Xaquín Lorenzo "Xocas"

(1907 - 1989)

 

 
Obras
Biografía
 
mb4xocas.html

     Xaquín María Perfecto Lorenzo Fernández, "Xocas", naceu en 1907 na cidade de Ourense, onde estudiou o bacharelato; máis tarde cursaría a carreira de Filosofía e Letras nas Universidades de Santiago de Compostela e Zaragoza (cidade á que se dislocaría por causas políticas).
     Entre 1926 e 1936 foi membro do Seminario de Estudos Galegos e dirixiu o Museo Etnográfico de Santiago; nesa altura, sendo membro da Irmandade Galeguista de Ourense, subscribiu o manifesto do Partido Nazonalista Repubricán, xunto con Risco, Otero Pedrayo, Peña Rey e Cuevillas, entre outros, e posteriormente ingresou nas filas do Partido Galeguista. Após a guerra, o Ministerio de Educación Nacional nomeouno mestre interino do curso de Xeografía e Historia do Instituto de Ourense. Xocas compaxinaría desde ese momento a docencia coa arqueoloxía.
     Considerado mestre da etnografía galega, principiou en 1950 un estudo de campo intitulado Etnografía. Cultura material (1962) que constituíu o segundo volume da Historia de Galiza, edición dirixida por Otero Pedrayo.
     Durante a súa vida o etnógrafo realizou un importante traballo de catalogación e escavación de restos castrexos: castros de Cameixa, Cabanca, de Terra de Lobeira e de Castromao; neste último traballou con Ferro Couselo até 1980, ano en que proseguiu en solitario as exploracións.
     O galeguista ourensán editou máis dun cento de artigos sobre etnografía, arqueoloxía e historia en diversas publicacións: Revista Nós, Boletín da Real Academia Galega, Cadernos de Estudios Galegos, Boletín Auriense e outras de fóra de Galiza; alén disto, deu á luz varias monografías: Cantigueiro popular da Limia Baixa (1973), A casa (1982), O Mar e os Ríos (1982), A Nosa Señora do Viso (1983), Os oficios (1983) e Refraneiro Galego (1983).
     Formou parte da portuguesa Sociedade de Antropologia e Etnologia, patrón do Museo del Pueblo Español de Madrid, correspondente da Associação dos Arqueólogos Portugueses e da Real Academia da Historia. En 1951 ingresou na Real Academia Galega. O seu discurso de ingreso, "La casa gallega", ficou inédito, e a contestación correu a cargo de Ramón Otero Pedrayo.
     Numerosas distincións fóronlle concedidas en vida. Pódense destacar a Encomenda de Alfonso X o Sabio polo seu traballo docente, ou o Premio "Otero Pedrayo". Foi tamén elixido Presidente do grupo "Marcelo Macías" de colaboradores do Museo e o Arquivo provinciais de Ourense, Conselleiro do novo Seminario de Estudios Galegos, Presidente de Honra do Padroado do Pedrón de Ouro e Corista de Honor da Coral de Ruada. A Deputación de Ourense nomeouno en 1983 fillo predilecto da provincia. Tamén se lle outorgaron, entre outros, o Premio "Trasalba", e en 1984 a Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao.
     Xaquín Lorenzo Fernández morreu en 1989 na súa casa de Facós, en Lobeira. Nas súas disposicións testamentarias deixou o seu legado intelectual ao Museo do Pobo Galego.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega