vb2marcelinofernandezmallo.html
Soa sospeitoso: home de
empresa dende os dezanove anos, publica o seu primeiro libro de fición pasados
os corenta. As traxectorias dunha vida están inzadas de curvas e cruzamentos;
tamén dalgunhas liñas rectas, de cando en vez.
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola
UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausanne. A de Suíza foi unha
experiencia multicultural e policromática: falar inglés con xentes de 35 países
e en galego cos homes de negro dos restaurantes ou cos de azul subidos nos
andamios. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector
financeiro galego. Algún dirá: o capital no ten patria! Xa, pero a patria
necesita do capital. Impartiu charlas e cursos en distintos foros así como nas
Universidades galegas e algunha outra alén de Pedrafita. Moitos dos estudantes
que escoitaron esas parolas, demasiados, remataron traballando en Madrid,
Valencia ou Pamplona. Tamén colabora en xornais e revistas de distintos eidos e
durante un par de anos participou no Faladoiro da Radio Galega
Publicou o ensaio De la Peseta al Euro na
Editorial Pirámide antes incluso da cuñación da moeda única. Estreouse na fición
co libro de relatos Cabilia, publicado en Primera Persona. Na súa
contraportada pódese ler: "Galicia aparece sempre agochada nas bambolinas de
cada relato, na meirande parte dos casos en mestizaxe con outros cosmos e
culturas." Esa mesma podería ser, de haber algunha, a filosofía da súa
narrativa. En 2008, e da man de Ézaro Ediciones, publica a novela A trenza,
e en 2010 Klásicos, segunda novela, desta vez a través de Morgante, selo
de Rinoceronte.
Ei-lo seu espazo na rede:
http://atrenza.blogaliza.org.
|