señores, aproveito que viñestes
para encargarvos de rogarlle ao rei
que nunca máis me mande un prosma así.
Greidar, chegouche o día do traballo.
Vai cortar leña ao monte.

GREIDAR
 ¡Ai!, non podo;
a leña dana as árbores, e as árbores
o pelo son do monte.

KETIL
Pois entón,
vai a por auga.

GREIDAR
¡Fóseme posible!
Ti sabes que a auga toda vén do mar
e que eu non podo, ¡ai!, co mar ás costas.

KETIL
Pois logo, esterca as hortas.

GREIDAR
¡Ben quixera!
Mais sabes que non vou poder nun día
facer o que se debe en todo o ano.

KETIL
¡Levádeo ou comerame máis carneiros!

     Entra na casa.

GREIDAR
Levar tereivos que eu levar a vós,
pois veño de gañarvos os cabalos.

CABALEIRO 1.º
Con outra aposta os recuperaremos.

GREIDAR
Iso, señores, se eu acepto a aposta.

CABALEIRO 2.°
Aceptarás, que tes bo corazón
e nunca deixarás uns cabaleiros
sen os cabalos.

GREIDAR
Mais sen roupa, si,
por serdes cabaleiros, non roupeiros.
Apóstovos a roupa ao que queirades.

     Ketil asómase a unha fiestra.

CABALEIRO 3.°
¿Ao que queiramos?

GREIDAR               Iso.

CABALEIRO 4.°
Pois prepárate:
nós apostamos a que non darás
bebido todo o mar.

GREIDAR
Acepto a aposta.
Se bebo todo o mar, gaño esa roupa
e quedo cos cabalos; se non dou,
levades os cabalos entre as pernas.

CABALEIRO 1.º
Moi ben. Aí tes o mar: ponte a bebelo.

GREIDAR
¿Todo?

CABALEIRO 1.º               Talmente, como se apostou.

GREIDAR
¡Ai, ai, señores! Efectivamente:
dixen que bebería todo o mar,
mais non os ríos que desaugan nel.
Desviádelleme todos eses ríos
e póñome a cumprir o que apostamos.

KETIL
¡Ai cabaleiros!, ¡esta foivos boa!
¡Pois si que vos pillou tamén a vós!

GREIDAR
Pillei, pero os cabalos vou volvérllelos,
que eu ando máis á présa aínda a pé.
Señores, despoxádevos da roupa
na casa de Ketil, o dos carneiros.
Ketil, catro pipotes, por favor;
a cambio de tres xogos relucentes
de dous zapatos, calzas, xubón, gola
e túnica e sombreiro cunha pluma.
A min para volver bástame un xogo. Entran na casa.

HOMES E MULLERES
Rei Magnus, aí che vai
aquel que fai e desfai.
Aos que o burlaban, burlounos,
e a nós pasmados deixounos.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega