Sombras de inverno

Páxina Anterior

Parte nº 11

 

v1xsantoscabanassombras022.html

O home.



     Dígocho a ti, en confianza, que es amigo meu. Que o conto non saia de aquí, hai cousas que non se poden falar.
     Primeiro preguntoulle por casas para alugar, ao vello cubano, ao señor Pablo, que en paz estea, uns días antes de que caera na cama. A min non me cadra, non dou visto eu a ese home de veciño, no Monte do Alcoube. Non é que sexa un señorito, non é eso, debe de ser porque parece estudiado, ou por ser tan educado. Non sei por que, pero eu non o fago vivindo nesta rúa de lama.
     Nunca se altera, nin ergue a voz. Mírate con eses ollos tranquilos e fálache. Mellor dito, escoita con moita atención o que lle dis. Non te corta nunca.
     Tamén estivo co taberneiro. Xosé aínda latricou, pero non ceiba un chío, cala coma un peto. E a min faloume do castellano. Seica se coñecen. Vaiche bo, se pensa que lle dixen o que sabía. Eu non me fío desa xente mixiriqueira.
     Un xa cheiraba que o castellano anda mesturado en liortas da política. Algúns non sei que queren. Como se non lles viñera o sentido cos anos. O castellano era montador, con soldo fixo, as súas pagas extraordinarias, asegurado. E agora, na cadea. Por se meter onde non o chaman.
     Eu xa o sabía, o da cadea, pero fíxenme o tolo, non llo dixen ao home. Dixéronmo na vila, un día que parei a tomarlle unha cunca. Fórono buscar ao traballo, andaban por aí adiante montando unhas liñas de baixa, non sei se pola parte de Merza. Aínda debeu lamber unhas boas hostias. Cos políticos non andan con chiquitas. E nin así escarmentan.
     Protestaba moito. Pola lama da rúa, e pola auga corrente que non temos por estar máis altos cá traída. Ás veces deixaba caer algún comento de cousas da política. Eu facíame o parvo, faláballe de outra cousa. Non me van complicar a vida, aos meus anos.
     Ao home fíxenlle o mesmo. Díxenlle algo do castellano, e despois funlle virando a conversa. A min non me confesa ninguén, vaiche boa.
     Unha de dúas: ese home, ou é compañeiro da política do castellano, ou é policía. O de andar preguntando por casas para arrendar é o engado para entralle á xente.
     Tamén son ganas de fodela. Os que vivimos aquí, quen máis quen menos, temos aturado as nosas. Non sei se se libraría alguén, dos da miña quinta, de pasar a súa fame. Agora non somos ricos, pero para comer vai habendo. Imos tirando.
     Para min que o castellano tiña algo coa Rita, a filla da señora Aurora, a que ten os fillos de solteira. Non andaban xuntos, pero entendíanse ben, un non é parvo, hai que ter os ollos para algo. Non é unha rapaza, a Rita, pero aínda che ten un bo recibo. Agora que o penso, tamén a vin co home. A ver se Rita vai ser un enlace desta xente. Aquí non te podes fiar de ninguén, rapaz. Faime caso, un ten experiencia.
     Déixote quedar, vou á do señor Manuel, o home da señora Xoana, o paralítico. Non sei por que lle treman tanto as mans. A min dame pena, e aféitoo unha vez a semana. Non sei barbear ben, teño medo de cortalo, pero dame mágoa. Non sei dicirlle que non, o probe dabondo ten co seu, e os cartos non lle dan para pagar un perruqueiro.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega