BVG Atrás Índice de Páxinas |
A escrita do silencio-Antoloxía persoal |
||
A escrita do olvido. Antonte das salamántigas |
v1cesareosanchezantoloxia002.html
ANTONTE DAS SALAMÁNTIGAS
Xagas
no lombo dos mofos
fames
no po
nas águas
dos cervos inconscientes.
Foi procesión de cervos
no espanto
e pasaron sen bruído
cousas absolutas
Sereas
nos camiños de ferro
e angúria,
Destilando
un tempo procesional
de coágulos acibeche.
Chorava o reiseñor
polo agnus dei decapitado.
Paseamos as nosas sombras
polas brancas paredes
dun plenilúnio obsesivo.
Ourives
das primeiras escumas
desfiañadas en lenzos.
A história
negara-se
tres veces.
Antonte
nunha noite de fentos
e oucas tecido.
Baleiro de cristal
alumado
en ceras mariñas.
Fios de fel, matricida,
deixaron-nos
no lombo das desembocaduras
Catro raiolas das nosas meniñas
suicidaron-se
no bronce dos candelabros.
Nós escapamos
por entre o tecido
do siléncio nocturno.
Tecidos carnais.
Longas rotas
dos delírios.
Aquel libro.
As follas
disolvian-me a pel
e facian-me sangrar.
Does-me aqui
no aberto dos espellos.
Por ter-te
e non te tere.
Durmo de neves
e son
non barandais da morte.
Por terte
e non te ter.
Lenzo das águas
bautismais
respirando fumes de ferro.
Hoxe, adornado
coa flor da laranxeira
que perfumou o lenzo
sentaras-me, miña señor,
á esquerda do teu pensamento.
Pedra turba
concéntrica en nós,
que agardamos,
no triángulo lateral
dos tellados
na própria asfíxia.
E botamos as entrañas
pola ampla boca do ventre.
Baleiro sonoro
inundado en pole.
Transparéncia
dun insónio obsceno.
Debuxo fume
no lombo dun paxaro
de papel.
Despois perdín a memória.
Espidos nos espellos ovais
metade ave
metade home ou muller.
Entre os dous escoavan
menceres cobrizos.
Ollavamos como viña a cinza.
Viña por ti
por min
e foi-se
tras as cicatrices
do baixo horizonte.
Parede
tímpano de puñais.
Voltava cada noite
o homicida.
Corre a história caudalosa,
nos pasigos do esquicemento,
na opuléncia xeométrica das fontes.
Na aspersión do sangue
que falou, un após o outro
anunciamo-nos
ao noso nascímento.
Pregarán as azas
os salmos
cando volten os vivos
do país da salmoira.
Cando na coroación
das primeiras mapoulas
os acantilados decapiten
os encapuchados.
Lonxitude oval
duns ollos esvarando
nas hedras do castelo.
Árbores amedoñadas
polo monóculo noctámbulo.
Collemos a fouce
curva pluma de galo,
no esplendor
da carne vexetal.
Onda do vento
pousado nos teus brancos
broslados
coa flor de Sericó.
E dormes
na fonte dos cabalos
sono de águas.
Mañá das leiteiras,
ouvir dicer.
Quen nos pode levar
polo atardecer
marelo laranxa.
Onde falan,
de dous en dous,
os vintecatro anciáns.
Senón os dragóns
os monstros semihumanos
das arquivoltas.
As amendoiras
puxeran flores
nas sofraxes do medo.
O paxaro carpinteiro
compuña os tecidos
nervosos
dunha boneca descerebrada.
© 2006 Biblioteca Virtual Galega |