Pimentel. html
Luís
Pimentel nace en 1895 en Lugo, vila onde
moraría a maior parte da súa vida e de onde só se afastaría
na súa época de estudante. Finaliza o Bacharelato en 1914 e
establécese en Santiago para cursar Medicina na universidade
compostelana. Nesta altura asina os seus primeiros versos,
redixidos en español, aínda que segundo o seu propio testemuño tiña comezado a escribir en lingua galega. Compuxera
Pimentel, con apenas catorce anos, un libro de poemas na nosa
lingua inspirado polas lecturas rosalianas, que deixarían unha
forte marca na obra do autor lugués.
Unha vez licenciado (en 1922),
transládase a Madrid para realizar o doutoramento. Durante a
súa estancia na capital española vai participar do ambiente
cultural da cidade, sobre todo por medio do convivio, na
Residencia de Estudiantes, coas máis destacadas figuras da
xeración do 27 (Lorca, Buñuel, Dalí).
De volta a Lugo levará unha vida
tranquila, só alterada polos seus frecuentes
ataques de angustia. Vai exercer como médico no Hospital
Municipal, mais manterá a vinculación co mundo artístico e
literario asistindo ás tertulias de Ánxel Fole e
Celestino
Fernández de la Vega. Axiña se acrecentará o seu interese pola
poesía, influído por Evaristo Correa Calderón, director e
principal promotor da revista Ronsel. Correa vaino pór
en contacto coa obra dos grandes poetas (Bécquer, Rubén Darío,
Dámaso Alonso, Guillén, Juan Ramón, Francis James, Rilke,
Antonio Machado, Unamuno..), de grande pegada na poética
pimenteliana, e facilitalle a publicación en Ronsel. Nesa
época inicia a súa amizade co musicólogo Bal e Gay, autor de Hacia
el ballet gallego, que
estimula especialmente a curiosidade de Pimentel pola música e
as danzas populares. Inclinado ás artes no
xeral, o noso autor realizou algúns bocetos escénicos para
ballet e mesmo varios apontamentos dramáticos nalgunha ocasión
manifestou que tería gostado de escribir teatro.
O especial proceso de elaboración
literaria de Pimentel ten provocado vivas discusións á volta da
súa consideración como escritor das nosas letras. A pesar de
ter redixido a maior parte dos seus versos orixinariamente en
español amigos como Ramón Piñeiro ou Fole se encargaban de
verquer ao galego, baixo a supervisión de Pimentel, os seus poemas, sempre manifestou boa disposición perante a tradución
ao noso idioma da súa obra, entrando a formar parte da
literatura galega con pleno dereito.
A súa produción lírica que, a
pesar de contar con certas pegadas avangardistas, non se pode
adscreber a nengún "ismo", só coñece a publicación
tras a guerra. Pimentel nunca mostrou grande interese por ver en
letra impresa as súas composicións. Así, para alén dos versos
aparecidos en Ronsel, dá á luz algúns poemas en
diversas revistas da altura (La Gaceta Literaria, Resol,
Yunque, Vanguardia Gallega, Galiza, a revista portuguesa Descobrimento).
Só en 1950 vinte anos despois da morte de Manuel Antonio e
Amado Carballo, os poetas máis representativos da súa xeración, Pimentel reunirá oito dos seus poemas nun folleto
prologado por Fole que titula Triscos e se abre co
poema"Nai de Galicia", dedicado a Rosalía.
O resto da súa obra apareceu
postumamente. En 1959, un ano despois do falecemento de Pimentel,
edítase Sombra do aire na herba considerada a súa
obra cume, onde Celestino Fernández de la Vega prologa e
compila a maior parte dos textos en galego do poeta lugués. A
seguir, en 1960, xorde Barco sin luces, versión en
español dun poemario galego que tiña de ser publicado por Nós,
mais que se perdera a consecuencia do asalto á editorial
galeguista durante o conflito bélico. Anos máis tarde, xa en
1981, sae a súa produción inédita ou non compilada
anteriormente en Poesía enteira onde encontramos o
poema galego "Cunetas" que reflicte o horror e
a crueldade da guerra, moi presente nas composicións do autor.
Caracteriza a poética pimenteliana afastada do esteticismo deshumanizante imperante no
momento a
recreación dun clima de intimidade e recollemento a través da
reflexión melancólica e, por veces, angustiada.
Estilisticamente, sobresae nos seus versos a sinxeleza na
construción, a precisión expresiva e os valores eufónicos e
sensitivos. Prescinde Pimentel da estrutura estrófica e da rima o que confere ás composicións un ton de prosa poética plena
de sensibilidade e ecos musicais e xustapón, por medio dunha
linguaxe coloquial e con fórmulas próximas ao impresionismo,
unha serie de imaxes aparentemente inconexas.
Creador orixinal e controvertido,
Pimentel falece no seu lugar natal en 1958. Nese mesmo ano o
grupo Brais Pinto realiza no Centro Galego de Madrid un acto de
lembranza en honor do poeta e, dous anos máis tarde, organiza na
mesma institución unha sentida homenaxe. Dedícase ao escritor
lugués o Día das Letras de 1990.
|