Xavier Prado

(1874 - 1942)

 

 
Obras
Biografía
 
mb2pradolameiro.html

     Xavier Prado Rodríguez (Prado "Lameiro"), naceu en Ourense en 1874. Moi novo, ficou orfo de pai e entrou baixo a tutela dun seu tío subdiácono no concello ourensán de Canedo, onde discorreu a súa infancia en contacto co mundo labrego.
     Ingresou no exército aos dezaséis anos e foi destinado sucesivamente a Vigo, Murcia e Ourense. Paralelamente realizou estudos de Veterinaria en Compostela, feito que lle permitiu conseguir en 1901 un destino en Ribadavia como subdelegado local dos servicios veterinarios. Alí permaneceu nove anos até aprobar en Madrid as oposicións de inspector provincial de Hixiene Pecuaria. Desde ese momento residiu en Ourense, cidade en que ditou numerosas conferencias á volta dos problemas gandeiros e agrarios e onde publicou —en español— diversos artigos sobre esta temática. En recoñecemento a todo este labor, foi elixido presidente do Colexio Provincial de Veterinarios no ano 1923.
     Incorporado ás Irmandades da Fala de Ourense, participou dunha maneira decisiva na edición da publicación galeguista O Tío Marcos d'a Portela (1917), xornal quincenal que recuperaba o cabezallo e a ideoloxía anticaciquil do que sostera Valentín Lamas Carvajal entre 1876 e 1890. Foi esta unha etapa en que Prado "Lameiro" desenvolveu unha intensa actividade cultural e literaria: así, en 1918 publicou os poemarios A carón d'o lume e Epigramas e, un ano máis tarde, figurou entre os fundadores da "Coral de Ruada" (1919) —que estrearía moitas pezas teatrais da súa autoría— e entrou a formar parte da directiva da Asociación da Prensa de Ourense.
     Con todo, co advenimento da ditadura de Primo de Rivera, Prado "Lameiro" achegaríase á dereita local, ingresando nas fileiras do partido Unión Patriótica, próximo ao réxime.
     O seu segundo libro de poemas, Cóxegas e moxetes, viu a luz en 1928, ano en que tamén se publicou Monifates e Farsadas, dous volumes que recollían catorce pezas teatrais do ourensán.
     Convertido nunha figura moi popular e querida, Xavier Prado "Lameiro" morreu en Ourense en 1942.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega