Xavier Queipo


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb9xavierqueipo
AUTOPOÉTICA DO NENO QUE ESCRIBÍA NOS VIDROS EMBAZADOS

Hei confesar que nunca se me dou ben esta parte do choio, a de falar de min. Hei confesar tamén, que unha das eivas máis grandes que recoñezo nestes tempos que corren é a de non ser quen de vender mellor o meu produto (en definitiva trátase diso, nonsí?). Pero coma por covarde tampouco me teño, veña e imos ao asunto por ver que dá. Se cadra para non me complicar moito a vida vou tratar de responder a algunhas preguntas que me incomodan particularmente, e ter a esperanza, así, de que, cando menos os que isto lean, non mas fagan máis. As preguntas son canónicas e porén, básicas e concrétanse en Que?, Por qué?, Como?, Cando?, Onde? Para que?, e Para quen?

1.Que? A resposta semella ben simple, pois non hai máis que percorrer unha desas fichas que circulan na rede onde se explicitan un a un os libros que fun publicando dende Decembro do 1990 no que apareceu Ártico até O espello e o dragón, que saíu do prelo na fin de Febreiro do 2005 e é, porén, o último dos publicados. Na lista pódense atopar libros de relatos (Ártico, Ringside, O ladrón de esperma, Os ciclos do bambú), novelas (O Paso do Noroeste, Malaria Sentimental, Papaventos), diarios (Diarios dun nómada) libros de ensaio científico-literario (Contornos, Mundiños, Manual de Instruccións), poesía (Nos dominios de Leviatán, Glosarios) e literatura infantil (O espello e o dragón).  Quedan fóra da lista, para non semellar prolixo, aqueles libros colectivos onde fun chamado a colaborar arredor de temas, ideas ou solidariedades diversas, e as ducias de artículos de opinión recollidos en diarios, revistas e páxinas web (un non ten vergonza e fala do que sabe e do que non, expresando as ideas que se pasan pola cabeciña, con resultados brillantes ou ruíns segundo os puntos de vista de cadaquén). Ficcionista, dixeran. Non sei. Hai unha liña sutil e esvaecente que separa a realidade da ficción do mesmo xeito que se fosen dous gases, os dous expandíndose nun volume pechado, mesturándose ata que é imposíbel saber onde está un e onde está o outro.

2.Por qué? A verdade é que escrebo polo mesmo que o fan todos os meus colegas, para satisfacer o ego (moitos non o dirán nunca, pero desconfíen deles, son, con certeza uns mentireiros). Do que sei estou seguro é de que non escribo para facer país nin para salvar a lingua, nin para dignificala, nin para calquera outra forma de salvar a patria. Ningún comisario político me vai dicir dende unha cátedra (aínda que tanto lles gusta, povverinos, que por algo chegaron a esa posición de orgasmo académico) se teño que escribir un romance ou un ensaio, unha colección de contos ou uns poemas épicos. Ninguén me vai ditar os temas dos que teño que falar e daqueles dos que non, ninguén, je espere, me vai insinuar un camiño, unha progresión canónica, unha vie royale cara ao destino de escritor orgánico. A miña patria non é a miña lingua pois teño dúas por nacemento, unha única na que fun educado, outras que estudei a peito ou contrapeito, varias nas que fun amado, outras que adoptei voluntaria ou forzosamente (o exilio ten, entre outras características, a de permitir somerxérmonos noutras culturas e noutras linguas), e outras máis que espero visitar (ilusión ou desatino) nos anos que me queden de vida. Escrebo, se cadra, porque andei moito mundo dentro e fóra de min, porque os meus puntos cardinais son cinco coma os sentidos, ou talvez sete coma os sete mares, ou tres coma no espazo euclidiano, ou unha Fita de Moebius con dúas caras infinitas por onde camiñan angustiadas as formigas de Escher.

3.Como? Comecei escribindo a man, nos vidros embazados da sala de xogos na Rúa do Preguntoiro, no casco antigo de Compostela. Xa na escola, e tras moitas tardes de caligrafía intentando corrixir o meu natural desordenado e romántico, debuxei con xiz o meu primeiro corazón, todo un poema. Proseguín de rapaz acnéico botando botellas ao mar con mensaxes cifradas, pequenos poemas que abandonaba nos bancos da Alameda de Compostela a xeito de book-crossing anticipativo, escribindo lindas cartas (eles dixeron che) a amigos e relacións. Logo, xa mozo, chegaron as madrugadas interminábeis tecleando con rabia unha Underwood que o avó trouxera do Uruguai, facendo copias en papel carbón, presentándome a concursos que non gañaba ou que si (hoxe esquecidos aqueles textos na brétema dos arquivos con prosas non publicadas e secretas). Houbo gran período ágrafo, abraiado pola potencia dos que me precederan no empeño, e un bo día comezou un  tempo no que ditei textos en alta voz para corrixilos eu logo nas longas tardes de verán baixo o emparrado da casa matriz da Porta dos Mariños. Outras, nas que paseando por Londres ou París, por Ejsberg ou Cuxhaven, utilicei unha gravadora de fitas de K7. Despois chegou o ordenador dos amigos, e, xa logo, cos primeiros salarios importantes, merquei un portátil Toshiba de ecrán de cristal líquido e peso excesivo. Durou ata que o tempo o apagou para sempre logo de dez anos de relacións difíciles, levándose na súa memoria de Alzheimer informático non poucos ensaios e proxectos. Agora, recuperado de tan sentida perda, continúo escribindo a man, nuns pequenos cadernos italianos de 96 páxinas tamaño postal (1), e, xa logo, paso os textos no ordenador IBM que de terceira ou carta man lle merquei a Nguyen, corrixo a bolígrafo BIC sobre papel Xerox (2) , reescribo n veces n, e así ata que me sinto satisfeito, de xeito que a semellanza entre o resultado final e o proxecto inicial é, as máis das veces, ben cativa. Esquecín dicir que as veces escribo tamén sobre os napos de papel dos restaurantes, sobre os pousa-vasos de cartón das cervexerías, nas marxes do xornal de cada día, nos tíckets do supermercado, no reverso de noticias imprimidas das edicións dixitais dos xornais galegos, nas páxinas do libro que estou a ler nese momento de necesidade, etc. Un día mesmo –mozo aínda- escribín no aire dunha illa a verba máis fermosa que pronunciarse poida.

4.Cando?  O cando non ten moito segredo pois se articula en varios locucións verbais: cando podo, cando quero, cando teño o día e cando me deixan. Traballo noutra cousa (acrediten que isto de escribir en linguas minoritarias non dá para vivir) que é o que se podería denominar traballo alimenticio. Daquela restan as fines de semana, as festas de gardar, as vacacións e o tempo que un lle vai rabuñando ao día a día para escribir todas as seráns do mundo. Este cando, condiciona, por tanto, outras condicións da miña escrita, coma por exemplo o “como” e o “onde”.

5.Onde? Hai colegas que adoitan falar das condicións absolutamente necesarias para o seu recollemento creativo, e non serei eu quen non lles dea razón. Cadaquén ten as súas teimas e eu o primeiro. Escribo nos barcos, nos avións, nos trens, nos aeroportos e nas distintas estacións de comunicacións, nos taxis, nos hoteis nos que deixo caer os meus ósos de familia de reumáticos, nas cafetarías das cidades e os pobos que visito, na casa dos amigos que me acollen con xenerosidade e agarimo, nos xardíns botánicos, nos bancos dos parques, nas praias nudistas (3) , no medio dos piñeirais e nas carballeiras máis queridas; nos zoolóxicos, nas rúas molladas, nas paisaxes montesías de todas as Fisterras visitadas, nas illas e lagoas, na horta dos meus antergos e, de cando en cando tamén, no meu apartamento en Bruxelas ou na casa que temos en Vigo. Unhas veces acompañado e outras só, con música escollida ou coa ambiental, espido ou de mitóns es escarpíns de la por mor de escorrentar a friaxe, certamente abraiado pola grandeza do mundo, ou triste coma un animal orfo que non atopase ninguén da súa estirpe con quen falar.

6.Para qué? A pregunta non é mala e a resposta é sempre unha xustificación a posteriori (desconfíen de aqueles que semella que teñen a vida programada dende que teñen uso de razón). Nos faladoiros adoito dicir que escribo para me aforrar o psicanalista, pero convirán comigo que isto é unha chisca dejá vu. Se dixera que para ordenar as miñas ideas, que é outro xeito de dicir que o fago para ordenar o meu mundo, o interno e o que me arrodea, ou para ser máis feliz, tamén serían respostas usadas. Todo isto é verdade, pero verdade tamén é que o fago para satisfacer o ego, para engrandecer o que doutro xeito sería unha vida menos interesante e, por suposto, para publicar, para me presentar diante do mundo como alguén que ten (ou que cando menos quere) ter algo que dicir. Se cadra tamén para abarloar o futuro (potencial ou cinético, verdadeiro ou falso, realidade ou desexo) neses os meus diarios anticipativos (contradición das contradicións).

7.Para quen? Desconfíen daqueles colegas escritores que din que eles non queren publicar, nin expoñerse, nin entregar algo de seu para compartir cos lectores. Mesmo os que temos, por escolla, ou circunstancia de estilo, un público limitado, escribimos para nós (narcisismo natural a toda manifestación artística) e para os outros (altruísmo tamén consubstancial a toda manifestación artística). Tamén, coma todos os meus colegas d’ailleurs, escrebo por interese, pois como a todos eles (minte tamén o que non o diga ou pretenda disimulalo) encantaríame vivir do meu traballo creativo sen precisar dun traballo alimenticio alternativo (no meu caso funcionario, como Kafka ou Cortázar, de sorte desigual) nin escribir por encargo ou obriga cotián (xornalista a tempo parcial, articulista a ditado ideolóxico, escritor bandeira de aço de tal ou cal grupo de presión). Escribo para todos os que me queiran ler e para os que non teñen a mínima intención, para o presente e para o futuro, e mesmo para contentar aos antepasados, para aqueles que me queren e aqueles que me detestan (xa non son un neno, e sei de certo, que hai xente que me detesta, ás veces, supoño, que cargados das súas razóns respectivas), por suposto para ser traducido ás mil e unha linguas que no mundo son e as que foron e serán, para que a miña mensaxe se estenda como rego de pólvora, para me sentir, como todos os artistas convencidos, máis preto da explicación deste Universo que se expande.

Estas son as respostas ás sete preguntas capitais, e son, pois, as razóns da miña poética, do meu traballo artesán que non sabe de encargos nin ditados da moda ou os mercados. Estas son, sen dúbida, as razóns do meu éxito limitado, da miña escasa proxección comercial, do meu minguado suceso editorial, do meu combate permanente cos números, circunstancias estas, por certo, que acompañan á meirande parte dos escritores do mundo, independentemente da lingua escollida. Estas son tamén as razóns do meu potencial de futuro, as da miña satisfacción interior, as da mutabilidade constante dos meus textos, as de unha paixón sen límites e sen afervoamentos de débedas con tal ou cal grupo de poder ou opción política. Razóns que reforzan cada día o meu sentimento (se cadra inocente) de liberdade. Por elas persisto, acrediten, con teimosía sen límites precisos.
 
 
 
* A foto é da autoría de Cé Tomé.
 
(Bruxelas, 31 de Maio de 2005)                    



1. As Moleskine son un encordio, ou demasiado grandes, e daquela non caben nos petos, ou moi pequenas, e daquela non dan xeito para apegar nas súas páxinas postais, ou fotos, ou afiches despregabeis, ou etiquetas ou soños; ademáis escribir nos mesmos cadernos que Bruce Chatwin ou Ernest Hemingway -como relixiosamente fan algúns benqueridos colegas- non vai facer que un escriba coma eles, e mesmo non sei se é interesante escribir coma a cadaquén se lle dea.

2. Encántame facer publicidade, se cadra algún día me chega un agasallo por dicir que esta ou aquela son as miñas compañías aéreas favoritas, ou que o meu computador é X ou Z, ou que para saír me poño morado de Tónica Schwepss (probabelmente non se escrebe así), que é un tónico cardíaco dos mellores e disque protexe da malaria.

3. Nas praias non nudistas, que sorprendentemente son as máis, é difícil escribir, pois un se sinte permanentemente escandalizado polo comportamento da xente, polo seu xeito de agochar partes nobres do seu ser, pola obsesión no ocultamento, polo pésimo gusto na escolla de bañadores, que definitivamente non lles van coa cor dos ollos, coa estructura ósea ou coa forma das orellas.






¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega