vb1malvareztorneiro.html
Nacín
na cidade de A Coruña o día sete de Xullo do ano 1932. Orfo de
nai dende os tres anos. Teño un irmán trece meses maior que
reside no extranxeiro. Vivín case tres anos na cidade de Lugo,
na casa dos meus tíos que non tiñan fillos. De volta na
Coruña, a miña casa foi a dos meus padriños. Asistín
irremediablemente á escola fascista: crucifixo, retrato de
Franco e regra que caía iracunda e de canto nas palmas das mans
cando o castigo. Máis adiante cursei estudios na Escuela Superior
de Altos Estudios Mercantiles na miña cidade natal. Despois de
desempeñar varios traballos para axudar á economía familiar
entrei a traballar no xornal La Voz de Galicia, onde
pasei 25 anos.
Dende os 17 ou 18 anos, escribir
poesía foi para min unha necesidade. Fun un dos fundadores do
grupo poético "Amanecer" na década dos cincuenta. Os
primeiros versos non pasaron de ser exercicios líricos en
castelán para revistas que se publicaban en Madrid e en
Barcelona.
A cultura por aqueles anos da
infamia, da longa posguerra que tamén perdimos, era imposta na
lingua de Cervantes. Por outra banda, esta mesma lingua era a
dominante na miña casa, a que falaban os meus e a gran maioría
da xente coa que me relacionaba.
O galego, como lingua de expresión
poética chegou máis tarde, cando eu xa estaba
"ilustrado" por autores de fóra, "marcado"
por eles. Non oculto as influencias que recibín de Pablo Neruda,
de César Vallejo, de Vicente Aleixandre, de certo Lorca, etc. Residencia
en la Tierra, por poñer un exemplo, foi un deslumbramento;
enseñoume a sentir, a ver, a pensar poeticamente. Tamén hai
-como non- outros moitos autores na miña sensibilidade. E hai
músicos e hai pintores. A nómina de todos sería moi longa.
Teño publicados dous libros en
castelán (non sei se esto será un pecado) e nove en galego. Ata
os 50 anos cumpridos non din ó prelo o meu primeiro poemario, Memoria
dun silencio (1982). Logo, cada ano botei a andar un libro
dos que non me arrepinto en absoluto.
Os antólogos sitúanme na
Xeración das Festas Minervais, na primeira promoción da poesía
de posguerra: os nados entre 1928 e 1942. No prólogo ó libro As
doazóns do incendio, o profesor Basilio Losada apunta: o
que vele na poesía de Torneiro é o poema, non é un verso
illado, e menos unha palabra-fetiche. Veñen os versos e as
palabras nestes poemas sen desaxustes semánticos, traballadas
con sutileza e emoción. Con verdade, sen grandes sorpresas nin
fulgores irritantes.
Teño no meu haber algúns
importantes galardóns como o Premio Esquío (1994), o González
Garcés (gañado en dúas ocasións: anos 1998 e 2000) e o Premio
da Crítica Española (1999).
Hai na miña última producción un
tema recurrente: a memoria, que dicta unha sorte de variacións
sobre un só tema. Debo afirmar que creo no poder da palabra, nas
potencias da beleza. Aínda escribindo en prosa sempre remato
caendo polo escotillón da lírica que procuro afinada ó
máximo.
Escribo contra o mundo e a favor da
Vida. Como poeta, creo na utopía.
|