Vertixe v.4.2

Páxina Anterior

Lance terceiro

 

Pagina nueva 1










LANCE TERCEIRO
(nove escenas; escenarios β, γ e δ)




ESCENA 3.1 : ESCENARIO β (inicialmente, a combinar logo co ESCENARIO γ)

coro de fondo (pianissimo)      Heiche de contar un conto
un conto de mil mentiras
heiche de contar un conto
un conto todos os días,
heiche de contar un conto
un conto todos os días...
     Agora que estamos sós
imos contar máis mentiras:
polo mar corren as lebres
e polo monte as sardiñas
polo aire andan os burros,
mirade qué tres mentiras...
A Os merdas de Portugal, non ousaron insolentarse comigo? Pero, ¿ke s'abrán kreío? La France
le jour de gloire est arrivé
   Gibraltar, Gibraltar...!

Portugueses, pobriños, así que o barquiño rompeu por culpa deses malpocados... Quen o diría? Impertinentes! Pobres de pedir! Esmolantes! Pero, que cren?

(soa o teléfono, cólleo)
Aaah? Ah, Don Manoliño, carambas, carambas, que temos por aí? Que tal por Galiza, Don Manoliño? Non me digas máis: está chovendo, ghaghaghaghá!
     (desaparece a súa luz e ilumínase o ESCENARIO γ; a seguir, van alternando os dous, segundo quen fale)
M Querido Pepemari, como é natural (segue un fimapro). E non teño nada máis que dicir.
A Como cojones non tes nada máis que dicir? Nunca máis?
M (reiterados fimapros)
A Pero, que autoridade é esta, nabos?
M Nabos, querido amigo (fimapro): é un problema nabal. E quen diga o contrario mente.
A Entón, Don Manoliño, que nabos é?
M Querido amigo, como é natural, levo toda a vida dicindo (fimapro), como é natral, que esta merda do carallo da democracia (fimapro) amañábase con dous (fimapro).
A Con dous? Dous que? (á parte:) Por que fala todo en codificado?
M Dous partidos, cagontal (fimapro), un sistema de dous partidos, como é natural!
A Aaah! Como en Inglaterra, non é? Querido Don Manoliño, ti embaixaches en Inglaterra nos anos gloriosos do...
M Inglaterra non, querido amigo, no Reino Unido, que alí che son moi mirados para (fimapro).
A E de dous partidos a un, don Manoliño, non che hai máis que un suspiro...
M Claro está, crido amigo, como antes, cando era eu (fimapro). Mais ben é co partido que...
A O problema, querido don Manoliño, é que aí en Galiza non che resulta ben o segundo partido, a oposición, ben me entendes.
M (Silencio. Logo fimapros entre dentes. Novo silencio).
A Non ten a menor importancia, crido don Manoliño. O que importa seriamente é o control da radio, da TV, do fútbol, do boxeo e (fimapro, el tamén). Carambas: isto debe ser contaxioso!
M Boxeo, crido amigo? Quen controla o boxeo, querido Pepemari? Como é natural, non son capaz de entender a onde queres chegar.
A Mira, don Manoliño: vouche contar un conto (M cala e atende).Ti sabes quen é o presidente de España, non? Pois un día, sendo quen son, camiñando tan tranquilo por unha rúa 'pañola, con quen topo?
M (fimapro)
A Xustamente!: con Adolfo Hitler. E dígolle: Adolfiño, ai, don Adolfiño, mein Führer: estou dos galegos até o curuto. E do seu presidente, ghegheghé. E de Portugal. Se tivese o teu exército, esmagábaos a todos. E sabes o que me contestou o do bigote?
M (fimapro)
A Pois mira, non. O que me dixo foi: vaites, vaites que, se tivese eu a túa televisión, os alemáns aínda hoxe non sabían que perderamos a guerra! (aparece MF ao pé do A)
M Ah! Logo, perdérona?
MF Querido presidente... Estaste excedendo. A democracia non nos autoriza a tanto...
A (sin ollar para MF) Querido don Manoliño... (fimapro) Non teño máis que dicir: Xibraltar! Xibraltar!
M Querido amigo (fimapro): como é natral (fimapro) non teño máis que dicir (desaparecen todos)





ESCENA 3.2 : ESCENARIO γ Desde o 20 de novembro ao 7 de decembro



As voces de todos os que participarán na escena cantan, a coro:

