Un tolo en outono

Páxina Anterior

Escena 6

 

Pagina nueva 1

6. Palacio real



Entran Magnus, os catro cabaleiros en candanseu pipote, e Tor.


MAGNUS
Non quero oírvos máis falar mal del.
E non somente porque seu irmán,
que tanto estimo, está con vós presente.

CABALEIRO 1.º
Non o acusamos por resentimento,
pero é que o noso corazón lamenta
que cada vez conquiste máis o voso.
E o caso é este, oh rei: non vos merece.

CABALEIRO 2.°
Pase que nos tratase de cornudos,
a nós, delegación do voso cetro;
pase que nos espise cunha aposta,
porque en verdade nós lla propuxemos;
pero desdeña presentarse digno
perante vós. Primeiro viña a pé;
despois montou nun burro, xa o veredes.
Porque nos dixo, mentres lle arrastraban
as pernas entre as patas, pola herba,
que sobre o burro quere entrar aquí.

MAGNUS
Xa me avisaron que se acerca así
o chanceler, o heraldo e dous ministros;
e a miña garda antes, é evidente.
E a pesar diso, ¿que? ¿O mar secouse?
Tamén abril se acerca sobre marzo.
Prefiro contemplar cómo abre a porta
coa súa man florida a primavera.

CABALEIRO 3.º
Entón veredes cómo entra un prado,
e sobre el un burro, e sobre el
Greidar montado do revés.

MAGNUS               ¿De veras?

CABALEIRO 4.º
De veras, maxestade. Do seu erro
ben o avisamos, mais non fixo caso.

MAGNUS
¡Montado do revés!

CABALEIRO
Como querendo
avergoñar a caste dos viquingos,
e a vós, encarnación da nosa gloria,
escarnecervos minuciosamente.

     Entra Greidar montando un burro do revés.

GREIDAR
¡Xo, burro!... ¿A onde vas? ¡Dereito á esquerda!
¡Á esquerda da dereita!... ¡Máis ao medio!...
¡Saúdo a todos os aquí presentes,
e antes que nada, a vosa maxestade!

MAGNUS
Greidar, se vés así por te burlar
de min, de teu irmán ou de calquera
dos que comigo habitan no palacio,
¡maldito sexas! Quérote cabal,
non de bufón. Por iso aínda espero
que saibas darme unha razón cumprida
de por qué ousas presentarte así.
Tes escandalizado todo o mundo.

GREIDAR
O mundo é fácil de escandalizar,
señor; tan fácil que sequera o intento.
Tampouco busco o posto de bufón,
pois sei que desde hai moito está cuberto.
Oh rei, ¿quen foron quen de persuadirvos
de que eu acudo mal? ¿Acaso estes
acoden ben, vestidos con pipotes?
Eu, polo menos, vístome coa roupa
mellor que puiden adquirir con honra.
Critícanme que monte sobre un burro:
¿acaso queren que, tras tanto empeño
que vós puxestes para que me eduque,
monte debaixo?

MAGNUS
Pero, maiormente,
critícanche que montes do revés.

GREIDAR
¡Aí está, señor, aí está
a proba de que todos se equivocan!
¡O que anda do revés é o meu burro!

MAGNUS
Señores, transmitide estas razóns
a quen as queira oír. A min abóndanme.

     Saen os cabaleiros.

Tor, mentres quedo con Greidar a soas,
avisa os cabaleiros de vestírense
e volve aquí con eles en seguida. Sae Tor.
Baixa do burro.

GREIDAR, en baixando. ¡Vaite, burro! ¡Arre! O burro sae.

MAGNUS
Ven ti aquí, acércate. Non penses
que a min vas confundirme como a eses
ou manexarme como a teu irmán.
Volvamos ao teu xeito de montar.
Se o burro é o que anda do revés,
quen veu a min non fuches ti, foi el,
porque ti entraches por aí de costas.
Ou sexa: non querías vir a min.

GREIDAR
Querer quería vir a vós, señor,
mais non aos vosos homes, que seis meses
comigo se pasaron en trasnadas.

MAGNUS
¿Suxíresme que debo corrixilos?

GREIDAR
Xa volo fun facendo eu por vós,
mal como puiden. Coido que arestora
xa saberán que se burlar dun tolo
non é pescar cabalas nunha tina.

MAGNUS
¿E gárdaslles algún rancor?

GREIDAR
Non podo;
non porque sexa eu mellor ca eles,
que eu non o son: é porque me esquecín
de todo iso ao vir facendo uns versos
cos que quería, meu señor, honrarvos.

MAGNUS
¿Versos?

GREIDAR
Que traio escritos aquí mesmo.
Tendo licencia, podería lérvolos.

MAGNUS
¿Non serán moitos?

GREIDAR
Moito é o papel;
os versos, poucos. Levo tres semanas
coa teima de facer mellor a letra,
mais inda a teño un chisco grandeiriña.

MAGNUS
¡Tor, cabaleiros!

     Volven a entrar Tor e os cabaleiros.

Imos escoitar
os versos que Greidar veu compoñendo
para me honrar. Xa podes ler a feito.

GREIDAR
«Unha vaca é unha vaca,
pero un barco non é un rei;
por qué demos pasa iso
en verdade non o sei.
Non o sei, anque supoño
que alguén hai que o saberá
e prefire estar calado
mentres come unha mazá.
Coma dúas, tres e catro,
que eu non llo pregunto, non;
as preguntas sen sentido
para responder non son.
Tamén vexo tantas flores
florecer para caer,
que xa non me preocupo;
sigo calmo no meu ser.
Sen querer quedar ou irme
doume a contemplar sen fin
a viaxeira nube, a soas
co meu rei no seu xardín.»

MAGNUS
¡Ouh, bravo! Os teus versos ao principio
parecen raros, mais, conforme avanzan,
van mellorando. Así a túa vida:
parece rara ao lado das demais,
pero mellora ao decorrer os días.
Quero recompensarte polos versos;
de paso, liberar a teu irmán
de ti, e a ti tamén de teu irmán,
agora que maduras a ollos vistos.
Nas costas de Noruega hai unha illa
que aquí che entrego; é máis ben pequena,
mais nela medra a herba en terra boa.

     Entrégalle un documento.

GREIDAR
Un xeneroso don, digno de vós.
E abráiame que a illa enteira caiba
neste papel, menor que o dos meus versos.

MAGNUS
Ignoro o que che vai pasar con ela.
Xa sei que intentarán comprarcha moitos,
ou ben cambiarcha, ou mesmo arrebatarcha.
Quizais é preferible que eu agora
cha compre; así evitareiche apuros.
Toma: esta bolsa pola túa illa.

GREIDAR
Pesa, señor.

MAGNUS
Vendíchesma a bo prezo,
eu cho aseguro. E a ti, Tor, noméote
xefe da miña garda se quixeses
quedar aquí.

GREIDAR
Queda tranquilo, irmán;
xa non che eu son tan parvo como antes.

TOR
Señor, o voso nomeamento hónrame
inmensamente.

MAGNUS
Entón, meus cabaleiros,
pois Tor xa tiña o barco preparado
e só Greidar está para partir,
deixemos aos irmáns que se despidan.

     Saen Magnus e os cabaleiros.

GREIDAR
Irmán, toma esta bolsa, por favor...
¡Cóllema, irmán! É todo o que che pido.

TOR
¿A que vén isto?

GREIDAR
Se comigo a levo,
poden roubarma, pois por algún tempo
en min ha de pesar aquel que fun.
Amais, eu quedo usando toda a casa
e un prado grande ao que botar ovellas...
¡Irmán, non me rebatas, morra o conto!
Por ti non me perdín en tantos anos,
por ti cheguei por fin a ver o rei,
e a ti para casar cómprenche cartos.

TOR
¿Para casar?

GREIDAR
Non disimules, Tor.
¿Non vou casar eu mesmo con Eivinda,
a taberneira? E a ti máis dunha vez
te vin mirando para a dama Freidis,
que serve no cortexo da raíña.

TOR
Nin sei se a min me quere a dama Freidis,
nin ti se a ti Eivinda, a taberneira.

GREIDAR
Eu non, que as taberneiras teñen gustos
moi escollidos, pero a dama Freidis
a ti non podería resistírchese;
aquí, xunto co rei, es o máis guapo,
e oína un día falar ben de ti.

TOR
Se é certo, irmán, ¡que os deuses te bendigan!

GREIDAR
Tanto che é certo, que ao pasarlle á beira
deille unha apalpadela por probar
se a cousa vai pagarche a ti a pena...
¡Vaia se paga!

TOR               ¿E ela deuse conta?

GREIDAR
¡Vaia se deu!

TOR               ¿E non se revolveu?

GREIDAR
Non, porque eu sempre tiven boa man,
e nunca me tomou ninguén en serio.
Mais ti terás que andar con máis coidado,
pois pensan todos que es o irmán máis listo. Saen.

HOMES E MULLERES
Seguide ben, Greidar, Tor;
seguide ben, Tor, Greidar.
Agora un templo aparece,
pretérito e circular.*






* O coro refírese ao templo de Vesta en Roma. Enténdase que a representación da comedia «Un tolo en outono» é seguida sen pausa, co coro en escena, pola doutra peza que se titula «Vesta», un monólogo. Ambas obras pertencen a ASTEROIDES, serie de pezas breves que forman a quinta obra do «CICLO DE MARTE» do autor.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega