vb1sgarciabodaño.html
Manuel Oreste Rodríguez López naceu en
Paradela (Lugo) o 11 de decembro de 1934 e faleceu en Lugo o 13 de febreiro de
1990. Con tan só seis anos emigrou cos seus pais a Barcelona, onde viviu a maior
parte da súa vida. En 1987 regresou a Galicia para afincarse en Lugo. Cursou
estudios eclesiásticos que non rematou. Logo estudiou Contabilidade e
Lexislación Laboral, exercendo profesionalmente como Xefe de Persoal dunha
empresa siderometalúrxica. Casado con Irene López Gómez e pai de dous fillos.
Dende moi novo sentiu inquedanzas literarias en galego,
influenciado polo amor que os cataláns senten pola súa terra. Lonxe de Galicia,
estableceu contacto coa literatura galega a través dos libros galegos e tamén
por medio de correspondencia epistolar con destacadas personalidades da cultura
galega tales como Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Manuel
Puente, Darío Alvarez Blázquez, Xosé María Álvarez Blázquez, Ramón Piñeiro, Ánxel Fole, Leandro Carré, etc.
A súa produción poética ten lugar maioritariamente a
finais dos anos sesenta e principios dos setenta. Nesa etapa escribiu tres
libros de poemas (a publicación dun deles retrasouse unha década por ser
censurado en 1969). O seu derradeiro libro de poesías escribiuno a finais dos
anos 80 e publicouse postumamente en 1995. Entre eses dous periodos, seguiu
escribindo poesía esporadicamente, conseguindo numerosos premios literarios
entre os que destacan os primeiros premios de poesía Meigas e Trasgos de Sarria
(1976 e 1980), o Premio Xosé Mª Chao Ledo no III Certame Literario de Vilalba
(1977) e o primeiro premio do Certame Literario de Begonte (1985). Varios dos
seus poemas foron musicados e cantados por Suso Vaamonde, Xerardo Moscoso,
Alfredo González Vilela e Mª Carmen Otero Rolle. Dentro da súa actividade
poética cabe tamén destacar a súa faceta de tradutor, que emprendeu meses antes
do seu falecemento coa tradución ao galego de L'Atlántida de Verdaguer.
Manuel Rodríguez López tamén cultivou extensamente a
prosa, ben escribindo un libro de contos ambientado na súa Paradela natal, ben
como cronista das actividades dos galegos en Cataluña (dous libros publicados
nos 80 foron froito desta actividade) e como cronista das viaxes que fixo con
Ánxel Fole por terras galegas. Foi Cronista Oficial do Centro Galego de
Barcelona, correspondente en Barcelona dos xornais Faro de Vigo e El
Ideal Gallego. Publico unha grande cantidade de artigos en diversos medios de
comunicación arxentinos, en El Progreso de Lugo, La Voz de Galicia,
en Praza Maior (voceiro do Concello de Lugo) e en varias revistas do
Centro Galego de Barcelona. En prosa, tamén coseguiu diversos premios,
destacando o primeiro premio Nós de Barcelona (1980), premios Meigas e Trasgos
en Sarria (1977 e 1986) e premio en Baracaldo (1978). Nos Premios Galicia de
Xornalismo, quedou finalista na sección de Reportaxe, nas convocatorias de 1985
e 1987.
Manuel Rodríguez López é profeta na súa terra. No ano
do seu falecemento foi nomeado "Fillo Predilecto de Paradela" (tamén "Lucense
del año 1989"). O centro socio-cultural de Paradela leva o seu nome. E dende
1995 vénse celebrando en Paradela o "Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez
López".
|