mb2noriegavarela.html
En
1869 Antonio Noriega Varela veu ao mundo en Mondoñedo. Moi
relixioso, ingresou con catorce anos no Seminario, onde se fixo
popular gracias ao seu carácter festeiro e satírico. Alí
adquiriu formación clásica e comezou a escribir poemas en
español que enviaba á prensa local. Mais non puido ordenarse
sacerdote ao lle negar Roma a dispensa por ser fillo de solteira,
polo que decidiu facerse mestre. En 1901 comezou a exercer en
Foz, onde morou até ser expedientado e trasladado a Calvos de
Randín. Aquí publicou poemas de ton agrarista no xornal ¡Guau...Guau!
e descubriu o movemento anticaciquil da man de Antón Vilar
Ponte. Porén, abandonou a reivindicación agrarista (nunca
asumida por un Noriega politicamente conservador) e, crítico cos
rumos estéticos da poesía galeguista, acabou renegando destes
poemas.
Os tres anos que viviu desterrado
nas terras arraianas provocáronlle un sentimento de desolación.
O posterior traslado a Trasalba supúxolle a posibilidade de
trabar novas relacións. A máis definitiva sería a de Otero
Pedrayo, baixo cuxa protección coñeceu a Basilio Álvarez e
entrou en contacto cos escritores portugueses. Neste tempo
publicou o seu primeiro libro (Montañesas, de 1904),
poemario costumista con fórmulas decimonónicas que logo serán
abandonadas en favor dun lirismo "franciscanista" máis
depurado. En 1920 o "poeta da montaña" deu ao prelo D'o
Ermo, en cuxas sucesivas edicións (até 1946) foi incluíndo
novos poemas. Con 57 anos obtivo un destino definitivo como
mestre con plenos dereitos e regresou ás terras da súa
xuventude. En Abadín, onde foi recibido con admiración, contou
coa compañía do xoven poeta Iglesia
Alvariño, co trato dos
labregos e coas conversas cos compañeiros na etapa do Seminario.
Foron anos de recoñecemento, en que o mindoniense foi elixido
membro da Real Academia Galega e en que se lle tributaron
numerosas homenaxes. En 1930 Noriega solicitou o traslado á
mariña para fuxir dos rigores do clima. Nas proximidades de
Viveiro discorreu a última etapa da súa vida docente, rodeado
de admiradores e amigos. Coa sublevación militar, posicionouse
en contra da República, incrementando a súa produción poética
(agora en español). Tras a guerra (e de novo instalado na nosa
lingua) chegoulle o tempo do retiro e coñeceu, até o seu
pasamento en 1947, un momento de fondo pesimismo.
O amor polas tradicións levouno a
recolectar léxico, cantares, refráns e adiviñanzas, do que
naceron a colección A Virxen y-a paisanaxe (1914) e as
dúas series de Como falan os brañegos (1928 e 1939),
para alén de moitas colaboracións publicadas na revista Vallibria.
|