Nos páramos da Lúa

Páxina Anterior

III. Esencia.

Páxina Seguinte

v2antoncortizasnosparamos3.html

     III


ESENCIA



Non é o esencial mirarte nin non verte
nin comprender sequera a voz privada
do silencio en flor dos ameneiros.
Presentir a lentura dos menceres
tampouco é esencial
nin notar como o sol vai espremendo
o sumo de limón sobre os camiños
nin ver o voo infantil
do musgo das cegoñas
nos mastros de granito.




Non busco as melodías minerais
das voces que parecen máis que voces
nin as leis caedizas dos alerces
nin a limpa pegada
do peso do meu peso sobre a lama
dos murmurios alleos.
Non busco badaladas de amarelles
nin nome do teu nome nos camelios
nin busco o meu nome desprendido
dos foxos dos violíns.
Non busco nada diso
nin nada diso quero
que por buscar procuro o que xa teño
que busco a ave libre
escrita sobre as nubes cenitais
co aroma da palabra amigo sempre.




A esencia é o moumeo
dos homes nas estrelas
o lume das idades sen lamentos
e cando nas lembranzas se esborranchen
coa ferruxe das áncoras
cando se fosilice o eco humano
no ámbar dos reloxos
pra sempre han de ficar
nas voltas cegas dos esquecementos
as dúas carabelas que cruzaron
o océano do tempo
gravando co salitre das amuras
ronseis de nata e trigo
nos cadernos doridos da memoria.
Que así é o esencial
un berce inexplicábel
no páramo cincento e cereal
das periferias vivas dos solsticios.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega