Luís Amado Carballo

(1901 - 1927)

 

 
Obras
Biografía
 
m1amadocarballo.html

     Luís Gustavo Amado Carballo figura, xunto con Manuel Antonio e Luís Pimentel, entre os protagonistas da renovación poética do primeiro tercio do século XX. Naceu no ano 1901 en Pontevedra, vila da que nunca se ausentaría por moito tempo e cuxa paisaxe de mariña interior é un referente continuo nos seus versos. Estudou o Bacharelato no Instituto do seu lugar natal e, tras cursar dous anos de Filosofía e Letras na universidade compostelá, regresou a Pontevedra para seguir a carreira de Maxisterio. Durante a súa curta vida, Amado Carballo exerceu como mestre de escola e xornalista, profesións que lle garantiron poder dedicarse sen preocupacións económicas á súa obra de creación.
     Co obxectivo de traballar como xornalista, Amado Carballo partiu para Madrid en 1920, onde colaborou no xornal La Tribuna, na revista España e noutras publicacións españolas e galegas. Mais decidiu voltar á súa cidade de orixe e, desde Pontevedra e Vigo, continuar a escribir para diferentes medios galegos (Progreso, La Concordia, El Pueblo Gallego, A Nosa Terra, Nós, Vida Gallega, etc.).
     A pesar de ser recordado fundamentalmente como poeta, o pontevedrés iniciou a súa andaina na literatura como narrador, coas novelas curtas Maliaxe (1922) e mais Os pobres de Deus (1925), e o conto Un milagre do santo San Francisco.
     En 1924, Amado Carballo contrae unha tuberculose pulmonar, o que o forza a abandonar o seu traballo xornalístico en Vigo e retornar a Pontevedra. A súa obra lírica comprende dous poemarios, Proel (1927) e mais O galo (1928). De todos os xeitos, foi un dos poetas que máis influíu nas xeracións posteriores. Está considerado como o creador da denominada escola imaxinista ou hilozoísta.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega