Vertixe v.4.2

Páxina Anterior

Lance segundo

Páxina Seguinte

Pagina nueva 1










LANCE SEGUNDO
(nove escenas; escenarios α, β, γ e δ)





ESCENA 2.1 : ESCENARIO β 16 de novembro, sábado


coro de fondo (pianissimo)      Heiche de contar un conto
un conto de mil mentiras
heiche de contar un conto
un conto todos os días,
heiche de contar un conto
un conto todos os días...
     Vamos a contar, meus homes,
vamos a contar mentiras,
eu ben vin arar os peixes
no monte con campaíñas
e se estas sonche verdades
no mundo non hai mentiras...

(de pé MF e AB; sentado no grande sofá, A)

A, MF e AB     (a coro) Poltugal, Poltugal, Poltugal, Poltugal
avanzada de nuestra nac...
MF Poltugal non era, ou?
AB Non, non, presidente, que era....
A Xibraltal!! Pasaremos á historia, con H maiúsculo, pasarei como o...
MF Querido, querido presidente: teño aquí un fax de Francia e están, como ten que ser, están moi contentos, satisfeitos coa nosa valente decisión.
A Claro! Claro. Claro, claro, que outra cousa habían dicir da miña autoridade decisoria?
AB E mais o outro fax vén de Portugal, e parece que non...
A Claro! Claro, claro, claro. Como son pequenos, eses sempre teñen que estar protestando.
MF Mais, presidente, é que...
A Teñen que estar protestando.
AB Estar protestando!
MF Pobriños. A que lles vai caer.
A Protestando! (fica ríxido, estático).
AB Sempre a protestaren: que razón tes, presidente! Unhas veces porque lles cortamos a auga do Texo e do Guadiana, como se non fosen territorio 'pañol.
MF E as outras porque abrimos os encoros río enriba. Daquela protestan porque lles anegan o Ribatexo.
A Ribatexo? Non é ese do viño? Que viñazo! eh?
AB Sempre chorando. E todo porque na fronteira lles iamos soterrar uns poucos residuos nucleares. Absolutamente inicuos.
MF Inocuos, Paco
AB Inocuos de nada.
A (acordando) Sempre protestando! Mais con iso non van conseguir que o país lles medre.
MF Sempre, sempre serán pequenos.
AB A boa oportunidade que se lles dá agora, e non van ficar calados.
MF Caladiños, qué ben estaban!





ESCENA 2.2 : ESCENARIO δ Á caída da tarde

(a lanchiña móvese moito)

MF1 Non!
MF2
Non pode ser!
MF3
E mais é!
MF1
Que non!
MF2
Outra vez non!
MF3
E vén outra vez! Xa foi antes!
MF1 Non debía ser! Non pode!!
MF2
Non pode!!! Cantas veces aínda?
MF3
Nunca máis...
(unha enorme onda negra cobre a lancha)





ESCENA 2.3 : ESCENARIO γ Domingo, 17 de novembro


OC (ao teléfono) Non, neste momento Don Manoliño non está. Non, señora. Chame luns. Si: estar, aquí está, mais non vai poder falar con el. Claro. Meditando. Reunido, isto é, está reunido. En Madrid, señora. Bendito sexa, si, señora.





ESCENA 2.4 : ESCENARIO β Domingo 17


A (ao teléfono) Ana, Anita... Anitísima! Que ha de importarlles ese barquito aos galegos? O voto alí é seguro. Como en ningún outro lugar. Os barcos téñenos cada día ao pé da casa. Non lles importa, muller. A rendibilidade electoral tirámola noutros lugares. Xibraltar. Xa verás,
¡Gibraltar, Gibraltar! ¡Gibraltar, Gibraltar!
avanzada de nuestra nación
¡Gibraltar, Gibraltar! ¡Gibraltar, Gibraltar!
punta amada de todo español
A mi Patria le robaron,
tierra hispana del Peñón,
y sus rocas hoy hollaron
con el asta de un extraño pabellón
Pero suenan los clarines
y se escucha ya el redoble del tambor,
y por todos los confines
se oye el grito de que seas español

Si. Aos galegos pouco lles ha de importar. Aos que lles largamos o marrón foi aos pobres dos portugueses. Que importa? É o que Francia nos manda. Aos portugueses, total, resúltalles como o que lles facemos cada ano coa auga. Sae nos periódicos deles, que os nosos, mesmo Galiza, nin chío. As cousas ben feitas... Non creo que ese barcucho vaia traernos outra cousa que beizóns, que desta, Aniña, Anitísima, desta liberamos Xibraltar. Xa verás (procura outras conexións na centraliña). Quero falar —inmediatamente!— co ministro de Fomento. Señor Álvarez Botellas. Inmediatamente! Como!! Cazando?? Ben, moi ben, mais... que raio andará a cazar? (pendura o teléfono e monologa). Troitas, salmóns. Cando menos confío en que non cace vacas ou, se non, baixará a produción de ovos... (pensa e retorna á centraliña) Co presidente da Csunta de Galiza, Don Manoliño, inmediatamente! Como! tamén caza? Que sorte a miña! Que falta de indisciplina! (deixa o teléfono á beira e volve monologar).Eu quería preguntarlle a Don Manoliño en que acabara o asunto aquel das vacas tolas. Non nos prexudicara, nada en absoluto, así a todo que el non moveu un dedo. As vacas tolas... Cazando... Brutamontes dos galegos, que cazarán? Galiñas de leite. Seguro.

(entra MF)
MF Querido presidente! Querías falar con Don Manoliño? Eu teño o seu móbil.
A (entre dentes) Por que ten este o número e non o candida... o presidente, eu? Mafia, fan a súa propia mafia. E non hai quen lles entre: as súas galiñas dan o mellor leite, os seus bois o ovo máis fresco. Claro: ovos marelos das vacas marelas. (En alto) Mariano, Marianiño: os galegos, como facedes para cazar as ameixas? Son como espárragos negros: que gusto pode dar cazalas con escopeta?
MF Querido presidente, iso son os percebes. Xa che darei uns enxertos de percebe para que os sementes no palacio. Velaquí o teléfono de Don Manoliño.
A (no teléfono) Don Manoliño? Como estás! E o pesqueiro, que pasa? Como que qué pesqueiro? Ese barcucho. O Titanis... o Vertixe. Qué nomes lles poñen, eses estranxeiros... Que? Preocupado? Ti, preocupado? Xa me parecía que non. Vas cazar co teu amigo. Qué bárbaro, ho, mira que traballares domingo... Como te admiro! Ah, ten remolcadores. El xa cho vai explicar todo. Aí, en Aranjuez. Ten os remolcadores en Aranjuez? Ah, de caza. Que non entendo o que dis. Vocaliza, home! Ben, pois que cacedes moito. E dille, xa que ten tanto remolcador, que me pesque uns percebes e varios caviares. Os caviares mellor que sexan moitos, que son tan pequeniños. Vaites, vaites, Manoliño, non me veñas con pretextos infantís... Cres que por ser de Madrid son parvo, eh? O da barca esa, Estixe ou como se chame, Vestixe, iso é, non vos preocupedes. Xa temos montada unha operación en firme, vaille caer o morto a Xibraltar e logo vailles caer o pelo e acabarán ben informados. Espallamos o petróleo ben; que logo terán que pagar eles todos os pratos, todos (só canta o comezo da marcha):

Gibraltar, Gibraltar...

Como que qué? Pois Xibraltar! A espiña cravada no corazón de todo patriota de aquí. Qué somos nós, Manoliño? Antes de conservadores, previamente á maioría natural, con anterioridade a liberais confesos, antes de ocuparmos o centro, o que somos é... patriotas! E, cal é a espiña do patriota de aquí? Pois logo... Por iso importa tanto esa lancha. Por que outra cousa, logo?






ESCENA 2.5 : ESCENARIO δ Á caída da tarde (reiteración da escena 2.2)

(a lanchiña móvese moito)

MF1 Non!
MF2
Non pode ser!
MF3
E mais é!
MF1
Que non!
MF2
Outra vez non!
MF3
E vén outra vez! Xa foi antes!
MF1 Non debía ser! Non pode!!
MF2
Non pode!!! Cantas veces aínda?
MF3
Nunca máis...
(unha enorme onda negra cobre a lancha)






ESCENA 2.6 : ESCENARIO γ xoves 14 a domingo 17



M (ao teléfono) Claro que si, querido amigo (frases inintelixíbeis por mal pronunciadas; no sucesivo: fimapros) Non hai motivo ningún de alarma (fimapro). O mar, grazas a Deus, é moi grande e absórbeo todo (pendura o teléfono). Arsénico! Arsénico!! (entra DG)
DG É Arsenio, Don Manoliño.
M Si, claro, claro (fimapro). Encárgaste ti, eh, Arsénico?
DG De que, Don Manoliño?
M Albíxaras, Arsénico, do que che acabo de dicir (fimapro), é que estás amnésico?
DG Non entendín, Don Manoliño. Imaxino que será algo importante que debo facer como delegado do goberno que son.
M Nin delgado nin berno nin porras, Arsénico. Ti fas o que eu che digo e (fimapro). E non teño nada máis que dicir.
     (Érguese e sae con andar paquidérmico; os focos televisivos iluminan a DG que, armado duns papeis, ten que dar unha roda de prensa. O que segue é un collage de citacións case textuais non debidas ao autor. Aínda sen adxudicárllelas aos verdadeiros creadores, o autor non se confesa plaxiario, por ser do dominio público os auténticos responsábeis, persoas públicas que proferiron os elementos desta collage como declaracións públicas)
DG Probabelmente o fuel non toque a costa galega.
M O perigo máis grave xa pasou.
DG Co Vertixe a 60 millas o risco non é alto.
MF O Vertixe xa non é cousa nosa: agora está en augas de Portugal.
MS Afortunadamente, a rápida intervención das autoridades españolas, arredando o barco da costa, fai que non temamos unha catástrofe ecolóxica, como aconteceu noutras ocasións, nin prevemos grandes problemas para os recursos pesqueiros
(Xorde no lateral AB, vestido de cazador e disparando á distancia)
AB Aquí estou eu, descansando. No Pirineo. Nun Pirineo. (Mira en derredor) É que estaba moi cansado (desaparece).
MS (cantando:) Ola! Estamos aquí, tan ricamente, en Doñana. Dona-Ana. Disfrutando da ecoloxía, porque isto da ecoloxía é tan... tan...
MF ... tan bonito...
A ... tan mono.
MS Sénteste tan próxima á natureeeeza...
A E a Xibraltar!! Xibraltar, Xibraltar! A min, a natureza: que me importa?
MS Cómpre estar tranquilos: é imposíbel que o barco afunda e, de facelo, o petróleo nunca chegará á costa
M E o que diga o contrario mente.
DG Todo o fuel que tiña que chegar á costa xa chegou.
MF Non se pode falar de marea negra; son manchas negras e dispersas.





ESCENA 2.7 : ESCENARIO α Día 19 de novembro, martes

(sen ninguén na ponte, o barco móvese e renxe moito; hai relustros e tronos ritmicamente separados; escóitase o transmisor/receptor de radio)

radio Alô, Vertixe. Cá 'tá o controlo da Marinha Portuguesa a falar. São informados de que estão para entrarem já nas águas territoriais, zona económica exclusiva de Portugal, pa, e disso nada, pa!: se entrarem para Portugal, nós afundamo-los. Não se importem do que lhes disseram espanhóis, que nós afundamos, pa. Palavra. Câmbio... Alô, Vertigem? Câmbio, pa (un trono máis prolongado do que calquera outro fai apagar todas as luces. Desaparece o escenario α para sempre)





ESCENA 2.8 : ESCENARIO γ De 19 novembro a 1 decembro, mais unha confesión serodia do 8

(Nova collage de citacións case textuais perpetradas como declaracións públicas)

MF O barco afundiu. Mais o fuel solidificarase no fondo do mar.
DG O destino do fuel no fondo é converterse en adoquín...
M Se fai falla, volvo bañarme como empalma... (un fimapro), como en Palomares
DG Hai unha cifra clara, e é que a cantidade que se verqueu non se sabe.
M E o que diga o contrario mente.
MS O goberno actuou con dilixencia. Nós viñemos seguindo isto desde o primeiro momento, que o director xeral está aquí desde o sábado.
MF Non hai o menor perigo de que a marea negra chegue ás Rías Baixas. E desde Punta Langostera a la Cuesta de la Muerte está todo controlado.
DG Don Manoliño non saíu de Galiza.
M Estou onde teño que estar; e Deus, e Santiago, vannos axudar
A Non fun a Galiza porque xa estiveron varios ministros. Varios ministros. Varios ministros!
M O sábado estiven no meu despacho até moi tarde, logo viaxei a Madrid, onde tiven unha reunión tranquila con miña filla, que é a secretaria de Pesca... O domingo estiven con uns amigos, que deixei tirados porque eu non podía quedar á cazaría (un fimapro)... entre os amigos atopábase Fernando da Cámara de Comercio de Madrid, un dos que máis entenden de hidrocarburos...
AB Don Manoliño estivo todo o fin de semana traballando coordinadamente co Gobierno.
M O da miña cazaría é unha patraña!! E quen diga o contrario mente!! (apágase e retorna) Estiven de cazaría catro horas e volvín sen comer... Sen comer, eu!
MF O verquido afecta a unha parte importante, uns cincocentos quilómetros, mais non é unha marea negra. Apenas pequenas manchas. Nun fondo de 3500 metros e dous graos de temperatura, o fuel estaría nun estado sólido: o combustíbel non se verquerá...
AB Se non chegamos a arredar o buque mar a dentro, a mancha xa estaría na costa!
A O que non imos facer é ir a Galiza a quitar a foto, a non resolver nada e a mercadear, senón con solucións baixo o brazo e compromisos, que é o meu traballo. Aínda que, para o que me pagan... Eu quero dicirlles a vostedes que son moi consciente e todo o mundo é consciente de que a capacidade de crear alarma é ilimitada. Alarma, crear alarma. Crear! Alarma! Pódense crear todas as alarmas que se queiran e mesmo, por que non o vou dicir?, faise nalgunhas ocasións e faise, ademais, conscientemente de que se está creando alarma, e probabelmente, ademais, non existen elementos de constatación dalgunhas informacións que se están dando desde un punto de vista real, desde un punto de vista fundamentado, desde un punto de vista. Considero fóra de lugar facer ao Goberno responsábel da catástrofe, e coido que quen o fan cometen unha grave torpeza, mesmo para o seu propio futuro... usan a dor allea como mercancía política. Algúns andan moito máis preocupados no aproveitamento propio da dor allea e dunha catástrofe que en manifestar a súa solidariedade.
CW (dirixíndose a A) The president Pipe Ramy said - Nunca Máis!, and I believe him.
tradutora en off O presidente Pepemari dixo: Nunca máis!, e eu créollo... Cre que o dixo!
A (dirixíndose a AB, MF e MS) Esa gravación miña, que desapareza!
MF Pero... señor presidente, estás ti co presidente dos EUNidos, Mister Wayne, Don Charlton Wayne, a súa imaxe, tan boa para a túa imax ##
A Que desapareza! que se risque! que nunca mái... perdón!!, que xamais volva aparecer nin na nosa televisión nin na privada. Ar! Xibraltar, Xibraltar....!
(escóitase fondo de voz colectiva:) Nunca Máis! Nunca Máis...!!





ESCENA 2.9 : ESCENARIO δ

(a lanchiña móvese moito)

Á caída da tarde



MF1 Non!
MF2
Non pode ser!
MF3
E mais é!
MF1
Que non!
MF2
Outra vez non!
MF3
E vén outra vez! Xa foi antes!
MF1 Cada dez anos!!
(encallan bruscamente en terra negra, negra como o acibeche)
MF2 Chapapote por todas partes!! Outra desgraza!! Cada dez anos!!!
MF3
Non podía pasar máis!! Nunca máis!!!
MF1, MF2 e MF3
Chapapote! Nunca!! Máis!!!





PANO

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega