m1alvarocasas.html
Álvaro
das Casas Blanco naceu en Ourense en 1901. Cursou o Bacharelato
na súa cidade de orixe e dirixiuse a Valladolid para se formar
en Filosofía e Letras. Obtivo a licenciatura en 1920 e pouco
despois comezou a exercer como profesor auxiliar na universidade
vallisoletana. Dous anos máis tarde, en 1922, concluía os seus estudos de Doutoramento e pasaba a desempeñar, na Escola
Superior de Policía da capital española, a cátedra de Lingua e
Literatura Portuguesas. Tras un breve espacio de tempo en que
traballaría como secretario político do alcalde de Madrid,
trasladouse en 1928 ao Instituto de Fregenal de la Sierra, de
onde marchou en 1930 para ocupar unha cátedra no Instituto de
Noia, centro que viría a dirixir ata 1936. Tamén nesa altura
fundaría en Compostela a revista Alento (1934), de
carácter mensual, coa que se propuxo pór en andamento as ideas
expostas na súa obra Verbas aos mozos galegos. O
funcionamento universitario, publicada un ano antes.
A súa actividade de axitación
cultural foi moi intensa nos anos da República: fundou os grupos
Ultreya, deu conferencias e colaborou na prensa. Moitas destas
intervencións crearon polémica e enfrontamentos cos sectores
nacionalistas e académicos.
Da súa obra literaria, aparecida
fundamentalmente nas editoriais Nós e Lar, destacan as súas
pezas teatrais, moi breves (O outro, A morte de Lord
Staüler, Pancho de Rábade, Matria, Mitin, O tolo de
Lastra, A gavilla, Rechouchío), algunhas delas de
propaganda galeguista. Mais tamén cultivou a poesía (publicando
un pequeno libro de versos titulado Sulco e vento), a
prosa (Xornadas de Bastián Albor, O xardín do castelo de
Vidre, Ladaíña) e redixiu numerosos ensaios e monografías
de temática varia (Antología de la lírica gallega,
Cancionero popular gallego, Antología de poetas gallegos). Para
alén disto, daría á luz un grande número de publicacións en
castelán de exaltación españolista.
Álvaro das Casas faleceu en
Barcelona en 1950, poucos días despois de retornar de Bos Aires,
e recibiu sepultura en Sabucedo dos Montes, en Ourense.
|