m1rpiñeiro.html
Ramón
Piñeiro López naceu en Láncara (Lugo) en 1915. Despois de
cursar na capital de provincia o Bacharelato elemental, volta á
súa vila para axudar nas tarefas agrícolas familiares e en 1930
comeza a traballar en Sarria. En 1931, ano da proclamación da
República, terá a oportunidade de asistir nesta vila a
diferentes actos electorais. Un ano despois Piñeiro regresa a
Lugo para estudar o Bacharelato superior e, influído por un
mitin do recén creado Partido Galeguista, Ramón participaría
na creación da Mocedade Galeguista de Lugo, sendo elixido na
altura secretario de Cultura (máis tarde chegaría a desempeñar
o cargo de presidente). A partir deste momento Piñeiro entra nun
período de intensa actividade política que o levaría a exercer
en 1936 como secretario do Comité Provincial do Estatuto de
Autonomía organizado polo Partido Galeguista.
Tras a guerra civil comeza a cursar
Filosofía e Letras en Compostela e Madrid. Porén, Piñeiro,
máis preocupado pola reagrupación clandestina do galeguismo,
abandonaría definitivamente estes estudos. Cando a finais de
1945 os nacionalistas cataláns, bascos e galegos deciden tratar
co goberno republicano exiliado en Francia, Piñeiro
será designado como representante galego naquela xestión. De
regreso sería detido e condenado a seis anos de prisión, dos
cales cumpriría tres, de 1946 a 1949. Xa libre, Piñeiro
voltará a Galiza e desde entón vaise esforzar en mudar
radicalmente a estratexia galeguista, prescindindo da opción
política e reducíndoa cara á intervención cultural, o que
provoca a desvertebración do Partido Galeguista. Froito deste
posicionamento, coñecido como "piñeirismo", será a
fundación en Vigo de Galaxia (1950), a primeira iniciativa
editorial galeguista de posguerra. Como
director desta empresa e codirector da revista Grial,
Piñeiro dedicarase á promoción e difusión da cultura galega.
Desde a mesa do seu gabinete de Xelmirez fomentará entre a
mocidade o imposibilismo dunha reactivación política galega e
dedicarase á escrita. A súa breve produción ensaística (mesmo
a de carácter lingüístico-literario, como a que se recolle en Olladas
no futuro, de 1974) ten como punto de partida o pensamento
filosófico: Siñificado metafísico da saudade (1951),
Pra unha filosofía da saudade (1953), A saudade e
Rosalía (1962)...
No ano 1967 ingresa na Real
Academia Gallega cun discurso titulado A lingoaxe i
as língoas (1967). Xa en época democrática sae eleito
deputado independente do Parlamento de Galiza polas listas do
PSdeG-PSOE e desde 1983 até a súa morte, acontecida en
Compostela en 1990, Ramón Piñeiro será presidente (o primeiro)
do Consello da Cultura Galega.
|