Johán Carballeira

(1902 - 1937)

 

 
Obras
Biografía
 
mb4johancarballeira.html

 
     Xosé Francisco Gómez de la Cueva naceu en Vigo en 1902, mais a súa infancia transcorreu en Castredo-Valado (Bueu), onde se transladara a familia.
     En 1922 aparece nas páxinas do xornal Faro de Vigo o seu primeiro poema —redixido en español
— e un ano despois publicaría varias composicións soltas. A partir de 1924, Carballeira xa figuraba como asiduo colaborador do diario; así, en setembro dese ano deu á luz unha novela curta en español por entregas.
     A finais de 1925 comezou a publicar no xornal vigués Galicia, e poucos meses despois facíao na revista Vida Gallega e en Céltiga
—publicación arxentina editada polo Centro Galego de Bos Aires—, convertíndose para os seus contemporáneos nun dos poetas novos máis prometedores da época.
     Desde 1927
—en que decidiu dedicarse exclusivamente ao xornalismo— traballou como correspodente en Bueu do diario El Pueblo Gallego. O xornalista —xa co pseudónimo de Johan Carballeira—abordaba cuestións lingüísticas, políticas e sociais nos seus artigos, que levantarían máis dunha polémica. Carballeira fíxose cargo da representación da casa de bebidas en que traballaba o seu pai cando este falece; con todo, non deixou de publicar en Céltiga e El Pueblo Gallego —para o que realizou numerosas entrevistas a persoeiros destacados—. Fruto das súas viaxes pola que el denominada "a Galicia profunda e auténtica", realizou varias reportaxes que publicou sob o título Por las sufridas tierras de Galicia e nas que deixou patente a crúa realidade dos habitantes desas terras.
     Na década de 30 asumiu un maior compromiso social, redixindo artigos de denuncia que terían repercusión mesmo fóra do país através das colaboracións remitidas aos diarios republicanos Luz e Ahora. A súa militancia no Partido Galeguista conduciuno á alcaldía de Bueu en 1936. Desde este posto Carballeira procurou un acordo co resto dos concellos galegos para apoiar o plebiscito sobre o Estatuto de Autonomía da Galiza.
     Após o levantamento militar do 36, o galeguista fixo un chamamento á calma dos cidadáns, pois confiaba no fracaso dos sublevados. Mais os feitos sucedéronse de forma diferente: destituído do seu cargo, o 15 de setembro foi detido e acusado de accións de guerra e de resistencia ao levantamento; aínda que negou todas as acusacións, un consello de guerra sentenciouno a morte.
     Foi fusilado en abril de 1937, tras permanecer uns meses no cárcere da illa de San Simón. Os seus restos descansan no cemiterio de Pontevedra.
     Seguindo os desexos do vigués de reunir a súa obra nun volume, en 1997 os alumnos do Colexio Público "A Pedra", de Bueu, compilaron os seus poemas, publicados co título Cartafol de Poesía.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega