vb2pilargarcianegro.html
María Pilar García
Negro nace en Lugo, o 9 de Outubro de 1953. Estudos de ensino primário e
secundário nesta cidade.
Aos 16 anos, ingresa na Universidade de Santiago de
Compostela, para cursar Filosofia e Letras, sección Filoloxia Románica,
subsección Hispánicas. Licenciatura en 1975. Cursa, por libre, Filoloxia
Galego-Portuguesa, unha vez implantada esta titulación na Universidade Galega.
Gradua-se en 1980 nesta especialidade.
Entre Outubro de 1975 e Febreiro de 1976, imparte
docéncia de língua francesa, no Seminário Diocesano de Lugo, usando como
veicular a língua galega.
Entre 1976 e 1985 é profesora agregada de Língua e
Literatura Española, no Instituto de Ensino Médio "Eusébio da
Guarda", da Coruña, e, na mesma cidade, no Instituto "A
Sardiñeira", de 1985 a Xaneiro de 1990. Docéncia realizada igualmente en
galego como língua veicular, o que lle valeu a apertura dun expediente, no
curso 1983-1984, uns meses despois de ser promulgada a Lei de Normalización
Lingüística. Catedrática, en 1992, por concurso, de Ensino Médio.
En Abril de 1983, defende, na Universidade de Santiago
de Compostela, a Tese de Licenciatura, dirixida polo Dr. Dobarro Paz, sobre a
edición crítica da poesia galega completa de Valentin Lamas
Carvajal,
cualificada con Sobresaliente.
En Xaneiro de 1991, defende, tamén na USC, a Tese de
Doutoramento, que foi a primeira realizada sobre língua galega e lexislación
iuslingüística, baixo o título "Língua galega e lexislación (1975-1986)", que mereceu a máxima cualificación, Apto cum laude.
No curso 1991, ingresa na Universidade da Coruña como
Profesora Titular Interina, convertendo-se en Profesora Titular, mediante
oposición, en Xuño de 1995. Desde esta data pertence ao Departamento de
Galego-Portugués, Francés e Lingüística desta Universidade.
A sección "O idioma", no semanário A
Nosa Terra, de que se ocupou entre Marzo de 1978 e Agosto de 1979, foi a
primeira do seu xénero (divulgación de bons usos na prática oral e escrita da
língua) publicada en meios de comunicación galegos. No curso 1979-1980, en
colaboración con Xosé Mª Dobarro, publica, no mesmo semanário, a sección
"Leccións de Literatura e de Língua". Alén de neste semanário, ten
colaborado noutras publicacións periódicas galegas, portuguesas, catalás,
bascas, españolas.
Principais libros publicados:
33 aproximacións á literatura e á língua galega
(1984, 1990), en colaboración con Xosé Mª Dobarro.
O
galego e as leis. Aproximación sociolingüística (1991)
Sempre en
galego (1993, 1999)
O ensino da
língua: Por un cámbio de rumo (1995), en colaboración con Xoán Costa
Casas.
Poesia
galega de Valentin Lamas Carvajal (1998)
Direitos
lingüísticos e control político (2000)
Arredor de
Castelao (2001)
Rosalía de Castro. El caballero de las botas azules. Lieders. Las literatas (2006)
María Mariño no ronsel das escritoras galegas (2007)
De fala a lingua: un proceso inacabado (2009)
Sobre o racismo lingüístico (2009)
O clamor da
rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo (2010). XV Premio de Ensaio
en Ciencias Sociais Vicente Risco.
Outramente (2012)
Cantares Gallegos, hoxe (2013)
No tempo de
"Follas Novas". Unha viaxe pola literatura universal (2015)
Himno Galego: unha historia parlamentar (inconclusa) (2017)
Ten intervido en numerosos simpósios e congresos
nacionais e internacionais sobre sociolingüística, línguas europeas non
normalizadas, literatura galega e feminismo, e publicado edicións e estudos
sobre Rosalia de
Castro, Lamas, Pardo Bazán,
Castelao,
Xesús San Luís
Romero,
Ramón Vilar Ponte, Eduardo Blanco
Amor, Ricardo Carvalho
Calero, Jenaro
Marinhas del Valle, Manuel
Maria, María Xosé
Queizán, Lois
Diéguez, Marica
Campo ou Pilar
Pallarés.
Presidenta da Agrupación Cultural da Coruña
"Alexandre Bóveda" entre 1983 e 1988. Colaboradora da Federación de
Asociacións Culturais Galegas, da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, da
Asociación de Escritores en Língua Galega, da Mesa pola Normalización
Lingüística e doutras institucións culturais e pedagóxicas. Cofundadora do
Comité español do Bureau Européen pour les langues moins répandues e
delegada do mesmo, na Galiza, de 1985 a 1990.
Membro do Consello de redacción de Altres
nacions, da Revista de Filoloxía da Universidade da Coruña e da
revista Terra e Tempo.
Membro da equipa de redacción da
"Declaración Universal de Direitos Lingüísticos" (Barcelona, 1996)
e do Comité científico da mesma.
Militante do movimento nacionalista desde
1975-1976. Deputada, polo Bloque Nacionalista Galego, no Parlamento Galego, de
1989 a 2003. Ensino, cultura, políticas para as mulleres, política
lingüística... teñen sido as matérias de atención preferente. Á sua
iniciativa debe-se a constitución, na Cámara galega, da "Comisión para a
igualdade e para os direitos das mulleres", en funcionamento desde 1994.
|