vb2xlopezrodriguez2.html
Nacín no ano 1956 en
San Ciprián de Hermisende, unha das pequenas aldeas de Zamora nas que se fala
galego e onde, agora, hai máis casas vacías e en ruínas ca habitables. Un
invento franquista as becas das mutualidades laborais levoume a estudiar en
Cheste (Valencia), Sevilla e Madrid, cidade na que conseguín licenciarme en
Ciencias da Información.
Resido en Santiago de Compostela desde 1985, onde logo
apostei pola escrita en galego (a miña lingua materna), tanto no xornalismo
(Diario de Galicia e Diario 16 de Galicia foron algúns dos xornais nos que
teño traballado) como á hora de escribir ficción .
Teño que recoñecer que fixen xornalismo pensando que
así aprendería a escribir ben para ser escritor. Hoxe, con catorce libros
publicados en galego (e oito en castelán), aínda teño a impresión de que o
oficio que mellor coñezo é o de labrego á antigua usanza, o de labrego de
fouce e gadaña, de engazo e espalladeira, de aixada e rastro, de arado romano.
Como fixen formación profesional pola rama de electricidade tamén fago
chapuzas coa electricidade, pero son menos malo como labrego.
Do xornalismo gústame sobre todo eso de poder dar voz
ós que non a teñen, as reportaxes sobre marxinados, xentes con poucos bens
materiais e moitos problemas. Á hora de narrar, tendo en asentar as miñas
novelas e relatos en Brumoso, unha terra arraiana que ven sendo a miña, preto
do que nos mapas figura como Penedo dos Tres Reinos.
Entretener e emocionar é o que busco cando escribo.
Porque admiro historias breves e de poucos personaxes como "A perla",
"O vello e o mar" ou "O coronel non ten quen lle escriba",
prefiro as historias sinxelas, con pouco artificio. Quizáis por iso, as miñas
están publicadas principalmente en coleccións para rapaces e mozos.
Un dos autores que teño lido con máis gusto e
admiración é o galego Xoán Farias. Síntome emocionalmente cerca de Steinbeck
ou Delibes, o que non me quita ter a Kafka ou Faulkner, tamén a Torrente
Ballester e Álvaro
Cunqueiro, entre os meus autores máis admirados.
|