A escrita do silencio-Antoloxía persoal

Páxina Anterior

A escrita da terra. O rumor do distante. Segunda parte

Páxina Seguinte

v1cesareosanchezantoloxia009b.html

VI

A noite agarda reprega-se ao seu limite. Dormimos nas apagadas
          ruínas dos sons no máis profundo sul de ti.

Cega a noite é rastro silenciado. Cegas as horas da alba nos prados
          húmidos de siléncio.

En Mondoñedo débil xa o sol do seu propio esplendor.

Non é nada no cimo do azul. Nas escamas do dia, criatura mortal
          e asombrada, un brillo mineral viaxa por este soño.

O vento persegue as pétalas do luar. Unha gota de chuva explica
          o enigma.

A pegada fica e será nada e será centro desta palavra vaciada.

Outro, son Merlin, ninguén percebe a miña preséncia.

Un capitel sostén a divindade, outro exilio neste dia ocre, de xisto.

O dia a morrer no relóxio de sol, aqui onde o verde das follas
          das árvores ancestrais.

Chove para detere o tempo que debuxa a pedra.

Sobre o teito dos teus insomnios no lugar da luz as estrelas,
          os seus corpos adormecidos.

As sombras do Home Escorpión degolaron os Inocentes.

Sigo camiño de Vilalba neste Domingo pouco neboento neste dia
décimo segundo do terceiro mes.

Inconcluso todo é un e o mesmo. O soño é a materia
          coa que o Poeta mede o pasado. Todo regresa.










Sasdónigas



     Acariña os vidros da mañá o xasmin, medra e amesta
     ainda o rosa, no vivir da mañá deitada nas asas
     dos paxaros. O nocturno é o máis calado e anónimo
     escultor das Horas, confunde os soños coas mentiras
     deste dia. O camiño é unha palavra de fino e fresco olor.



Gontán



     Da noite á primavera subo polos rotos escalóns
     da soidade, subo por duro camiño a Soidade pina e áspera
     A melancolia, a clara voz do vento que se converteu en min
     están plenas de meiodia, onde chove. Un puñal de luz
     crava-se na névoa e eu ollo-te como eras.



Abadín



     Estás no primeiro azul contra o que nunca nada a Torre
     poderia. As nubes manchadas de luz entregan-
     se ás nubes, ao Sen Fin que pasa. A miña
     sombra imita o meu camiñar desmemoriado.
     Sonámbulo corto a palavra pola sua parte visível.











VII

De mañá cedo acorda o primeiro dia de primavera. As figuras do vento
          forman-se corporais .

En Vilalba de voz profunda e severa o Rio Ladra ten os ollos cheos
          dos Recordos da chuva, da borrada sombra dos pardais,
ten ollos cheos de paisaxes pasadas.

Dos rostros da luz o alba na sua cálida declinación. Ninguha
          a duración ven ao meu encontro.

Do humus das follas secas do chao forman-se as palavras a percorrer
          as casas do camiño.

O son do nunca é sábrego. Nube após nube aparece o teu nome
amado dentro da cor dentro do aroma das palavras .

Mais a terra ten os seus segredos. A terra anterior á terra.

Camiñamos polo corpo sucesivo da hora, pola indefensa noite:
          Memória entre o azul e o verde.

Invaden-me recordos coa sua secreta vibración malva onde nada pasa
          senón o propio transcorrer e cálidos amarelos.

Á sombra da nube o Castelo da Torre Dolorosa, orballa nas azas
          das bolboretas.

Nasces nos meus labios morres nos meus ollos como a onda
          do mar rota polo vento.

Vives de vida: O seu rumor sen voz da que o deus está feito.

A paisaxe é quen perdura, este camiño que contemplo.

Pasan nubes de tormenta. Laia-se o tempo. Oio unha flor desabrochar.










Porto Vigil



     Sobre a Escura Serra sai un sol esplendente, roxizo, nídio.
     Sinto dentro da boca este xoves que durará toda a vida.
     Os ollos abren-se ao Ninguén. Na dilatada cor
     da aurora, como acabada de lavar, non hai camiño,
     descobres que vou a outro lugar. Camiño, entro no infinito.



Torre



     Nas ameas do alba fica só un guerreiro de névoa
     ali e na torre o luar. Como claror no Espello do Agora
     a forma desvanece onde cantan aves. Sinto o dia
     sinto como amañece nunha pequena gota de chuva.
     Fecha-se porta da noite que quizais fuche, pola que queres sair



Carreira



     A primavera de rostro amado, un algo rosa e branca nasce
     nos prateados ramos da árvore. Pendurado da sua sombra
     na compacta unidade do muro a menta e o mirto.
     O feliz flui entre as tuas maos que acarício miñas.
     Agardas, anulas o tempo desde onde contemplo o mundo.











VIII

Sexa cal for o soño só a tua imaxe é a oración da pedra. Todo di
          o milagre.

En Sobrado dos Monxes es o lugar sagrado. Percorro os teus claustros
          desertos onde florece o siléncio.

A divindade muda os soños e son esa auga de nube, o esquecimento
          de quen fun, mais non o poder soñar.

No derradeiro dia de Marzo, a ermida á luz da lua veste
          a imperceptível envoltura da sua prata branca.

O seu corpo, coa máscara perfecta dos mortais veste-se, coa sua
          escrita de signos creba-se, fai-se anacos, convoca-nos.

O sol doura a cor da adolescencia. Sinto-me outro na hora.

Nada pode o Home Salamantiga opor ao soño parecia-me
          escoitar lonxíncuo, nos dias deste Domingo de Ramos.

Entre as follas e o seu verde, o Efémero que fun, di-me
          cos meus labios como te chamas.

A imensidade desce grave, anoitecida voz de seda fria. O camiño
          nega o tempo. Raiola Marzo á luz da madrugada apenas.

Es igual a ti apenas. Fica un ramo de lilás sen máis luz
          que a sua exacta xeometria.

No verde dunha folla á gota de rocio interrogo aos pasos de antano.

O ausente, dá o meu corpo ao azur, mistura-se cos siléncios
          da palavra e volvo a encontrar o meu camiño cara a Arzua.










Mantelle



     Cai lenta silenciosa a neve de primavera. A hora regresa é apenas
     a morte do dia. O azul bebe do infinito, garda o comezo
     da hora, a sua fragancia. Gardas-te na ilusión da névoa e vai contigo
     e cai desde un ceo lento e cinza. Ás veces de sombra
     e resplandor, nomeo-te para me adentrar no teu nome.



Alto do Seixo



     Desde a escuridade doirada, o horizonte indeciso.
     Ao borde da brancura cantan paxaros, ergues adolescentes
     invisiveis cores. Vagabundeian as sombras, as perguntas
     máis aló do ollo do que fala, onde nada non acaba
     de se perder. A terra sen estrelas sob a grande chuva.



Vilariño de Roade



     Pasa o dia a través da noite e outra é a alba e outro
     o incendio que a borra e outro o vento que a habita.
     Morre de escuridade como unha inqueda bolboreta branca.
     Para romper o siléncio do ceo pasan palavras
     entrelazadas. Repeten extraviadas son sucesión: Rio que nasce.











IX

Vou do meu corpo á Miña Sombra escoito o rumor do distante.

Entro ao Camiño entro á cor dos recordos, derramando
          a sua líquida luz.

Sobre a Pedra do Destino as nubes crescen no incendiado mencer
          unha névoa de cristal

No Porto do Parrote as algas enraizan nesta claridade invisível.
          O camiño é o tempo do camiño.

Iluminan-se as nubes altas e leves, floresce a ameixeira.
          Sen idade a sua luz, o crepúsculo ceifa os esmeralda.

O que non estremece á eternidade, disfraza en augas, na erva
          estremece os ouros.

Na Mariña sombra e luz van e veñen, e son Hamlet até ser só
          orballo e veño das Illas Lonxíncuas e todo o pasado me visita.

As xanelas abertas son prateadas follas a cairen, baixo a chuva mansa
          de abril.

Agardan-nos sen unha soa lágrima na escuridade branca, pálidas
          na espera, vaciadas de imaxes, presenza da ausencia converten-se
en escuma reflectida.

Nos Catro Camiños volvo soñar un mesmo soño. A cabeleira
          da nube molla-nos.

Apenas se ouve algunha palavra opaca, a voz vacia da sombra
          da cidade.

Só fica a chuva a mollar o seu fino pel. A chuva, de cando
          non habia mundo.

Escurece o mar sen voz apenas. É mañá cedo, o sol é limite
          interior e eu parto
camiño de Bruma no noveno dia do cuarto mes










O Portazgo



     Todo é mentres os meus ollos o contemplan. A lua bela
     deslumbrada. Ceo e terra pasan atravesan invisível a seda
     escura do dia, mais só recorda o que é o eterno. Todo o que é
     na palavra é meu e nada me pertence: A claridade
     fosca, o rostro que é nada máis que a memória do rostro.



O Burgo



     Os arcos da ponte entran nos espellos vacios. A soidade
     cos seus brincos de lapislázuli, grisácea e branca entra na luz
     dura e escura, espella-se na ria. Paciencia infinita
     da corrente que chega a ter a forma da corrente. Lento de rio
     o instante deste albor de Rio Infinito, que renuncia ao regreso.



Alvedro



     Nada acontece. A chuva desperta e toma-me por amigo.
     Pon-se o sol sen poder reter o dia. Acolle-se nas sombras
     do souto de castiñeiros a Soidade, vive entre o que vivo
     e a vida, baixo das miñas pálpebras. O camiño olla-me enviso
     con eses ollos que me doen que me soñan.











X

Os pés descalzos da chuva a camiñar. A asa da nube roza a prata
          gris das ondas.

En Ferrol soan as campás, na noite pousan, intemporais ouven-se.

Dorme o Porto de Curuxeiras, soña a sua xeometria esencial.

Dentro da hora será a hora deste dia. A noite soña a aurora
          e nunca estamos onde estamos.

Os camiñantes do mar recoñecen-se na terra. O azul ancora-se
          no vértice escoita a Canción do Destino é chuva de primavera.

Esgotadas as palavras, contemplamos as verdes follas da alameda.

Este corpo sen don sai ao paso dos camiños. Indiferente un vento
          de seda transita o dia.
A soidade finxe o azul nos ollos finxe a poalla da chuva.

O mar branquexa os seus cabelos nas miñas maos cando son,
          na precisa liña do celeste.

A noite á deriva retrocede ante este mar de Avril.

Silencioso e solitario o Camiño dentro do camiño inícia
          os meus pasos.

As árvores acompañan-me son estraña sensación descoñecida.

No Esteiro no hai ninguén nen sequera a cidade deixa de retornar
          cando vou camiño de Pontedeume.










A Gándara



     Levanto a cabeza para ollar. Oblícuos raios de sol
     deteñen-se sobre os Pensamentos.Toda a noite choveu,
     chove todo o dia, lenta chuva matinal. A ábside da igrexa
     A mañá doce de sol busca o inconfesável, recorda todo.
     O tempo unxido pola tristeza, leva a soidade na sua pel.



Xubia



     O siléncio di sen dicer nas paredes do convento, grita
     a grandes voces o teu nome. O longo camiño regresa
     como a serpe descobre as nosas pegadas. A tua ollada
     imortal sobrevivirá á miña ollada. E só cairá neve e neve
     sobre as palavras miñas cando volva o inverno.



As Aceñas



     A terra coberta de orballo. A maré baixa espella
     ao camiñante. Os muíños de maré a moer os marelos
     do millo e a flor do mar. Nas ruínas, a noite da memória é auga
     sedenta. Entre os muros derrubados caen gotas de ceo
     cando é transparente o Infinito, alonxado polo vento.











Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega