Antonio López Ferreiro

(1837 - 1910)

 

 
Obras
Biografía
 
m1alopezferreiro.html

     Antonio López Ferreiro naceu en Compostela en 1837. Foi o mellor novelista do século XIX. Cursou estudos de Filosofía e Letras e Dereito na Universidade Literaria e seguiu a carreira eclesiástica, ordenándose presbítero en 1862, con 25 anos. No ano seguinte realizou o doutoramento en Teoloxía na universidade central, para despois matricularse na Escola Diplomática de Madrid.
     En 1866 foi nomeado sacristán maior da igrexa madrileña de San Antonio de los Alemanes, mais presentouse ao concurso de curatos da diócese compostelá e conseguiu o de Santa Eulalia de Vedra. Xa ostentando este cargo redixiu un polémico folleto que lle valería o seu nomeamento como coengo da Catedral de Santiago: "El matrimonio civil en sus relaciones con la religión, la moral y la libertad". Nel refutaba o discurso pronunciado nas Cortes por Montero Ríos en defensa da lei do casamento civil de 1870.
     Moi interesado no pasado de Galiza, exerceu durante anos como catedrático de Arqueoloxía Sagrada no Seminario compostelán e realizou un labor destacado na descuberta das reliquias do apóstolo Santiago. As súas inquedanzas históricas levárono a compor máis de cincuenta obras á volta de temas como o Priscilianismo ou os foros galegos, desenvolvendo aínda un intenso labor na revista compostelá Galicia histórica (1901-1903), redixida case integramente por el propio.
     A súa paixón pola historia encontrámola reflectida tamén na súa obra literaria (composta polos romances A tecedeira de Bonaval (1894), O castelo de Pambre (1895) e O niño de pombas (1905), ambientadas nos séculos XVI, XIX e XII respectivamente), onde agroman numerosas descricións de monumentos, comentarios históricos, citas de documentos non publicados, etc. Apúntase como finalidade da súa novelística a consolidación, a través da escrita literaria, dun conxunto de valores que servisen como base na construción da consciencia histórica do ser galego.
     Faleceu en Vilanova (Vedra) no ano 1910.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega