m1avilestaramancos.html
Antón
Avilés Vinagre naceu en 1935 na aldea de Taramancos, próxima a
Noia (A Coruña), da que tomou o seu nome literario. Fillo de
labradores, estudou Náutica na cidade da Coruña, onde moraría
entre 1953 e 1959. Aos vinte anos a súa inclinación á
literatura concretouse nunha serie de sete poemas publicados na
revista ferrolana Atlántida baixo o título de As
moradías do vento (1955). Tres anos máis tarde, durante a
súa estancia en Ferrol por mor do servizo militar, saíu do
prelo o seu primeiro libro, A frauta i o garamelo,
magnífico exemplo da musicalidade da poesía avilesiana. Desde
ese momento Avilés de Taramancos colocouse entre os máis
destacados poetas de posguerra.
No ano 1960 tivo que emigrar a
Santiago de Cali (Colombia), o que fixo que a súa traxectoria
como poeta se desenvolvese independentemente da dos seus
compañeiros de xeración. En terras americanas, onde levou unha
vida de auténtico aventureiro, a súa actividade literaria non
cesou. Comezou a compor en 1961 Poemas da ausencia,
enviou 10 poemas á revista Grial e realizou
nas páxinas de La Voz de Galicia un emotivo
"Pranto por Urbano Lugrís" (1974) co gallo da morte do
pintor e amigo.
Dous anos despois de regresar a
Galiza, Avilés deu a coñecer O tempo no espello (1982),
onde incluíu, ademais dos dous primeiros libros, os titulados Poemas
a Fina Barrios (1959), Poemas soltos a Maricarme Pereira
(1961) e Poemas da ausencia (1961-1981). Pouco despois
viron a luz Cantos caucanos (1985), produto das
lembranzas colombianas do poeta, que lle valeu o Premio da
Crítica española e chegar a finalista do Premio Nacional de
Madrid. A dialéctica que Avilés establece entre a saudade do
país natal e a experimentación a través do poema alcanza aquí
a súa máxima expresión.
En 1989 edítase As torres no
ar, que supón o punto máximo dunha escrita que liga o
sentimento de morriña da terra ao amor e ao erotismo
interiorizados como actos fundamentais da vida. Neste mesmo ano o
poeta fixo aínda unha incursión na narrativa cun libro de
relatos titulado Nova crónica das Indias.
Avilés de Taramancos, nome de
referencia na lírica ibérica máis recente, faleceu en Noia,
onde traballaba como taberneiro, no ano 1992. Neste mesmo ano
publicaríanse unha Antoloxía poética do escritor e a Última
fuxida a Harar.
|