Xoán Abeleira


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2xoanabeleira2.html

     Fillo de emigrantes galegos, Xoán Abeleira naceu en Maracay, Venezuela, en 1963, onde viviu ata os dez anos. Durante o tempo que pasou en Madrid, alternou o seu labor literario co teatro, a música e o xornalismo. Alí publicou os seus primeiros libros en castelán: Umbral del Centinela/La piel iluminada (Olifante, 1997, nomeado ós Premios Ícaro dise ano), Identidades (1998) e Nueve motivos para un obsequio (Mandala, 2000, en colaboración con la pintora de sumi-e Lourdes Parente). Foi incluído en varias antoloxías, tanto en galego como en castelán, como Norte y Sur de la poesía hispanoamericana (Verbum, 1997), Diálogo de la lengua: pasar la página, poetas para un nuevo milenio (Olcades, 2000), Negra sombra: intervención poética contra a marea negra, (Xerais 2003), La voz y la escritura, (Consejería de Educación, Comunidad de Madrid, 2001) ou a recente Campo abierto: poetas de poemas en prosa (DVD, 2005).
     Dende 1999, cando retorna definitivamente a Galiza e retoma a lingua de seu, publicou o poemario Animais Animais (Espiral Maior, 2001), a caixa de artista Magnalia (Espiral Maior, 2000, coa poeta Olga Novo e a pintora Alexandra Domínguez) e a serie de relatos para nenos englobada baixo o título xeral de As aventuras de Nunavut (O nacemento de Nunavut (2003), Un día de caza (2003), O caribú namorado (2004), Sedna, a deusa do mar (2005). Afeccionado á fotografía dende hai uns anos, está a preparar un libro sobre a obra de Manfred Gnädinger, con textos e fotografías propios, titulado A pegada de Man. O seu traballo como tradutor abrangue xa máis dunha trintena de autores e de obras (poesía, prosa e biografía). Actualmente colabora cunha columna no xornal La Opinión de A Coruña. Interesado dende moi novo pola relación entre o fenómeno do xamanismo e a escrita, a súa poética resúmese, quizais, nesta soa frase: "Aspiro a devir un poeta primitivo".

Fotografía: Autorretrato do autor (2004).

[Agosto 2005]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega