Manuel Rodríguez López

(1934 - 1990)

 

 
Obras
Biografía
 
vb1sgarciabodaño.html

     Manuel Oreste Rodríguez López naceu en Paradela (Lugo) o 11 de decembro de 1934 e faleceu en Lugo o 13 de febreiro de 1990. Con tan só seis anos emigrou cos seus pais a Barcelona, onde viviu a maior parte da súa vida. En 1987 regresou a Galicia para afincarse en Lugo. Cursou estudios eclesiásticos que non rematou. Logo estudiou Contabilidade e Lexislación Laboral, exercendo profesionalmente como Xefe de Persoal dunha empresa siderometalúrxica. Casado con Irene López Gómez e pai de dous fillos.
     Dende moi novo sentiu inquedanzas literarias en galego, influenciado polo amor que os cataláns senten pola súa terra. Lonxe de Galicia, estableceu contacto coa literatura galega a través dos libros galegos e tamén por medio de correspondencia epistolar con destacadas personalidades da cultura galega tales como Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Manuel Puente, Darío Alvarez Blázquez, Xosé María Álvarez Blázquez, Ramón Piñeiro, Ánxel Fole, Leandro Carré, etc.
     A súa produción poética ten lugar maioritariamente a finais dos anos sesenta e principios dos setenta. Nesa etapa escribiu tres libros de poemas (a publicación dun deles retrasouse unha década por ser censurado en 1969). O seu derradeiro libro de poesías escribiuno a finais dos anos 80 e publicouse postumamente en 1995. Entre eses dous periodos, seguiu escribindo poesía esporadicamente, conseguindo numerosos premios literarios entre os que destacan os primeiros premios de poesía Meigas e Trasgos de Sarria (1976 e 1980), o Premio Xosé Mª Chao Ledo no III Certame Literario de Vilalba (1977) e o primeiro premio do Certame Literario de Begonte (1985). Varios dos seus poemas foron musicados e cantados por Suso Vaamonde, Xerardo Moscoso, Alfredo González Vilela e Mª Carmen Otero Rolle. Dentro da súa actividade poética cabe tamén destacar a súa faceta de tradutor, que emprendeu meses antes do seu falecemento coa tradución ao galego de L'Atlántida de Verdaguer.
     Manuel Rodríguez López tamén cultivou extensamente a prosa, ben escribindo un libro de contos ambientado na súa Paradela natal, ben como cronista das actividades dos galegos en Cataluña (dous libros publicados nos 80 foron froito desta actividade) e como cronista das viaxes que fixo con Ánxel Fole por terras galegas. Foi Cronista Oficial do Centro Galego de Barcelona, correspondente en Barcelona dos xornais Faro de Vigo e El Ideal Gallego. Publico unha grande cantidade de artigos en diversos medios de comunicación arxentinos, en El Progreso de Lugo, La Voz de Galicia, en Praza Maior (voceiro do Concello de Lugo) e en varias revistas do Centro Galego de Barcelona. En prosa, tamén coseguiu diversos premios, destacando o primeiro premio Nós de Barcelona (1980), premios Meigas e Trasgos en Sarria (1977 e 1986) e premio en Baracaldo (1978). Nos Premios Galicia de Xornalismo, quedou finalista na sección de Reportaxe, nas convocatorias de 1985 e 1987.
     Manuel Rodríguez López é profeta na súa terra. No ano do seu falecemento foi nomeado "Fillo Predilecto de Paradela" (tamén "Lucense del año 1989"). O centro socio-cultural de Paradela leva o seu nome. E dende 1995 vénse celebrando en Paradela o "Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López".

 

[Setembro, 2012]
 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega