mb4johancarballeira.html
Xosé Francisco Gómez de
la Cueva naceu en Vigo en 1902, mais a súa infancia transcorreu en
Castredo-Valado (Bueu), onde se transladara a familia.
En 1922 aparece nas páxinas do xornal Faro de Vigo o
seu primeiro poema redixido en español e un ano despois publicaría varias
composicións soltas. A partir de 1924, Carballeira xa figuraba como asiduo
colaborador do diario; así, en setembro dese ano deu á luz unha novela curta
en español por entregas.
A finais de 1925 comezou a publicar no xornal vigués Galicia,
e poucos meses despois facíao na revista Vida Gallega e en Céltiga
publicación arxentina editada polo Centro Galego de Bos
Aires, convertíndose
para os seus contemporáneos nun dos poetas novos máis prometedores da época.
Desde 1927 en que decidiu dedicarse exclusivamente ao
xornalismo traballou como correspodente en Bueu do diario El Pueblo Gallego.
O xornalista xa co pseudónimo de Johan
Carballeiraabordaba cuestións
lingüísticas, políticas e sociais nos seus artigos, que levantarían máis
dunha polémica. Carballeira fíxose cargo da representación da casa de bebidas
en que traballaba o seu pai cando este falece; con todo, non deixou de publicar
en Céltiga e El Pueblo Gallego para o que realizou numerosas
entrevistas a persoeiros destacados. Fruto das súas viaxes pola que el
denominada "a Galicia profunda e auténtica", realizou varias
reportaxes que publicou sob o título Por las sufridas tierras de Galicia
e nas que deixou patente a crúa realidade dos habitantes desas terras.
Na década de 30 asumiu un maior compromiso social,
redixindo artigos de denuncia que terían repercusión mesmo fóra do país
através das colaboracións remitidas aos diarios republicanos Luz e Ahora.
A súa militancia no Partido Galeguista conduciuno á alcaldía de Bueu en 1936.
Desde este posto Carballeira procurou un acordo co resto dos concellos galegos
para apoiar o plebiscito sobre o Estatuto de Autonomía da Galiza.
Após o levantamento militar do 36, o galeguista fixo
un chamamento á calma dos cidadáns, pois confiaba no fracaso dos sublevados.
Mais os feitos sucedéronse de forma diferente: destituído do seu cargo, o 15
de setembro foi detido e acusado de accións de guerra e de resistencia ao
levantamento; aínda que negou todas as acusacións, un consello de guerra
sentenciouno a morte.
Foi fusilado en abril de 1937, tras permanecer uns
meses no cárcere da illa de San Simón. Os seus restos descansan no cemiterio
de Pontevedra.
Seguindo os desexos do vigués de reunir a súa obra
nun volume, en 1997 os alumnos do Colexio Público "A Pedra", de Bueu,
compilaron os seus poemas, publicados co título Cartafol de Poesía.
|