m1alopezferreiro.html
Antonio
López Ferreiro naceu en Compostela en 1837. Foi o mellor
novelista do século XIX. Cursou estudos de Filosofía e Letras
e Dereito na Universidade Literaria e seguiu a carreira
eclesiástica, ordenándose presbítero en 1862, con 25 anos. No
ano seguinte realizou o doutoramento en Teoloxía na universidade
central, para despois matricularse na Escola Diplomática de
Madrid.
En 1866 foi nomeado sacristán
maior da igrexa madrileña de San Antonio de los Alemanes, mais
presentouse ao concurso de curatos da diócese compostelá e
conseguiu o de Santa Eulalia de Vedra. Xa ostentando este cargo
redixiu un polémico folleto que lle valería o seu nomeamento
como coengo da Catedral de Santiago: "El matrimonio
civil en sus relaciones con la religión, la moral y la
libertad". Nel refutaba o discurso pronunciado nas
Cortes por Montero Ríos en defensa da lei do casamento civil de
1870.
Moi interesado no pasado de Galiza,
exerceu durante anos como catedrático de Arqueoloxía Sagrada no
Seminario compostelán e realizou un labor destacado na
descuberta das reliquias do apóstolo Santiago. As súas
inquedanzas históricas levárono a compor máis de cincuenta
obras á volta de temas como o Priscilianismo ou os foros
galegos, desenvolvendo aínda un intenso labor na revista
compostelá Galicia histórica (1901-1903), redixida
case integramente por el propio.
A súa paixón pola historia
encontrámola reflectida tamén na súa obra literaria (composta
polos romances A tecedeira de Bonaval (1894), O
castelo de Pambre (1895) e O niño de pombas
(1905), ambientadas nos séculos XVI, XIX e XII respectivamente),
onde agroman numerosas descricións de monumentos, comentarios
históricos, citas de documentos non publicados, etc. Apúntase
como finalidade da súa novelística a consolidación, a través
da escrita literaria, dun conxunto de valores que servisen como
base na construción da consciencia histórica do ser galego.
Faleceu en Vilanova (Vedra) no ano
1910.
|