 Eu son o pirata de pata de pau
con ollo de vidro, e cara de mao
 Eu son o pirata de pata de pau
con ollo de vidro, e cara de mao

(Nova collage de citacións case textuais perpetradas como declaracións públicas)

LL (falando para a cámara da TVG): Mariñeiros e voluntarios retiran o fuel con cubos e pas e piden máis barreiras de protección (pasa a folla). O verquido considérase altamente tóxico: os que participan na retirada non poden traballar sen botas, luvas nin protectores nasais (pasa a folla). Estiman os expertos que máis de dez mil aves mariñas resultaron afectadas polo fuel (pasa a folla). Hoxe, sábado, Don Mariano, vicepresidente do goberno, trasládase a Galiza para se poñer á fronte do equipo de crise. O ministro de Fomento, Don Paco Álvarez Botellas, viaxa para descansar a Serra Nevada. Na costa de Granada, os afiliados do seu partido condecorarano co Chirimoyo de Ouro (pasa a folla mentres aparece, no fondo, MF). Tres barcos comezan a limpar o verquido principal mentres Francia se pon en alerta ante a posíbel chegada do fuel ás súas costas. Vinte e dous barcos anti-contaminación europeos non entenden que o goberno español non acepte o seu ofrecemento ## (MF achégaselle por detrás e tápalle a boca)
A (desde o fondo) Agora queren amañalo o pérfido, cren que son parvo?: nunca aceptarei esas barcas inglesas. Dignidade! Xibraltar, Xibraltar.
DG Unha marea negra é unha marea negra.
MF (xa sen LL) Hai un fluído na zona de proa que é difícil de cuantificar...
A (desde o fondo) A proa que é, diante, verdade? Bo, tal e como están as cousas, depende desde onde se mire, ghegheghé... Cal é a proa, xa o decidirá o goberno: Xibraltar, Xibraltar.
MF A popa está mellor que a proa. Só ten un par de pequenas fendas...
LL (recuperada, retorna ao seu lugar ante a cámara da TVG): Para o día de hoxe, domingo un, a plataforma cidadá auto-denominada «Nunca Máis» convoca a todos os galegos en Compos... (tras ela aparece M cun garrote e movementos agarrotados como os dos heroes do guiñol: bate nela, e LL marcha novamente, a berrar) Ai, ai, aiaiai!
(fican en escena MF e M)
M O meu heroe segue a ser, querido amigo, don Xaimes (fimapro)...
MF Don Xaime, querido don Manoliño? Que Xaime?
M Xaimes Bond, naturalmente e como é natural, querido Marianiño. Cando estaba eu no Reino Unido...
MF Ah, si: os de Xibraltar.
M Pobre Marianiño (fimapro), como ousas interromperme? Don Xaimes, como é natural, ten unha película moi a propósito para a ocasión, a que se chama Never Say Never Again (pronúnciao Néversai-neveragaín, como se lería en galego)
MF Neversaqué?
M Nunca digas «Nunca Máis», e nada máis teño que dicir, querido amigo (fimapro; MF imita a Bond, cruzando a perna e poñendo os dedos en pistola cos brazos tamén entrecruzados). Porque esa manifestación ou algarada, querido amigo (fimapros prolongados)...
MF (que non entendeu nada) Pois non lle direi que non, querido don Manoliño.
M Como que non, Marianito? Ti, como te atreves?
MF Non, non, Don Manuel!
M Naturalmente, o que eu digo sempre, crido amigo. Os catro de sempre: non poden mover máis nada que o seu teito, infinitamente limitado como é natral, que está todo atado e ben atado (fimapro).
MF Que?
M Que valoramos a capacidade de convocatoria dese bloque de rojos en 18.723 cabezas demagóxicas. E nin unha máis.
MF Pois a cidade está tomada. Non poden saír da Alameda...
M Aghá! A policía! A miña policía! A Alameda é miña!!
MF ... porque non conseguen moverse. As rúas están todas atrancadas. Segundo eu penso, cagámo... fixémola boa, Don Manoliño. Aínda que o noso querido presidente prometeu que o salvaría facilmente, isto non o salva Xibraltar.
M (fimapros precipitados e alarmados)
MF Os galegos nunca protestaban. Sempre da nosa parte. Da súa, don Manoliño. Puidemos sempre facerlles todas cantas puta... falcatruadas nos viñeron, deixáronse relegar sen protesta, salvo catro mariñeiros brutos. Mais hoxe... Hoxe, isto fóisenos das mans, don Manoliño (realmente xa non fala con M, senón consigo mesmo). A situación márchanos. Mentimos demasiado.
M Non hai mentira, crido amigo, que non se poida amañar cunha boa televisión ben xestionada. Unha receita hai, e moi clara: cada vez que algo non conveña, non hai cousa mellor que denunciar a súa demagoxia. Esa é a consigna. Así de simple, crido amigo; e quen diga o contrario, mente.
MF Eu xa deprendera esa lección, querido don Manuel. Só que hoxe comezo a pensar que todo chega a ter un límite...
M Nada diso. Unha televisión ben xestionada. Unha televisión leal, patriótica. Esa algarada de facinorosos, esfarrapados, rojos (fimapros varios), tal manifestación nunca existiu. Transmítase a Radio Nacional e a Televisión 'pañola e á Antena Tres, como é natural, que á telegait... quero dicir, á TVG non é preciso.
MF E mais, poderemos, don Manoliño?
M Naturalmente, querido amigo: isto é unha democracia e, xa que logo, o partido que gaña as eleccións, como é natural, é o que manda. Ou sexa: unha vez máis mando eu, como cando era ministro, sen o estorbo ese das votacións. Ai! que tempos aqueles! (fimapro)
MF Mais na Gran Bretaña, a BBC, non obra así: non, don Manoliño?
M (fimapro desaforado) Xibraltar, Xibraltar! Onde raio estarás?





ESCENA 3.3 : ESCENARIO γ 4 de decembro



LL O xefe da oposición... señor Shoemaker!
Sh Si... este... a min paréceme que non están obrando ben. Que o goberno... que o goberno moito interese non pon. Non aplica moito... moita... enerxía. Iso é. Eu creo que deberían dedicarse un pouquiño máis a isto. Naturalmente, na miña humilde opinión. Aínda que o mar estea tan lonxe... Aínda que Galiza fique a tanta... tanta... distancia.
LL Señor Shoemaker, non se lembra? Está aquí, en Galiza, na telegait.... TVG!
(séntense berros exteriores:) Televisión! Manipulación!!
Sh Ah, si. Si? (irrompe MF)
MF (moi enérxico) Como pode dicir esas cousas? Bárbaro, besta; bruto!
Sh Home, eu...
MF (á parte) A mellor defensa é o ataque. E funciona. Con este funciona! (cara o Sh:) Bruto, besta. Bárbaro! Como se atreve? Demagogo!
AB Puxo os redactores da súa radio a indagar en que hoteis se aloxan fin de semana os membros do goberno.
Sh Ben, home, eu... non quixen excederme. Non quería molestar...
(de novo os berros exteriores:) Televisión! Manipulación!!
MF Eu non vin nin un grao de patriotismo: só ondas de críticas, peticións de dimisión e unha actitude irresponsábel... ningunha oposición actúa así en situacións semellantes.
Sh Ben, home, eu... non quixen excederme. Non quería molestar...
MF Hai que ser un pouco máis patriota e criticar menos!
MF e AB Shoemaker, dimisión! Dimita, señor Shoemaker! Shoemaker: di-mi-te! Váiase, señor Shoemaker...
(Shoemaker érguese e marcha, discreto)





ESCENA 3.4 : ESCENARIO δ 1 de decembro

(a lanchiña reborda chapapote; os tres MF vestidos de recolledores de ídem)

coro de fondo (pianissimo)           Aquel mariñeiro da beira do mar
aquel mariñeiro, quíxome levar
quíxome levar e non me levou
aquel mariñeiro, que pena me dou!
MF1 Chegaron os camións do exército belga. Que ninguén chamara.
MF2 A que viñan? Algo lles dirían, ho.
MF3 Chegaron e alucinaron. E preguntaron.
MF1 Preguntaron...
MF2 Preguntaron quen había.
MF3 E viñan de Bélxica. Por terra. Que eran do exército belga.
MF1 E exército outro aquí non había.
MF2 Mais dixo alguén que non viña.
MF3 O exército, a mariña... Máis vale non remexer, que xa tela abonda temos...
MF1 E dicía que todos os barcos da Armada podían axudar.
MF2 E mais fomos nós. O mar, os barcos e nós.
MF3
Mil lanchiñas de baixura e mil barcos con valor
MF1
o que o estado non facía hemos de facelo nós
MF2
que nos veñan sen reserva a cobrar taxas e impostos
MF3
a cambio de que? non saben contraparte? non resposto
MF1 moi prontos a cobrar
MF3 mais nunca a servir
MF1 e MF3 logo o estado non existe
MF2
Mil lanchas a facermos o que o estado omite
MF3
A pagarmos sempre nós, o que nunca el remite
MF1 Anarquía, nós! Sós!





ESCENA 3.5 : ESCENARIO β 24 de xaneiro seguinte

(Aínda tres citacións proferidas os 5, 6 e 14 de decembro como declaracións públicas)

(MF diante da cámara de televisión; detrás del AB y A)

MF Pénsase que o fuel está aínda arrefriando. Fugas non existen: saen apenas catro regueiros, os que se viron en condicións inapreciábeis. Uns pequenos hilillos, fiíños como de plastilina que se solidifican de inmediato ao alcanzar a verticalidade.
A Non se pode dicir tecnicamente sen faltar á verdade que eses fíos vaian á superficie.
AB (á parte) Si, ho, si: cento cincuenta toneladas de fuel cada día: fiíños de nada.
A Nunca como nestes días me sentín tan perto de Galiza, dos seus sentimentos e preocupacións. E os que me coñecen saben que eu sempre a sentín moi perto...
(Aparecen as cámaras da TVG; rodean a A: AB, MF, DG, M e MS, con LL)
A Estamos aquí
M queridos amigos
A estamos aquí reunidos aquí estamos
M como é natral
A para dar delación... relación completa
M (fimapro)
A completa relación exánime
MS como debería ser
M (fimapro)
MS o que?
M como é natral
A das grandes realizacións
M do réxime?
MF que este amigoberno, isto é
DG este goberno amigo...
AB (en privado para DG) Ti cala, que a ti non che toca aquí!
DG E logo?
AB Ti, suponse que nos representas a nós
DG Pois logo, que?
M Que cales, querido amigo, ou?
A Autoridade! Shut up!
MF Que raio dixo?
M Xatá, dixo xatá, querido amigo, que se non me falla a memoria (fimapro) cando en Londres eu estaba...
A Caramballo! Agardamos a que chame o meu amigo o presidente dos USA?
AB Quen? Quen os usa? Quen usa quen? Que Susa? Xesusa? Rusa! Rusa ou lusa? A lusa usa á rusa, que abusa! Que, por fin e ao cabo, que é unha lusa máis que unha rusa pronunciada por un oliental...?
A Usa!, porras, USA!!!
MF Charlty. Charlton Wayne, presidente, non é?
A Pois logo. Pois é. Pois fin, final!
MF, AB, LL, DG e MS Si: si señor!
A O esforzo
MS realizado nos últimos meses
M como é natural
MF foi... un...
A foi un esforzo
MS un esforzo!
MF colosal.
A Pois logo? (pausa; ordena os papeis) Aprobouse o plano cham... (MF, AB, LL, M, DG e MS aplauden enérxicos, entusiásticos) O plano Galiscia. Enumero (MF, AB, LL, M, DG e MS murmuran entre si) ... enumero, e demando, encomendo silencio. Silencio enfermizo e fraternal (faise o silencio total) Un: metro, e non de cen centímetros, metro como tren subterráneo, aquel que non está na oficina de pesas e medidas nin en París. Un subterráneo metro que se espallará, con todas as pertinentes ramificacións, entre Puenteviedra e Vigo... (detense para que aplaudan, e iso fan MF, AB, LL, M, DG e MS, con grande entusiasmo). Aves. E non estou a falar de paxaros. A.V.E., alta velocidade 'pañol, entenden? Outro tren! Pero non un nin dous nin tres, senón cinco Aves, un deles directo a New York (os que o acompañan aplauden, aínda que con menos convición), outro a Londres, outro... Aeroportos. Internacionais. Aeroportos internacionais (volven apludir con entusiasmo, mentres el segue a falar): no Morrazo, en Fisterra, no Courel (paran de aplaudir). Ademais, portos-refuxio para grandes petroleiros en Castro Caldelas (silencio: todos, agás M, que anda aos biosbardos, ollan para el con aprensión), en Ribadavia e nos Ancares. Sen demagoxias!
M, MF, MS e DG Sen demagoxias.
A Sen demagoxias! E... (ollan atentos para el, entre aprensivos e esperanzados) e... (seguen a ollalo moi atentos) e... a concesión máxima á cultura do pobo popular e cultural (os que o ollaban están todos de boca aberta, abertísima): un estadio de fútbol en cada aldea rural! En cada aldea rural! (aplausos estentóreos de todos)
M, MS e MF (aplauden mentres berran:) Un en cada parroquia! Un en cada parroquia!!
M e DG Concédevos! Concedémosvos!!
A En cada aldea rural!! En cada aldea!! ... rural!
MS e MF Un en cada parroquia! ... O cuponazo!!!





ESCENA 3.6 : ESCENARIO γ

MS Queridos nenos, no nome de Deus...
MF Que, querida amiga?
MS Penso que teño a solución.
MF Solución para que?
MS Esa construción inocua, «Nunca Máis». Poderemos dála por acabada.
MF Como! Como, logo?
MS Pois teño, temos unha laminiña que se aplica á pel e impide, logo, a pronunciación da infame construción.
MF Cal? De cal?
MS «Nunca Máis»     (estremécese arrepiada; escóitase, en off:)
Passar hão mais de mil anos,
Dar-te-emos pelo cu, sim,
passar hão, sabor a ti,
isso é dizer, assim
muitos mais
por atrás

que Nunca Mais






ESCENA 3.7 : ESCENARIO β 23 e 24 de febreiro

(AB, MF, MS, A)

AB Estase producindo unha absurda manifestación, outra algarada máis, deses bárbaros, desleais, traidores que queren aproveitar esta desgraza, e agora na nosa capital. O noso querido
MF ... digno alcalde, esfórzase ben en impedir que o percorrido deses catro gatos, catro esfarrapados, tivese lugar polas grandes avenidas imperiais, que nunca máis (cae arrepiado nos calambres; MS e os outros aplauden)
MS, AB, A (aplauden frenéticos) Funciona!! Funciona!! Xa non o dirán nuncama...! (córtanse)
A Para que digan logo que non investigamos. Que non temos en conta os investigadores. Os investigadores!
AB Querido presidente:
A Os investigadores! Que non os temos! En conta!
AB Querido presidente: a desidia internacional anti-española, os programáticos presuntos prantaxenéticos pretextos...
voz de M, en off: pre, pri, pro, pra, queridos amigos: (filapro)
AB ... aducen que ao porto de destino, Xibraltar
A Xibraltar, Gibraltar... 'pañol!
AB ... non lle chega con ser porto de destino para se converter el, Xibraltar...
A Xibraltar... 'pañol!
AB ... en local central de todos os males. Alí onde se reúne toda a maldade e a incuria, a felonía e a inimiga
A E os piratas
MS E os ateos, herexes
A A corporación xudeo-masónica
AB Conspiración, querido presidente
A ... esa cosporación non chegará nunca máis (desaparece fulminado polos calambres, cos aplausos dos presentes, aos que se agregan DG e M)
MS, AB, DG e M Funciona! Segue a funcionar!
DG e M Ei!
M Carballeira! (os demais ollan para el con prevención) ...como é natural
(sentan todos no sofá. Entra LL, que se dirixe á cámara da TVG)
LL ... manifestación celebrada onte en Madrid por centos de miles de... (M agarrotado bate outra vez nela co garrote, mais LL, maltreita, continúa) non se sabe o que querían. Despois do ilustre «Plano Galiza» deberían berrar «Gracias... 'Paña!!!», en lugar da consabida consigna atrabiliaria do despre... (olla con moita prevención para M, que está tras dela) ... do desprezábel... Nunca...
M Segue, neniña, non te preocupes, muller, di o que teñas que dicir, filla, que a liberdade informativa é a libertade informativa.
LL (continúa sen perder de vista a M) ... consabida consigna atrabiliaria do desprezábel... Nunca máis! (cae fulminada polo calambre e disólvese)
MS, AB, DG e M Prensa canallesca! Ananos infiltrados! Ben, ben, ben!
DG Querido presidente, xa non teremos que aturar estes ananos infiltrados nunca máaaaa...! (desaparece)
MS, AB e M Guai!! Chachi guai!! (sen forza) Chachigú... chachigú...
AB De seguirmos así, señora ou señorita ministra sen carteira, acabaremos todos, antes ou despois, dicindo accidentalmente o famoso nunc... Non, non e non: eu non o vou pronunciar. Que non penso caer fulminado polo teu calambre insidioso.
MS Claro que non, querido Paco: non foi pensado para xente coma ti.
M Son eses que andan a ladrar o seu odio polas esquinas.
AB Un día terás que admitilos, don Manoliño.
M E por que? Queridos amigos, como é natral, quen domine os medios domínao todo. Observade, queridos amigos, que noite esplendorosa (o escenario está luminoso ao máximo)
MS Querido don Manoliño, mais é día claro, clarísimo...
M Menos demagoxia! Observade, repito, como é natural, qué noite esplendente, estrelas fuxidías e todo iso (ollan AB e MS, incrédulos, para o ceo): como ladran os paxaros...
AB Paxaros que ladran?
M Naturalmente, crido amigo: ladran o seu odio polas esquinas e pintan de negro a bandeira galega que tanto sempre amamos e pola que nos desvelamos.
MS e AB Gha! gha!, ghaghaghá!
M Mais é unha plataforma moi digna e conveniente. E quen diga o contrario mente.
AB Quen?
M Eles.
MS Aaah!
M Non sendo algúns paxaros (fimapro)
AB Xa: os paxaros que ladraban.
M Xustamente. Como é natural, certos paxaros, dirixentes...
MS ... de Nunca Máis (disólvese)
AB Gha! Ghaghaghá! Que ben o fixeches, don Manoliño. Xa non poderán proclamar a monseñor
M Que monseñor? (fimapro)
AB Don Manolo: non mo digas. Non digas que nos vas enterrar a todos nós.
M Querido amigo, como é natural (fimapro) ... máis que dicir.
AB Pois ben, talmente. Quererían proclamar a Xesús Cristo como impostor demagogo e o seu...
M Crido amigo (fimapro)
AB ... o seu monseñor...
M ... nada máis que dicir.
AB Exacto: ningún salvador despois de Escrivá. Nunca máis (desaparece)
M Enterrarvos a todos, como é natural, queridos amigos, non teño nada máis que dicir (fimapro). Gha!





ESCENA 3.8 : ESCENARIO β marzo, se cadra

(M, solitario, a falar sosegado para os espectadores)

M Un erro, cridos amigos. Foi todo un erro imperdoábel, impropio de xente con tanta experiencia como a nosa. Nunca, xamais debemos consentir que nada disto nos fuxise das mans e, como é natral, non o consentiremos. Hai que reconducir: desde agora cómpre deixar claro, clarísimo, como é natral, que nunca desque mandamos nós se accidentou nas nosas cridas costas petroleiro ningún, xamais desque mandamos nós, ou sexa, cridos amigos, desde sempre. Que ese petroleiro nunca se chamou Vertixe nin deixou ningún vestixe. E ese petroleiro Vertixe nunca xamais, cridos amigos, perdeu unha soa pingota de líquido, como é natral. E quen afirme o contrario faltará á verdade e será un traidor, un demagogo felón descrido volucionario (fimapros varios)... E, quen afirma o contrario? Quen di que esa mentira pasou?: os catro demagogos de sempre. Xa desde os tempos do noso querido codillo, oposición e deslealdade van unidas a todas partes, até o extremo de ser a mesma cousa desde sempre. Os inimigos de 'Paña, cridos amigos. Os catro de sempre: dúas novelas de Castelao, nada menos, ese Castelao que en tempos do codillo aínda era un traidor!
Así pois, como é natral, nunca houbo un petroleiro, non se chamou Vertixe e ese petroleiro Vertixe nunca provocou marea ningunha, nin negra nin nada nin porras. E o que diga o contrario, como é natral, é un felón bellaco, falta á verdade e ademais mente. E non teño nada máis que dicir.
coro de fondo (pianissimo)      Heiche de contar un conto
un conto de mil mentiras
heiche de contar un conto
un conto todos os días...





ESCENA 3.9 : ESCENARIO δ Algúns anos máis tarde



coro de fondo (pianissimo)      Negras burlas collín
na beiriña do mar;
chapapotes tomei,
non os podo olvidar.
Non os podo esquecer,
non os podo olvidar,
negras burlas tomei,
na beiriña do mar
(a lancha sen mariñeiras/o. Ao fondo aparece un petroleiro que a encara. En off, voces de MF1,MF2 e MF3:)
MF1,MF2 e MF3 Non! Que non!! Outra vez, non!!!





PANO

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega