Xente de fusil, xente de libros

Páxina Anterior

Alacante

 

v3nachoperezxentealacante.html


     A mesma noite.
     Nada do anterior existe. Unha hora escasa despois.
     Luxosa terraza dunha non menos coidada habitación da sexta planta do Hotel Meliá. Á esquerda, o Mar Mediterráneo; con toda a súa grandeza. Á dereita as luces da gran cidade que se prepara para ir durmir.
     Edificios. Coches. Civilización. Ruídos. Vida.
     Nada do anterior existe.
     Todo o escrito é unha novela.
     Non máis.
     Nestes momentos non sei o que está a pasar. Cando ti te achegas ó remate da novela, pode que a historia xa teña o seu propio final.      Quen sabe ...
     Pode que o pobo saharauí ande metido nun suicidio colectivo volvendo a unha guerra que non queren pero necesitan.
     Pode que tras escuras negociacións diplomáticas, a RASD xa estea convertida nunha provincia, nunha autonomía, nunha federación do reino marroquí.
     Pode que o Referendo xa se teña celebrado. Cun resultado.
     En calquera sentido.
     Pode que ... se cadra ... quizá ... todo segue igual. Como estaba naquel caloroso verán de mil novecentos noventa e catro.
     Tanto ten.
     Todo o escrito só é unha novela.
     E as novelas queren un final. Precisan dun desenlace.
     Neste caso o que eu lle queira dar.
     Posiblemente, o que ti, amigo, amiga lectora estás a argallar nestes mesmos intres.
     O que o propio protagonista querería ter escrito.
     Aquel para o que nos contou a súa historia.
     Aquel para o que o propio Brahim non atopou argumentos en toda unha vida.
     Nin nos fusís. Nin nos libros.

    

Enviado especial. (Axencias. Aaiun). Fontes fidedignas informan da celebración do Referendo de Independencia do Sahara Occidental.

     O Representante Especial do Secretario Xeral da ONU para o Referendo do Sahara informou onte en rolda de prensa en Aaiun dos resultados do Referendo de Independencia do Sahara celebrado a mediados do mes pasado.
     O Sr. Martell, acompañado do Presidente da RASD e do recente nomeado Embaixador de Marrocos no Sahara, anunciou que dun corpo de votantes de 104.778 pasaron polas urnas distribuídas nas principais cidades do Sahara un total 104.765 persoas. Segundo responsables da MINURSO (Misión da ONU para o Referendo do Sahara Occidental) non houbo que lamentar incidentes de importancia; unicamente aqueles derivados das celebracións propias do acontecemento; o ambiente foi festivo en todos os lugares do Sahara. O Representante Especial informou que houbo 103.534 votos a favor da pregunta '¿Desexa vostede que o Sahara Occidental sexa un país independente?'; pola contra, só 733 persoas se pronunciaron pola proposta contraria: '¿Desexa vostede a integración do Sahara Occidental no Reino de Marrocos?'. 511 votos foron declarados nulos. Non houbo papeletas en branco ...
     Esta mañá, ás 6.30 hora local, os derradeiros membros das FAR marroquís que quedaban no Sahara pasaron a fronteira polo posto de El Janfra ...
     Fontes próximas ó palacio Presidencial Saharauí afirman que o Goberno ten recibido un comunicado de Rabat polo que felicita á RASD tras o éxito dos resultados, ó tempo que solicita a consolidación no máis breve posible das relacións Diplomáticas. Ditas relacións, continúa o comunicado, deben ser preferentes como corresponde a dúas nacións veciñas e ante todo irmás. As mesmas fontes informan que os contactos, ó máis alto nivel, comezarán non despois do vindeiro día sete, e que se celebrarán en Aaiun, capital da RASD ...
     Todas as partes implicadas e os numerosos observadores internacionais presentes, felicítanse pola cordialidade e o ambiente festivo no que se desenvolveu a consulta. Os observadores destacan o interese amosado polas partes para reconstruír un futuro diferente.
     Estamos ante unha nova historia ... declarou o Ministro de Exteriores marroquí mentres estreitaba nunha sentida aperta ó Presidente da RASD.
     Felicidades a ambos.
     En especial a todo o pobo de Marrocos e ó seu Monarca. Saber perder é a maior das victorias.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega