Vertixe v.4.2

 

Lance primeiro

Páxina Seguinte

Pagina nueva 1











VERTIXE

     (MONA DE XIBRALTAR: NUNCA DIGAS NEVER AGAIN Á VERTIXINOSA MAREA-FALO DE PLASTILINA NA SÚA TINTA DAS MIL MENTIRAS NUNCA MÁIS, traxedia irrenunciabelmente oportunista en tres lances)



Nacho Taibo




VERSIÓN 4.2










DRAMATIS PERSONÆ    
(por orde de aparición)


MF1

Manola Ferreira, mariñeira galega

MF2

Manolo Ferreiro, outro mariñeiro galego

MF3

Manola Ferreiro, aínda outra mariñeira galega máis

PM

Panaguiótis Mangútas, capitán da mariña mercante

KZ

Kostas (diminutivo de Konstantinos, á súa vez diminutivizado en Kostakis) Zalassokrátes, oficial da mariña mercante

AB

Paco Álvarez Botellas, ministro de Fomento de España

MF

Mariano Fingoi, vicepresidente do goberno español (unha peculiaridade fonética: nunca pronuncia o fonema [s], senón [∫])

OC

O conserxe

PR

Piratikís Rastapópulos, armador do Vertixe

A

Pepemari, presidente-caudillo de España

GC

varios gardas civís con tricornio e armados, asombrosamente parecidos a AB, MF, M, A..., pero algún ten un só ollo no medio da testa
(non aparecen até o Segundo Lance, escenas 2.6 e 2.8)

M

Manoliño, presidente da Xunta de Galiza (outra peculiaridade fonética: soe proferir fimapros: frases inintelixíbeis por mal pronunciadas)

DG

Arsenio, delegado do goberno español en Galiza

MS

A Ministra Santificada, sen nome nin carteira, mais membro —dispensando— do goberno español

CW

Charlton Wayne, presidente dos Estados Unidos (innecesario dicir a súa peculiaridade fonética: falar chicloso)
(non aparecen até o Terceiro Lance, escenas 3.2 e 3.3)

LL

A locuaz locutora da Telegaita

Sh

Shoemaker, intrépido xefe da oposición no Parlamento Español





ESCENARIOS     (por orde de introdución)

δ

Unha lancha de pesca de baixura nalgún lugar da costa galega

α

Ponte de navegación do petroleiro Vertixe (nomes alternativos: Felixe, Galaxe, Col-laxe, Elegance, Caniche, Estixe, Vestixe) de propietario grego e conveniente bandeira de Rucakroba (República Unificada de Caimánia —  Krokodília — Banánia)

β

Madrid, despacho interministerial na presidencia

γ

Santiago, escritorio do presidente da Xunta de Galiza





OBERTURA


ESCENA 0.1 : ESCENARIO δ Calquera día de mañá

MF1, MF2, MF3

Miña lanchiña vai saír pr'ao mar
vou traballar, meu ben querer
se quere Deus cando eu volte do mar
un peixe bon eu vou traer pr'ao meu amor,
meus compañeiros tamén van voltar
e a Deus do ceo imos agradecer...
Quen me ensinou a nadar
foi un peixiño do mar
foi, foi, foi, Moreniña
foi un peixiño do mar
Chamáchesme Moreniña
diante de tanta xente
e logo vaime quedare
Moreniña para sempre
Catro vellos mariñeiros
catro vellos mariñeiros
todos metidos nun bote
boga, boga mariñeiro...
De Marín a Portonovo
nunha lanchiña motora...
MF1
Miña nai: eu quero casare
quero casare co mariñeiro
porque cando vén do mare
trae diñeiro, trae diñeiro
MF2
Bailaches, Carolina?
MF3
Bailei, si, señor
MF2
Dime con quen bailaches
MF3
Bailei co meu amor
MF2
Bailaches, Carolina?
MF3
Bailei, abofé
MF2
Dime con quen bailaches (comeza a escurecer moi repentinamente)
MF3
Bailei... co meu... co... (acaba de escurecer)
coro de fondo (pianissimo) Heiche de contar un conto
un conto de mil mentiras
heiche de contar un conto
un conto todos os días...





LANCE PRIMEIRO
(seis escenas; escenarios α e β)




ESCENA 1.1 : ESCENARIO α  Un 13 de novembro, mércores, ás 15:00

(cae un raio e decontado séntese o seu trono. A ponte móvese e renxe)

PM Vaia día!
KZ Por aquí é sempre así. Mesmo no verán, por veces.
PM Quen me dera estar agora nunha terraza alá.
KZ Si, alá. No Pireo. Unha terraciña no Pireo.
PM Non, Kostas, ho, que están cheas de poeira de turistas que van coller o barco para as illas. Que ben estaría sentadiño á raxeira do sol na illa máis próxima da casa!
KZ Éguina.
PM Iso é, Éguina. Con unhas tapiñas: uns mezedes de pistachos e de polbo asado no churrasco.
KZ Aquí tamén comen polbo.
PM Si? Aquí?
KZ Aí, nesa costa, esa terra gris de temporal perenne que chaman Galiza
(cae outro relustro con trono inmediato)
PM Ah. Galiza.
KZ Son coma nós. Comen polbo: ese é o único país do mundo con restaurantes que non serven cousa outra máis que polbo.
PM E ti, como sabes tanto? Estiveches algunha vez...?
(outro relustro máis trono; o barco estremécese)
KZ Non. Contoumo meu tío Apóstolos, que botou en Galiza unha boa tempada. Forzoso... Mais fixo moitos amigos que o apoiaban.
PM Si, lémbrame ben teu tío Apóstolos. E di que son coma nós, eh? Pois ten que sabelo ben.
KZ Si, coma nós. Van ao mar. Claro que este mar é moi distinto dos nosos.
PM Os nosos. O Iónico, o Exeo. O Dodecaneso. As Cíclades, o mar de Creta... Non mo lembres, que saudades!
KZ Os galegos: andan ao mar, morren da morriña, comen polbo, moito polbo, nas polbeiras... Van ao mar case igual ca nós.
PM Case?
KZ O que facemos nós na mercante en todo o mundo fano eles coa mariña de pesca universal.
PM Piratas? Son os piratas da pesca?
KZ Pero, ti, e logo? Quen cres que nos vende ese polbo que comemos na terraza de...?
     (relustro e trono, esta vez simultáneos. A ponte treme. Séntese un tremendo estronicio. Corren os dous a mirar o que hai fóra, a proa)
PM e KZ Ouh, non! Non, non, parakaló, non! Outra vez non!






ESCENA 1.2 : ESCENARIO β

O mesmo 13 de novembro

(no grande sofá departen, moi amigos, AB e MF)

AB Cacei unha troita así de grande (coas mans sinala unha estatura vertical de máis de un metro)
MF (ao teléfono) Pois xa que deixamos sentado o que dirán os tertulianos de Radio Nacional para as 08:30 de mañá, imos co telediario. Logo falaremos de Antena 3, que é máis fácil...
(entra o conserxe. Dá un papel a cada un dos dous, que o len simultáneos)
AB Un barco. En Galiza. A túa terra, Marianiño. E para isto nos molestan?
MF Si... Total, na miña terra só hai votantes... Boa xente, quero dicir. Un petroleiro...
AB Claro. É o que digo eu sempre. Galegos e asturianos... O fin de semana volvo de cazaría. Teño que ir un día pola túa terra, que disque aínda hai osos.
MF Mais está prohibido, Paquito, non o sabías? Manoliño, ese si que sabe facelo, que vai cazalos a Rumanía. Como queren entrar en Europa, deixan facer de todo...
AB Marianito, por favor: mentres teñamos Radio Nacional de España, El Mundo, Televisión Española, La Razón, Antena 3..., para nós nada hai prohibido. Ladrarán un pouco, e mais nada. Mentres o ladrar todo se reparta entre periódicos separatistas, a SER, El País e os codificadores, para nós neste país nada hai prohibido.
     (novamente o conserxe tráelles cadanseu papel, que len incrédulos. O conserxe agarda humildemente tras o sofá, por se hai resposta)
MF Carambas, Paco. Está botando líquido.
AB Como o brazo incorrupto do Caudillo, Mari-nanito.
MF Pero ese líquido debe de ser unha cousa mala...
AB Nada malo pode haber que por ben non nos veña, Mariano. En fin, asesorémonos. Conserxe!
OC (desde atrás do sofá) Pois eu opino, señor ministro...
AB (ollando para OC con reprobación e desprezo) Moncloa!!
OC O que?
AB Póñame con Moncloa, impertinente!! (o conserxe baixa as orellas e tráelle o teléfono xa conectado) Anita... Anita, son Paco. Non, Anitísima, Paco Botellas o ministro, o teu case homónimo, entendes? Botellas, Casco... ti, Anita Casco, eu... Si, con Pepemari (vólvese cara MF mentres tapa coa man o micrófono do teléfono) Non lle viu o chiste (retira a man do micrófono). Presidente! Á orde, presidente, para o que gostes mandar! Verás, un problema pequeno, nimio. Hai un barco con petróleo roto na costa de Galiza. Que? Que, que que que? Non, o petróleo claro que non, non pode romper. É o barco o que está roto. Si, Pepemari, un petroleiro é un barco. Non, iso chámase gasolineira. Estación de servizo, si. Moi ben. Un barco que leva petróleo. Estás no certo, é un líquido e non rompe. Mais vérquese no mar, e emporcalla. Gha, gha! Súper sen chumbo, presidente, moi bo. Comigo? Mariano. Si, só está Mariano. Ben. Pásocho.
MF escoita o que lle din. Limítase a contestar, submiso, cada dez segundos:
MF Si, presidente. Exacto, presidente. Si, é así, como ti dis. (O interlocutor debeu acabar a comunicación sen despedirse, motivo polo cal MF tamén desconecta sen dicir adeus. Fala coa ollada perdida no infinito) Dixo que era un atraso. Co que corren os avións preguntou por que aínda, xa de cheo no século... (para a pensar qué século dixera, e opta por non repetilo), transportan petróleo en barco. Dixo que o avión é máis seguro. E moito máis rápido...
AB E que máis? Non deu ningunha orde?
MF Non. Non deu orde ningunha. Limitouse a reflexionar en alto. Non lle deu importancia.
AB E é que non a ten! Non a ten! Conserxe!!
OC Señor vicepresidente, señor ministro. Máis notiñas.
(esténdelles outros dous papeliños, que len calmísimos)
AB Así que anda a botar petróleo e estano levando á costa. Por Fisterra. Iso non pode ser. Autoridade. Iso é o que é preciso aquí, autoridade. Conserxe!!!!
OC Señor ministro?
AB Mándeme ese barco fóra. A onde queira que sexa, pero ben lonxe, que o condenado está perdendo petróleo como un porco. Mándemo a... ao quinto pino!!






ESCENA 1.3 : ESCENARIO α  Aquel mesmo mércores, ás 18:00

(cae outro relustro e mais o seu trono)

PM Como un porco perde. Menos mal que nos achegamos á costa e non perderei o barco. Temos conexión co armador?
KZ Xa está aquí. Señor Rastapópulos...
(nun nicho lateral aparece, en videoconferencia holográfica en tempo real, PR)
PM Hola Piratikís. Coido que temos un problema.
PR Non, nada de problemas, Mangutas. Ti sálvame a carga que o barco, xa, para o que vale... e eu contratarei o salvamento con quen mellor nos conveña.
PM Pero é que eu, como kapetán, teño a obriga primeira de salvar o barco.
PR Ti fai o que eu che diga, nin kapetán nin nada, que son eu o que che paga (apágase a súa imaxe).
KZ (dándolle un papel) Panaguiotis, un radio do centro de control.
PM A que terán que meterse eses? Estamos en augas internacionais... (le o papel)
KZ Estábamos. Xa non. Non percibes o arrecendo a polbo? (relustro con trono)
PM Din que nos chega un remolcador e manda que collamos o remolque.
(reaparece no nicho a imaxe do PR en vídeo-conferencia)
PR Non respostes, Panaguiotis, que xa estou eu en tratos co remolcador.
(escóitase o radio-transmisor/receptor)
radio Vertixe? Ola, Vertixe? Aquí Centro Zonal de Fisterra. Está a derivar cara a costa a unha milla por hora, e o casco está moi, moi mal. Ímoslle dar remolque, e ten que tomalo. Cambio.
PR Son o kapetán, Panaguiotis Mangutas. Antes de nada quero consultar co meu armador. Cambio.
radio Claro, claro, Mangutas. Chámase así de verdade? Adiante, fágao. Mais o remolcador xa está a caerlle (outro raio e mais o seu trono). Cambio e pecho.
     (música tradicional grega. Relustros e tronos numerosos. Faise instantaneamente de noite. Aparecen os dous medio adormilados)
KZ Panaguiotis. Chaman outra vez do control costeiro.
PM (mira o reloxo) Menos mal. Xa pasaron ben de horas desde a última vez.
radio Isto é o control. Capitán, Don Panaguiotis, vaille falar a autoridade, directamente por VHF.
     (PM retírase a un recuncho co micrófono, besbesella pola radio e volve. Mentres se sente outro trono aparece a imaxe do armador no nicho)
PR Xa está, Panaguiotis. O remolcador deles.
PM De quen?
PR Do control deles, o remolcador galego vaiche dar as estachas.
PM Si, xa mo dixeron. Eu quería estar na miña casa, comendo polbo e musaka (acordes instantáneos de música tradicional grega)
PR Diso nada. Cres que para iso che pago? Xa verás, esta operación ha de saír ben e terás unha boa gratificación. Cos meus mellores agradecementos.
KZ E para min, para Kostakis, para Konstantinos Zalassocrates, oficial de ponte: non vai haber nada?
(apágase a imaxe e chouta outro relustro)
radio Entón, capitán Mangutas, xa está todo claro? Xa o autorizou o seu armador? (Cantando:) Caaaambio!
PM Si, que o armador chegou a un acordo co remolcador: nós non podemos facelo todo, que temos moito dano no costado. (Cantando:) Cambioooo
radio Moi ben, querido amigo: pois logo fale co noso remolcador. Chámase Ría de Ourense. Cambio e... (cantando:) pechoooo
     (o barco móvese e renxe novamente. Caen rítmicos varios relustros, mais non se escoita trono ningún)






ESCENA 1.4 : ESCENARIO β 14 de novembro, xoves

(de pé MF e AB; sentado no grande sofá, A)

A Que me vai amargar o almorzo a min? Un barcuchiño de nada? A min?
MF Polos datos que temos, presidente, a bandeira é a dun país que non existe
A E a min iso que me importa?
AB Como que non existe? Que país é ese?
MF Mmmm. Non é que non exista: é que eu non sabía que existise. Rucakroba.
A E a min que me importa?
AB Ruca... que?
MF Rucakroba: República Unificada de Caimánia, Krokodília e Banánia.
A República, dixeches? Malpocado! Insensato!! Desgraciado!!! Como ousas dicir iso na miña presenza, Marianiño?
MF Perdón, presidente. É que se chama así.
AB E a el que lle importa? A esa repúb... a ese país pouco podemos presionalo. Onde está?
MF Por aí...
AB Por aí...
MF Entre o Himalaya e as Antillas, paréceme.
AB Non, non podemos presionar. Moi lonxe. Mágoa que non fose bandeira de Marrocos. Ou de Portugal.
MF Logo o armador... o armador, polo nome, debe ser grego.
A E a min que me importa como se chama ese pescador!
MF O armador Piratikís Rastapópulos. Non sabemos onde vive. Se morase na Unión Europea podiamos chamalo por teléfono.
AB Si, é o mínimo que podiamos facer, un digno señor empresario.
A Ah, ben, sendo así...
MF O barco saíu do Báltico
A O Báltico! Que ben se come aí!
AB Onde? Suecia, Dinamarca... Ti vas moito por alí?
A Ese restaurante, o Báltico. Todo está tan rico...
MF E non sabemos o destino.
A O destino? Iso dígocho eu, Marianito, non me fastidies. Por moi ben que se coma, o destino sempre é o retrete. Ghe, ghe, ghe, ghe!
MF Ghe, ghe, ghe, ghe, presidente. O destino do barco.
A E a min, iso, que me ten?
MF Só sabemos que tiña unha escala en Xibraltar.
A (fica ríxido, paralisado) Que? Que dixeches?
MF Xibraltar, unha escala. Por que? Que pasa?
(A érguese, lívido)
AB Pepemari, meu neno, por Deus, que tes?
A Xibraltar! Xibraltar!! Agora si que importa! Aten... tos!! (canta, marcial:)
¡Gibraltar, Gibraltar! ¡Gibraltar, Gibraltar!
avanzada de nuestra nación
¡Gibraltar, Gibralta! ¡ Gibraltar, Gibraltar!
punta amada de todo español
(Os outros dous fican, aprensivos, a ollar para el)
Entendedes?
MF e AB (moi inseguros) Si...
A Deprendéronma no colexio. A marcha, quero dicir. Nunca é demasiado tarde para aplicar as boas ensinanzas, chavais.
MF e AB (tranquilizados) Ah...
A Podemos pasar á Historia —Historia con maiúscula— como os que recobramos... o que recobrei Xibraltar do pérfico inglés.
AB O Pérsico
MF O pérfido?
A O inglés. Non pensara que o desa barca de pesca, como se chama?
MF Vertixe, e non é pesqueiro, querido presidente.
A Tanto ten, que os barcos barcos son, todos igual. Eu non tiña pensado que o desa barca fose un mal. E mais é o que dicía o caudillo: «non hai mal que por ben non veña»
MF e AB Pepemari Caudillo!! PP, Mari, Caudillo!!!
Os tres, a coro ¡Gibraltar, Gibraltar! ¡Gibraltar, Gibraltar!





ESCENA 1.5 : ESCENARIO β

(MF e AB sentados no grande sofá)

MF Autoridade, Paco, é o que falta e o que máis se precisa. O noso querido presidente, Pepemari, vai demostrar ao mundo cal é a verdadeira calaña deses catro gatos que desgobernan Xibraltar. Piratas! Todos piratas! Como vai o remolque?
AB Ben. Moi ben. Seguindo a miña autoridade, lévano ao quinto pino polo camiño máis curto, rumbo noroeste, non vaia fodervos aos bos dos galegos. Autoridade, coño!
MF Paco, por Deus, que vocabulario!
AB Co beneplácito do digno señor armador, e tamén do propietario do remolcador, que é amigo de Don Manoliño. Ese puñeteiro remolcata que non ten forza...
MF Paco, por favor, ese vocabulario... (entra o conserxe con un teléfono)
OC Señor vicepresidente, chaman de Francia
MF (ao teléfono) Ah, oui. Oui, monsieur. Non, rien de rien. Je ne regrette rien... non, non, pas, pas, je regrette tout. Si, monsieur. Como non? Inmediatamente, con todo o pracer. Avec plaisir, cher monsieur l'amiral. À tout à l'heure (pendura o teléfono. Mira para AB)
AB Que?
MF Nada, Paco, que os franceses están cabre... anoxados. Din que, se o barco afunde, que lles vai toda a merd... o fuelóleo para eles. Vou dar contraorde.
AB Contraqué? Que orde vas dar?
MF Autoridade, Paquiño, ti mesmo o dixeches, seguindo o sendeiro marcado polo noso presidente e as suxestións da compañía de salvamento: ao sur, á África. Non podemos consentir que os franceses se nos encabuxen. Non estamos en situación...
AB África, claro, e total, como eles tamén son negros como a brea, o fuel pouco pode importarlles, non é?
MF Iso é, igual que ao presidente, non lle importa nada.
AB De onde non debes deducir, queridísimo Mariano...
MF ... a partir do dito, queridísimo Paco, que o noso...
AB ... querido presidente...
MF e AB ... sexa negro. Gheghegheghé.
AB Oes, e iso que che dixen, que non fose para os galegos porque o quinto pino estaba no noroeste, agora...
MF Agora tampouco nos vai vir se mudamos o quinto pino de lugar e o levamos ao extremo sur. A non ser que ese estúpido, repugnante barco non chegue ao golfo de Guinea. Que se escara... que se esmendrelle a medio camiño.
AB E, se lles cae os portugueses?
MF Que se lle ía facer? Xa escollín eu, Paquito: entre Francia e Portugal, que? Algunha dúbida?
AB Claro, claro, Portugal, total... pobres. E aos galegos?
MF Malo será. Son xente nosa. A nosa canteira. Maioría absoluta de Don Manoliño tras maioría absoluta. Eles teñen fe en nós e nós teremos que confiar neles. Que por aí non vai haber problema: prométocho eu.





ESCENA 1.6 : ESCENARIO α Día 15

(séntese un motor de helicóptero)

PM Mira, chega outro helicóptero. Non entendo nada. Levabamos rumbo noroeste, contra o que quería a compañía de salvamento, e agora, de súpeto, mandan eses arrombar ao sur.
KZ Eses, quen?
PM O goberno seu. Que non me deixasen, que prohibisen entrar a porto estivo mal. Isto de agora xa non hai cristián que o entenda. Co fuel que imos perdendo, hora a hora, constante, e mandan irmos a sur.
KZ Xa, Panaguiotis: se quixesen repartilo todo ben...
PM ... dispersar equitativamente...
KZ ... para todos igual...
PM ... ben espallado...
KZ ... que ninguén fique sen a súa ración...
PM e KZ ... non o farían mellor!

     (irrompen varios gardas civís con tricornio e armados; algún deles ten un só ollo no medio da testa)

GC Capitán Mangutas?
PM Eu...
KZ El...
GC Está vostede detido
PM Eu??
KZ El??
PM Por que!!
GC Resistencia á autoridade. Resistencia a cumprir ordes dadas con autoridade.
PM Eu!
KZ El! Panaguiotis, non me deixes. Retornariamos xuntos a Grecia. Un barco pequeno, discreto... Seguindo as mellores tradicións nosas (música grega tradicional), unha taza en cada porto, diluída en auga para que non nos faga mal... (como PM saíu, levado polos gardas civís, o que continúa é monólogo) Un ano con Circe, oito con Calipso, dez aniños de nada para chegarmos a Grecia, á nosa illa, Panaguiotis, amigo... e van eses bárbaros e tríncante. Os ciclopes, a ti, o mellor dos kapetáns, que te entregaches a cumprir o teu deber en corpo e alma, fixeches evacuar a tripulación e mais nós, nós sós ficamos a bordo sós, o mar, o barco e mais nós
coro de fondo (pianissimo) Heiche de contar un conto
un conto de mil mentiras
heiche de contar un conto
un conto todos os días...





PANO

 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega