Gonzalo Francisco López Abente

(1878 - 1963)

 

 
Obras
Biografía
 
mb2lopezabente.html

     Nado en Muxía o ano 1878, Gonzalo Francisco López Abente transladouse con dez anos a Compostela para facer o Bacharelato e licenciarse en Dereito. Tras viaxar por Europa e América regresou a Muxía, onde residirá ata 1963, ano da súa morte. Na vila mariñeira dirixiu unha banca privada, exerceu esporadicamente como xuíz municipal e desenvolveu un intenso labor político e cultural en contacto cos nacionalistas. Así, foi un dos asinantes da acta de constitución das Irmandades da Fala (1916), participou como representante da Costa da Morte nas Asembleas Nacionalistas e na Irmandade Nacionalista Galega (1922) e ingresou no Seminario de Estudos Galegos en 1925.
     Paralelamente publicou con regularidade en revistas como A Nosa Terra, Nós ou Ronsel, proclamando desde as súas páxinas o seu compromiso coa nosa lingua en defensa da súa oficialización. Poucos meses antes da sublevación militar, participou na campaña a favor do Estatuto de Autonomía e foi elixido presidente da Asociación de Escritores de Galicia. En 1941 ingresou na Real Academia Galega cun discurso sobre Eduardo Pondal.
     Antes da guerra, a súa ampla produción literaria atinxe á narrativa (O diputado por Beiramar, 1919; O escándalo, 1920; O novo xuez, 1922; Buserana, 1925; Fuxidos, 1926, e Vaosilveiro, de 1929), o teatro (María Rosa, de 1928) e a poesía (Escumas da ribeira, Alento de raza, ambos editados en Madrid sen que se faga constar a data; De outono, 1924, e Nemancos, de 1929). Finalizado o conflito bélico, a persecución do movemento galeguista fixo que abandonase a actividade política e se dedicase en exclusiva á creación literaria. Con todo, tan só viu publicado o libro de poemas mariñeiros Centileos nas ondas (1958). Postumamente aparecerán dous poemarios: Decrúa (1966) e Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca (1971). Porén, aínda non foron compiladas en libro moitas das composicións que viran a luz en revistas como Vida Gallega, A Terra...
     Continuador da poesía do século XIX, o escritor da Costa da Morte insérese inicialmente na línea do seu paisano Pondal, servíndose da mestura de cultismos e dialectalismos para describir a paisaxe mariñeira con metros innovadores. Na súa produción posterior, "o poeta do mar" decántase por un verso máis sinxelo, depurado e intimista, deixando atrás o ruralismo decimonónico. A súa narrativa, non obstante, estará impregnada de contido amoroso e sátira social.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega