mb2lopezabente.html
Nado
en Muxía o ano 1878, Gonzalo Francisco López Abente
transladouse con dez anos a Compostela para facer o Bacharelato e
licenciarse en Dereito. Tras viaxar por Europa e América
regresou a Muxía, onde residirá ata 1963, ano da súa morte. Na
vila mariñeira dirixiu unha banca privada, exerceu
esporadicamente como xuíz municipal e desenvolveu un intenso
labor político e cultural en contacto cos
nacionalistas. Así, foi un dos asinantes da acta de
constitución das Irmandades da Fala (1916), participou como
representante da Costa da Morte nas Asembleas Nacionalistas e na
Irmandade Nacionalista Galega (1922) e ingresou no Seminario de
Estudos Galegos en 1925.
Paralelamente publicou con
regularidade en revistas como A Nosa Terra, Nós
ou Ronsel, proclamando desde as súas páxinas o seu
compromiso coa nosa lingua en defensa da súa oficialización.
Poucos meses antes da sublevación militar, participou na
campaña a favor do Estatuto de Autonomía e foi elixido
presidente da Asociación de Escritores de Galicia. En 1941
ingresou na Real Academia Galega cun discurso sobre Eduardo
Pondal.
Antes da guerra, a súa ampla
produción literaria atinxe á narrativa (O diputado por
Beiramar, 1919; O escándalo, 1920; O novo xuez,
1922; Buserana, 1925; Fuxidos, 1926, e Vaosilveiro,
de 1929), o teatro (María Rosa, de 1928) e a poesía (Escumas
da ribeira, Alento de raza, ambos editados en
Madrid sen que se faga constar a data; De outono, 1924,
e Nemancos, de 1929). Finalizado o conflito bélico, a
persecución do movemento galeguista fixo que abandonase a
actividade política e se dedicase en exclusiva á creación
literaria. Con todo, tan só viu publicado o libro de poemas
mariñeiros Centileos nas ondas (1958). Postumamente
aparecerán dous poemarios: Decrúa (1966) e Monza
de frores bravas para Nosa Señora da Barca (1971). Porén,
aínda non foron compiladas en libro moitas das composicións que
viran a luz en revistas como Vida Gallega, A Terra...
Continuador da poesía do século
XIX, o escritor da Costa da Morte insérese inicialmente na
línea do seu paisano Pondal, servíndose da mestura de cultismos
e dialectalismos para describir a paisaxe mariñeira con metros
innovadores. Na súa produción posterior, "o poeta do
mar" decántase por un verso máis sinxelo, depurado e
intimista, deixando atrás o ruralismo decimonónico. A súa
narrativa, non obstante, estará impregnada de contido amoroso e
sátira social.
|