Escura e azul
Eu son Lupe, unha nena moi silenciosa, moi
alegre, moi forte. Buscando sempre, na miña vida, a liberdade escura e azul dos
elefantes. Nacín en Fisteus, unha aldea bonita onde a natureza brillaba. Eu ía
coas vacas, en paz, e berraba na escola. Todo era sangrar. Todo era bonito,
limpo. Bailar. Romper a gorxa e volver a amar, con ollos limpos, novos. Sentía,
dende nena, que todo era demasiado grande, e que non había sitio para min. A
veces tiven que chorar, tolear. A veces sufrir, e levantar os ollos no sitio dos
mapas. A veces facer circunferencias nos campos e levantar a saia e ensinar o
sexo, a sinceridade, as bragas. Escribir, dende sempre, para recuperarme, para
levantar os ollos, para soportar o mundo, para voar, para romper a realidade.
Facer poesía, como quen fai barcos. Construir o sexo, a cerámica. Facer nos
meus ollos unha risa moi escandalosa, moi libre, moi alta. Bailar cos meus
amigos na aldea. Na aldea nacín, e da aldea fun expulsada. Con desgarro, con
dor. Nacín no galego, e en Curtis e en La Coruña sentín frustracción. Estudei,
eu era moi estudosa, gustábame estudar. Para min era como un exilio. Dentro de
min había unha revolución enorme. Víñenme a Santiago de Compostela a vivir e
a facer Xornalismo. Nesta cidade abrinme aos soños. Nesta cidade empezei a
vivir. Aqui o meu mundo medrou moito. Aqui escribin os meus sete libros, e agora
estou escribindo o octavo, unha biografía sobre unha muller maravillosa e
intensa. Aqui renunciei a ser perfecta e convertinme nun cocodrilo. Aqui empezei
a colaborar con El Correo Gallego e Galicia Hoxe. Fago artigos e críticas de
libros e teatro como quen fai pan. Coa pulsión do infinito. Coa miña forza de
nena pequena. Gardo en min moita rebeldía e moitas ganas de bailar. Os meus
libros son os meus fillos. Pornografía naceu con éxito e con dor. Os teus
dedos na miña braga con regra é unha historia de amor vivida en Compostela,
chea de tenrura e paixón. Poesía fea naceu dunha forma moi viva, moi directa.
Naceu nas cartas que eu escribía e lle mandaba aos meus amigos. Fisteus era un
mundo é o meu libro máis alegre, o máis optimista, o máis sincero. É un
libro moi vivido. Unha narración-poema feita coa miña vida, cos meus
sentimentos. Querida Uxía vai dirixido para os nenos, e está escrito coa miña
fantasía e co meu amor. Cando escribo esto, está a piques de sair o meu
poemario Levantar as tetas, outra mostra máis do meu orgullo de ser Lupe, unha
nena enferma que fai poemas mínimos, limpos, vivos. Tamén, gañei un premio co
meu poemario O útero dos cabalos. Un poemario de poemas vitalistas, longos. Moi
diferentes ás miñas poesías de antes.
Para min vivir consiste en escribir. Non concibo a miña vida sen escrita. Eu,
se non escribo, non son eu. Son outra, estranxeira, alienada, perfecta. E eu non
quero vivir chorando. Non quero nin imaxino unha vida sen escrita. Xa non quero
ser perfecta, gris e de goma. Agora quero ser eu, Lupiverdiazul. Eu chámome asi,
Lupiverdiazul. Quero vivir e que todo sexa bonito e emocionante. Encántame
recitar, facer moitos recitais, berrar as miñas palabras. Os recitais son para
min algo maravilloso, máxico e extraño. Fundirme coa xente, dunha forma
intensa, catártica, sagrada. Berrando moito. Elevando a alegría e o llanto.
Morrerei algún dia, pero agora quero ser libre, e vivir todo intensamente.
Agora quero enamorarme moito dos mozos, soñar, escaparme da escola. Quero beber
cervexa polas noites en Compostela. Facer viaxes a Fisteus e a Portugal. Non
quero ser real. Quero bailar.
Fotografía: Antón Lopo.
|