Donosiña, drama en tres autos

 

Prólogo e primeiro acto.

Páxina Seguinte

m2xquintanilladonosiña.html

Drama en tres autos e un prólogo, en prosa, orixinal de Xaime Quintanilla.


Dramatis Personae

Madanela, muller d'Andrés (28 anos)
Lela, filla d'Andrés (16 anos)
Maruxa, criada (52 anos)
Ramona, id. (20 anos)
Andrés, Amo da casa (40 anos)
Euxenio, (32 anos)
Rosendo, (30 anos)
Sr. Cura, (50 anos)
Fuco, criado (45 anos)

A escea no pazo de Ponteleira, nos nosos eidos e nos tempos d'agora.



PRÓLOGO

Estrado no pazo de Ponteleira. Antiga sillería artística, cómoda, espellos de grande lúa; un reló de pesas de moito mérito, un piano: todo enfundado. Na parede do fondo un retrato de muller moza. Unha porta ô fondo e outra â mau direita (do que vé). A esquer- da fenestras que dan â campía.
A escena âs escuras, porqu'ainda qu'é día, e un día d'espeto, as fenestras atópanse pechadas.
Dimpois de erguel-o pano, pasa un anaco de tempo. Abren a porta do fondo. Maruxa e Fuco, criados do pazo, aparecen n'ela.


Fuco - (A Maruxa) Anda, muller: entra. Non se vé limentiño d'iste mundo. Ti conoces millor qu'eu a sala.
Maruxa - O que ti tés é medo. (Entrando no estrado e andando âs apalpadas)
Fuco - ¿Medo eu?
Maruxa - Si, ti. ¿Seica non? (Chega a unha das fenestras e ábrea. O sol, entra, choutadore, pol-a sala adiante) ¡Dios nos dea lus!
Fuco - E ollos pra vela. (Entra el tamén. Entr'os dous abren as tres fenestras da esquerda. Brila o polvo e asomella ouro dirritido)
Maruxa - ¿Pasouch'o medo?
Fuco - Mira, muller... Eu non entrei eiquí, no estrado, endexamais. E como tesme falado tantas cousas d'esta sala, cousas de medo... xa se vé.
Maruxa - (Lembrando) Eiquí morreu ¡coitada! a miña señora. Era un día com'o d'oxe: un día d'espeto. O sol era un sol ledo, que ficaba nos campos, facendo surrir as froles. A miña señora erguíase aquel día, por pirmeira ves, do leito, dimpois de nascer a señorita. Veu pra eiquí, pol-o serán, ¡tan branca, tan bonita! Achegouse a ista fenestra (amosando a do medio) e respirou o sol con ledicia. Y-eisí quedou morta, de repente, sin xemer, ¡branquiña com'unha pomba!
Fuco - ¿E dendes d'aquela?...
Maruxa - Dendes d'aquela non pasou nada, hastra que marchou o señor, fai d'isto tres anos. Axiña que marchou, deixando eiquí â señorita Lela, con nosco, encomenzaron a pasar cousas raras...
Fuco - ¿E que cousas?
Maruxa - Unha noite, sin mais nin mais, encomenzou à zuar o reló. Deu campanadas tod'a noite. Marcelo, o criado qu'estivo enantes que tí, oiuno e chamoume: ¡Ei, Maruxa! ¿Ti non ouces? Bruaba o vento, pois era noite de tormenta, e a choiva abalaba as fenestras. No silenzo da noite e do pazo ouvíanse, choromiqueiras, as campás do reló, que xemían mainamente...
Fuco - (Con medo) Y eso ¿é certo?
Maruxa - Tan certo como te vexo; xurocho por estas. (Bicando o pulgar direito) Outra noite o piano tocou soilo, soliño: tocaba unha canzón do gusto da señora; unha canzón tristeira de bágoas e salayos...
Fuco - (Mais medoso) ¡Nunca Dios me dera!
Maruxa - Pro eu non tiña medo. Eu ben sei qu'era a-y-alma da señora.
Fuco - ¿Da señora?
Maruxa - Da señora, si. ¡Y-eu lle non teño medo nin viva nin morta, nin de día nin de noite! Era tan boa, que non ceo tense qu'atopare... e as cousas do ceo non son cousas de medo.
Fuco - ¿Boa com'a señorita?
Maruxa - Igual qu'ela. Non viche na tua vida cousa mais igual: dous caraveliños xemelos. E imos traballare que o tempo pasa e hai moito que faguere. Recad'as fundas e vai limpando o polvo. (Os dous van facendo o mesmo e falando) Eu ben sei porqu'a-y-alma da señora viña pol-o pazo.
Fuco - ¿E por que?
Maruxa - Porqu'o señor, D. Andrés, andaba pol-o mundo con outras. Deixou eiquí â señorita, soliña comigo e con Marcelo. Pol-os invernos a señorita iba vivir no Convento das monxas de Santiago. Pol-os vraus, viñ'a eiquí. O señor -e que non m'o tome Dios por marmuración- adivertíase, entramentras, pol-o Madrí. Andaba de ruada, con señoras mui guapas, sin respeto â memoria da difunta. E xa ves, ô fin e ô fallo, o que pasou. O señor casou fai quince días e agora ven pasal-o vrau ô pazo, coa nova señora.
Fuco - E ¿será guapa?
Maruxa - ¡Qu'ha ser, hom, qu'ha ser! Eu ben sei que non m'ha gustare. ¡Como a miña señora - ¡a probe! - nengunha no mundo! ¡Ai, s'asomara agora mesmo por isa porta!.
Fuco - (Cheo de medo) ¡Seica estás tola, muller! ¡Mira que chamare pol-os mortos!
Maruxa - (Evocadora) ¡A miña señora: tan boa com'unha baraza de lán!
Fuco - (Mais medoso aínda) ¡Arrenegado seia o demo! (aparece na porta do fondo, choutadora, riente, Leliña) ¡Dios me valla, Xesús! (Morto de medo, ô vere a que coida aparición)
Lela - ¿Qué lle pasa, Fuco?
Fuco - (Reconocéndoa) Ai, ¿é vostede, señorita?
Maruxa - (Ríndose) Coidou qu'era unha morta.
Lela - ¿Morta eu? ¿Teño cara de morta, Fuco? Y-eso que veño morta de medo.
Maruxa - (Chegándose ô pé d'ela) E logo, ¿pasoulle algún mal, miña penliña?
Fuco - (Tamén achegándose) ¿Qué foi, señorita?
Lela - (Misteriosa) Unha cousa de moita grima, de moita.
Fuco - (Desacougado) Lévenme xuncras, qu'oxe non gana un pra sustos. ¿Algún morto?
Lela - Non: algo pior.
Fuco - ¿Pior que un morto?
Maruxa - ¡Fale, Leliña, por Dios!
Lela - Vin unha cousa que mata âs rapazas co seu alento. Que si as olla, múrchanse as suas côres e morren de mal cansado. Unha cousa, cousiliña que se move com'un brincadeiro: espilida, abuxatada, feituquiña -mais arrenegada de Dios e filla do diaño.
Fuco - ¡Arrenegado el seia!
Maruxa - ¡E foi?
Lela - (Sempre misteriosa) Foi... fixádevos ben e temblade. ¡Foi... unha donosiña!
Fuco - (Rindo rexamente) ¡Que cousas ten a señorita!
Maruxa - (Incomodadísima) ¡Pois non sei porque te rîs, porqu'é certo ó que dí a señorita!
Fuco - ¿Qu'a donosiña...?
Maruxa - ¡Si; a donosiña, a donosiña! ¿Quén matou á Catuxa, a de Tabeayo? ¿Por qué morreu Santiña, a vinculeira do tio Bastián?
Lela - (Sûrrinte) Ten razón Maruxa.
Maruxa - ¡E non hei ter, señorita! ¡Ai, por Dios! ¿E a seguiu, a veu a donosiña?
Lela - Coido que non.
Maruxa - Pois mire, por si pásalle outra vez, voulle enseñar como s'escorrenta a donosiña. Son palabras que sirven pra desfacere, dimpois de tempo pasado, o seu agoiro. ¡Apréndao, señorita, pol-a memoria da sua nai!
Lela - ¿E como é?
Maruxa - Pois eisí, señorita. Diga comigo: Donosiña...
Lela - (Comicamente seria) Donosiña...
Maruxa - Bonitiña...
Lela - Bonitiña...
Maruxa - Garridiña...
Lela - Garridiña...
Maruxa - Vaite pra tua casiña...
Lela - Vaite pra tua casiña...
Maruxa - Qu'é casiña...
Lela - Qu'é casiña...
Maruxa - Bonitiña...
Lela - Bonitiña...
Maruxa - Deixa a miña...
Lela - Deixa a miña...
Maruxa - Qu'é feíña...
Lela - Qu'é feíña...
Maruxa - Mais nada.
Lela - ¿E ò sabrei?
Donosiña
bonitiña...
¿Que mais?
Maruxa - Garridiña...
Lela - Donosiña,
Bonitiña,
Garridiña,
Vaite para a tua casiña...
Vaite para a tua casiña...
Maruxa - Qu'é casiña
bonitiña
Lela - ¡Deixa a miña
qu'é feiña!
Paréceme que xa ò sei todo. (Correndo ô recitalo)
Donosiña,
Bonitiña,
Garridiña,
Vaite para a tua casiña,
qu'é casiña,
bonitiña,
deixa a miña,
qu'é feiña...
¡Qué bonito é esto! ¡Gústame, miña vella!
Maruxa - ¡E mui ben! E no-no esquenza, señorita, que ten moita vertú.
Fuco - Non ll'hai com'unha boa pedra, señorita Lela. Dáselle ben na cachola e adios encantamento e mal d'ollo.
Maruxa - ¡Lle non faga caso, señorita! Os homes sonlle unhos descreídos e non teñen temor de Dios.
Lela - Non, muller; non. Non lle farei caso. (Lembrando)
Donosiña,
bonitiña...
E ¿que facíades?
Maruxa - Limpando o polvo, quitando as fundas. Hai que preparalo todo axiña, qu'o seu pai ten de estar a chegare.
Lela - Eu vos axudarei.
Maruxa - Vaise poñer perdida, señorita.
Lela - ¿Ainda mais do qu'estou? Andiven ôs arrolos pol-o monte, co meu canciño. Bebín no regato da curtiña, pôndome ô carón do chán, y-enchinme o mandil de lama (Traballando) Hai que lle dar corda a este reló ¿Que hora será?
Fuco - E serán as seis da tarde.
Lela - Vouno poñer nas seis.
Maruxa - A esa hora..
Lela - (Subida a unha butaca) ¿Qué? ¿Qué pasou?
Maruxa - Morreu a sua nai.
Fuco - E n'esa hora está parado.
Lela - (Triste) Pois que quede parado, ¡Miña naiciña!
Maruxa - E parado, señorita, non está ben. As cousas cambean e o tempo fuxe. Istes xa lle son outros tempos. E a vida desta casa vai sere outra. Outro tempo novo, outras houras difrentes.
Lela - (Dando cos pés na butaca) Pois, non, qu'eso ainda no-no vin eu. Que quede eisí. Como si nada tivera pasado. Como si o tempo non fora outro. ¡Quén sabe ainda! (Baixase).
Maruxa - Déixese de trécolas, señorita. A vida qu'oxe vai encomenzare n'ista casa é outra.
Fuco - ¿Limpo istos espellos?
Maruxa - Tés que ire por vinagre e auga. Eisí, co pano nada mais, non quedarán ben.
Fuco - Vou a axiña. ¿Non está alá Ramona?
Maruxa - Y-estar, estará... (Vaise Fuco)
Lela - ¡Ai, miña Maruxa! ¡Qué medo teño! Medo a ledicia. Medo d'isa muller que vai vir. ¿Será boa? ¿Quereráme? ¿Quererá ô meu pai? ¿A quererei eu?... Ledicia por ver ô meu pai, dimpois de tres anos: ¡tan boiño, tan agarimoseiro! Que cando bícame nos ollos, sinto os ollos cheos de lus; que cando bícame na frente paréceme que a frente énchese de pensamentos xenerosos, qu'eu son mais boa e que teño que cantare com'os paxaros, e rîr, e choutare à veira dos regatos... e abrazar ô meu pai ¡tan forte, tan forte...! Tan forte, xa vés, que xa hai outros brazos qu'o abrazan e outros ollos que levarán os seus bicos e qu'encheránse de lus. ¿De lus? Non com'estes meus ollos nin os ollos da miña naiciña, que debían ser ollos soilo pra ver ô meu pai e pra sere espello de sua-y-alma branca... ¿Tí non crees qu'as ánemas teñan côres?
Maruxa - ¿Y-eu que sei d'esas cousas, señorita?
Lela - Pois téñenas. Había unha monxa, eló en Santiago, no convento, que tiña a-y-alma páleda. Era com'unha rosa murcha. Eu a teño... a teño rosa, e non sei por qué. O meu pai a ten branca: de cristal, transparente com'a-y-auga crariña. Outros a teñen da côr da cinza. Outros, azul páledo: os que viven na vida sen trafegos nin cuitas. ¡Outros moura! Y-esa muller... esa muller a terá moura, e tampouco sei por qué.
Maruxa - Eu ò sei, señorita.
Lela - ¿Qu'ò sabes?
Maruxa - Sei, ò sei. Porqu'é mouro ò que nos rouba agarimo y-esa muller -¡eu non sei lle chamare señora; abofellas que non m'afago!- nos rouba o agarimo de D. Andrés.
Lela - Non, eso non. D'eso estou certa. Sei qu'o meu pai me non deixa de querer. Que por riba ou por baixo do qu'a min me quêr terá outros cariños; mais o qu'a min me tén, é meu pra min soliña y-ese non llo da á ninguén. ¡A ninguén!
Maruxa - ¿Quén pode decilo, señorita! Vosté non sabe ò qu'é unha muller. Unha muller pódelle sere mesmamente o demo, con figura boniteira. Y-esas mulleres que cegan ôs homes teñen feles e amarguexos qu'asomellan meles e dozuras. As bágoas que fan chorare saben como risas cheas de ledicia. O seu pai ten de estare embruxado. ¡Cando el non respetou a memoria da difunta...!
Lela - Cala; cala, Maruxa. Tí que sabes. O meu pai non esquence a miña nai; non m'esquence à min tampouco. Esa muller será boa ¡quén sabe! Cecais será mui boa amiguiña miña. ¡Eu quero querela! ¡Cando a quêr o meu pai por algo será! Da bondade d'el ten que ter ela unha pouca, por pouca que seia.... ¡E decía eu que terá a-y-alma moura! ¡Qu'a Virxe me perdoe! ¿Por qué hei pensare mal? No recunchiño mais interno do meu corazón, unha coviña pra o amore da miña nai; unha coviña c'un burato pra falare co-ela nas houras de mágoa. Mais ¿por qué o tempo novo, a nova vida non ha sere boa e leda?. Dame isa butaca, Maruxa.
Maruxa - Tómea, señorita.
Lela - (Subíndose â butaca) Qu'ande o reló. ¡Vida nova, tempo novo! Eu hei de sere boa e têr cariño pra todo o mundo. ¡Qu'o teñan pra min, tamén! (Vendo o retrato) ¡Non te esquenzo, mamai! Xa sabes que che gardei un recunchiño mui cuco no meu corazón (Descolga o retrato. Bicándoo) ¡Toma iste bico, y-este, e mil! E ven comigo: que che poñerei un altar no meu cuarto. Alí non entrará ninguén.
Fuco - (Entrando pol-a porta do fondo) Esa condanada de Ramona non sabía onde estaba o vinagre. (Trai nas maus unha botella, unha caldeira e un pano)
Maruxa - Trai pr'aco, hom; trai pr'acó, qu'eu limparei os espellos. E axuda a señorita à levare ese cuadro. (Fuco dalle o pano o caldeiro e a botella a Maruxa. Vai a axudare a Lela.)
Lela - Non, non, eu soliña. ¡Unha nai... non pesa! (Vaise pol-o fondo)

Cai o pano, lentamente



AUTO PRIMEIRO

Fachada do pazo de Ponteleira. É casa de señorio, d'estilo renacemento. Sobre da porta principal un artístico escudo de pedra labrada, coas armas dos denantepasados dos Ponteleira. A outura do primeiro sobrado, que non se verá, unha parra que chega hastra preto do primeiro termo e que colle todo o ancho da casa. Debaixo da parra, sillós de xunco.
É o día do Apostol Santiago e mui preto da finca hai romaxe. Oucense, ô lonxe, de cando en cando, aturuxos, berros, cantigas, campás, foguetes, gaitas, e pandeiros. Todos istes sonidos non deixarán de s'escoitare durante o auto, mais sin qu'interrumpan a escea nin distraigan o espeutadore.
Sentados nos sillós, Andrés, Euxenio, Madanela e Lela. Fuco, Ramona e Maruxa, os criados, van poñendo, pol-a fachada e a parra, farós de papel e guirnaldas.


Madanela - ¡Ai, que cansadiña estou! Moito trouleamos pol-a romaxe.
Andrés- ¿Gustouche a festa?
Madanela - Moito
Euxenio - Estas festas d'aldeia teñen un forte encantamento. Hai n'elas un recendo a tempos primitivos que mesmo da xenio.
Lela - Pois mais bonito é de noite, eiquí, diante da casa, cando encomenza a verbena. O que mais lles gusta ôs aldeáns son os fogos d'artificio, as rodas luminosas. Cando brilan as bengalas quedan mesmamente pasmadiños. Cando, ô final da roda, nen o chorro de lus branca, prateada, o pasmo faise ademiración e todal-as gorxas ceiban un ¡Oh! que apágase cos derradeiros resprandores do fogo.
Madanela - (A Andrés) Tes unha filla mui ouservadora.
Euxenio - E un pouco romántica.
Lela - ¿Romántica eu?
Euxenio - E un pouco poeta.
Lela - ¿Sei que me queren poñer colorada?
Andrés - É unha precocidade. Todo chámalle a atención. Non hai cousa, por cativa que seia, qu'ela non pense dina de mirala e remirala.
Madanela - Si, é certo: xa ó teño ouservado. ¿Verdá, Euxenio?
Andrés - Vaya, Lela, non t'avergoñes. Madanela é com'a tua segunda nai e lóubate porque te quêr. Euxenio, tan amigo noso, é como da casa.
Euxenio - Eu nunca pagareiche o haberme invitado á pasare istes días con vosoutros. Esto é, sinxelamente, encantadore. O rio, a campia, o pazo...
Andrés - Pois mira, non mo agradezas. Foi Madanela quen se lembrou de ti. Cando chegamos, fai unha semán, o primeiro que se ll'ocurriu foi decirmo: ¿Porqué non invitas ô teu amigo Euxenio á pasare unhos días con nosco? Escribinche e antonte chegache.
Euxenio - Con tan boa sorte qu'oxe vin o regalo d'iste romaxe ademirabre.
Maruxa - (Subida a unha escada) ¡Señorita Lela! ¿Poño farós por eiquí?
Lela - Si, si; e grinaldas. ¡Faino ben, velliña!
Madanela - Hai unha cousa, Andrés, que me non gusta na tua casa. (Lela y-Euxenio falan aparte)
Andrés - Na nosa casa, quererás decire.
Madanela - Non, na tua. Os teus criados se non dan conta, pol-o visto, de qu'eu son a tua muller. Comigo endexamais consultan nada. Pra eles non son ninguén.
Andrés - Muller... Non val a pena que t'enfurruxes. Contigo non teñen confianza. Tí non sabes estas costumes. A Leliña a conocen mais, é unha nena... Xa ves: tampouco consúltanme à min.
Madanela - Pro é qu'hai algo mais qu'eso. E que vexo, ou paréceme vere, certa hostilidade contra min. Que cando eu paso, paran nas suas conversas; que cando lles falo, baixan os ollos.
Andrés - Figuraciós tuas, Madanela. Xa convenceráste do contrario. Y-e que non hai cousa como vere con prevención, pra coidare qu'hai prevención nos demais.
Lela - ¡Eso é mui bonito, mui bonito! ¿Sabes, meu pai, qu'o teu amigo Euxenio é mui aduaneiro?
Andrés - Ainda no-no coneces ben. Xa verás, cando teñas mais confianza. E xa que falo de confianza. Hai unha cousa que teño que che decire. É preciso que trates de tí a Madanela. Madanela ò quêr, ¿sabes? (Vaise Ramona pol-a esquerda)
Lela - E que non m'afago.
Madanela - Todo é querer, Leliña. ¿Non queres ser a miña amiga? Xa oiche enantes ô teu pai: eu debo sere para ti com'outra nova naiciña. ¿Non me queres por nai, Lela?
Lela - Eu, señora, quero... Querer, quero... Seremos amigas... Xa somos amigas... Como nai, non: que non hai mais que unha, ¡unha soila! E ademais paréceme que eu xa son mui maior pra sere a vosa filla e vosté paréceme mui nova pra sere a miña nai... Si, si... Seremos amigas... Seremos como irmás... Vosté a miña irmá maor. Eu, a pequerrecha... Pro... xa farei todo o posibre por tratala de tí. Pol-o d'agora, non. Non podo. Non sei...
Andrés - Ese é un receio parvo Non seias bobiña e obedéceme. Farásme obedencia à min, e cumpriráslle o gusto à Madanela.
Lela - Pro... si é que non podo.
Madanela - Déixaa... Non ll'ispirarei confianza. Non lle serei simpática.
Andrés - Madanela...
Lela - Señora... Títulos pra serma non ten (ô vere un xesto de disgusto do pai. Impoñéndose) Non poñas esa cara papai. Mais pra min hai unha cousa qu'está por riba de todo y-é qu'o meu pai a quêr... e por algo será. Eu lle teño o corazón aberto de par en par. ¡Casa franca é pra un novo cariño! Pro é que non podo tratala de tí. E que non se pode. xa ò ves papai; a outra noite tí querías qu'Euxenio e mais Madanela tratáranse de tí... e non poideron.
Andrés - É difrente.
Euxenio - É igual. Ten razón Leliña. E a que non s'astrevía, sobre todo, era vosté, Madanela, por min...
Madanela - ¡Por min, non! Bueno, bueno. Estou convencida. ¿Queres me dare un bico, Leliña?
Lela - Señora... Un bico é pouco. ¿Un bico e unha aperta! E agora - ¡que rara son eu, Dios mio! - xa parece que teño mais confianza con vosté... contigo..
Andrés - Ben, ben.
Lela - Xa ves: voume atrevendo.
Madanela - Eisí me gusta.
Lela - ¡Xa estou mais contenta! Y-eu, a pequena da casa, propoño que ti e mais Euxenio...
Madanela - (Un pouco abritada) Non, eso non; non me atrevería. ¡Non seias pesada!
Andrés - ¿Por que non, Madanela?
Lela - Bueno, bueno. Xa farédesme caso. ¿Que te coidas? Hei de mandare en ti. Sei que mando en todol-os que me queren e non sei por qué.
Euxenio - Eso é obra da dozura vosa, neniña. Mais unha cousa, que se chama ter anxel, que non é sere fermosa nin boa, e que val caseque tanto como bondade e fermosura xuntas.
Lela - Que teño anxel xa o sei: o Santo Anxel da Guarda. E ti, ¿o tes?
Madanela - Eu, si; teño dous: o do ceo e o da terra. O da terra é teu pai.
Lela - ¿Este...? ¡Co esa barba! Anxel con barba non sirve pra guarda. ¡Hastra me sai en verso! Si tés que te guardare ou teñen que guardarte, guárdate ti.
Madanela - (Brusca) ¿Por qué dis eso? ¿Qué queres decir con eso?
Lela - ¿Eu? Eu, nada... ¿Qué che pasa?
Madanela - Nada, nada.... ¡Estou tan desacougada!
Andrés - ¡Home! Eiquí ven o señor Cura. (Ven pol-a direita)
Sr. Cura - Mui boas tardes nos dea Dios. ¿Como lle vai D. Andrés? ¿E vosté, señora? Xa vexo que lle proban os aires d'aldeia. ¿E tí, Leliña?
Andrés - Séntese, séntese, Sr. Cura. ¿Vostedes non se conecen? O Sr. Cura párroco, D. Manuel Vieites, crego revolucionario si os hai... D. Euxenio Lavandeira, abogado.
Euxenio - Tanto pracere, señor.
Sr. Cura - O mesmo digo. Pro non creia à D. Andrés. Eu non lle teño de revolucionario mais qu'a fé. A fé en Dios e na terra, n'ista nosa meiga terra galega. (Séntase) Terra qu'é de Dios e Dios qu'é tan da terra, que xa non sei distinguilos.
Madanela - Mais, pol-o visto, vosté predica cousas raras.
Sr. Cura - ¿Raras? Téñolle unha fé mui grande nos costumes patriarcales sinxelos. Na pureza das xentes da montaña, no aire ceibe que se respira n'istes recunchos de Dios. Predico o amore â natureza, â limpeza, â saúde. Nada d'atormentare o corpo pra purificare a-y-alma. O esprito é mais puro detrás d'unha risa franca. Non ll'hai oración com'a dun corpo sano e limpo que bica o sol.
Lela - O Sr. Cura non crê na vixilia.
Sr. Cura - Eu créolle en todo. Mais tamén paso por todo. Por todo menos pol-o pecado. E xantare, con bó apetito, non sei ainda si será pecado. O pecado atópase, mais ben, na intención. Eu explícome o pecado d'amore e coido que Dios ó perdona. Non entendo o da ingratitude porque paréceme pecado d'alfeñiques.
Madanela - ¿De maneira que...?
Sr. Cura - Señora, non veño eu predicadore... Amo a forteza do corpo e a do esprito. Cando a-y-alma vai por tortas corredoiras... malo. Cando a-y-alma que peca, peca rexamente, feramente, en liña reuta, coido que, por grande que seia o pecado, non pasa de venial.
Lela - ¡É mui bon o Sr. Cura! Di qu'as almas que camiñan direutamente, ainda que pequen, non teñen mais pena qu'a de tres meses e un día.
Madanela - (Ríndose) ¡Qué enormidade!
Sr. Cura - (Serio) Enormidade, señora, porqu'é moita pena. Pasen os tres meses, pero ¿e o día? ¿Vosté sabe ó que val un día, un eterno día - que por sere eterno xa val tanto como unha eternidade - de pena ou de suplicio? ¡Un día d'unha nai ô rente do berce do meniño que morre...! ¡O día do probe que vé pasal-o día de fame sin pan pra boca! Quedamos nos tres meses, Leliña, qu'é un feixe de tempo que nada nos dí ô corazón, ô noso corazón de probes, pois de trimestres somente saben os señores que cortan cuponciño e que teñen a ilusión de que viven... ¡e viven a saltos de tres meses!
Euxenio - É vosté inxenioso, Sr. Cura.
Andrés - ¡Ah! ¡Moito!
Sr. Cura - Eu cóidolle qu'o inxenio é cousa do xenio. E o xenio meu é como Dios m'o deu e cando El m'o deu - ¡qué todo o sabe! - por algo será.
Madanela - ¿E a que debemos a sua visita, Sr. Cura?
Sr. Cura - Primeiro ô desexo de velos e de saúdalos. Dimpois... Dame un pouco de vergoña o decilo, porque parece qu'é oficio inseparabre de quen viste istes hábitos. Veño por unha esmola. Unha esmola pra os probes da parroquia. ¡Son tantos y-están tan necesitados, señora!
Madanela - Pois, si, Sr. Cura; conte con ela. Non faltaba mais. ¿Verdá, Andrés?
Andrés - Xa sabe o Sr. Cura qu'ista casa está aberta de par en par pra él.
Sr. Cura - Moitas gracias, meu amigo. Moitas gracias no nome dos probes. Mais eu non quero cartos, somentes, meu señor. Ehí teñen vostedes a Leliña que ten feito moitas caridades. Caridades d'enxugare bágoas, de levare un pouco de risa e de lus ôs fogares cheos de brétema e delor. Eu quixera que vostedes... (Sigue falando)
Maruxa - (A Fuco) ¡Oi, qué condenado d'home! En troques d'axudare non fas mais qu'estorbare...
Fuco - ¿Pro non me dixeche que puxera farós â mau direita?
Maruxa - Si, cho dixen. ¿E cal é a mau direita?
Fuco - Esta (Amostrando a sua mau direita)
Maruxa - Pro esa non é a miña. A miña é esta (Amostra a sua. Os dous están enfrente un d'outro)
Fuco - Bueno. ¿E que teño eu que vere coa tua mau?
Maruxa - ¿Y-eu que teño que vere coa tua?
Fuco - ¡A direita é esta!
Maruxa - ¡Non, señor: qu'é esta outra!
Fuco - ¿Sabes cal é a direita?
Maruxa - ¿A qu'eu digo!
Fuco - ¿Quen che dera!
Maruxa - E logo ¿a que dis tí?
Fuco - Tampouco... A direita é...¡qué me deixes traballare en pas! ¿Sabes?
Lela - Pois mañán iremos â parroquia. Eu penso que podemos facere algo, facere moito n'ousequio dos probes. ¡Probiños probes!
Ramona - (Que ven pol-a esquerda, acorada) ¡Señor! ¡D. Andrés! ¡Por Dios, corran...! ¡Corran moito!
Andrés - ¿Qué pasa?
Lela - ¿Qué foi?
Ramona - ¿O can, señor: o Leyal!
Andrés - Pro, ¿qué fixo? ¿qué pasou?
Lela - ¿Non estaba atado?
Ramona - Estaba, señorita. Pro un rapaz saltou a verxa da finca, cecais pra vere ò qu'eiquíse facía. Paxou xunto o can e o can trabouno. Desfixolle mesmamente unha máu.
Andrés - ¡Demo de rapaz!
Ramona - ¡Corra, señor; qu'o cativo sangra á eito! Está páledo com'un morto.
Lela - ¡Imos, papai!
Andrés - Si, imos. ¿Vosté ven, Sr. Cura?
Sr. Cura - Si, eu vou tamén.
Andrés - ¡Fuco! Ven con nosco. Poida que te precise.
Fuco - Vou, mi amo (Vanse Andrés, Lela, o Sr. Cura, Ramona e Fuco pol-a esquerda)
Madanela - ¡Pro ise can é unha fiera!
Maruxa - (Que xa se acercou ô pouco de chegare Ramona) Non ll'hai can como él. Nin tan forte, nin tan leyal, qu'eisí lle chaman. É imposibre deixalo ceibe e ten qu'estare decote preso c'unha forte cadeia de ferro.
Euxenio - Pro, ¿pra qué quêr Andrés un can eisí?
Maruxa - A señorita Lela o quêr moito e xoga con él como ún sarillo.
Madanela - ¡Hai que matare ese can, que dalo, que facere d'il calquer cousa! A outra tarde tamén deume á min un bó susto.
Maruxa - No-no pense, señora. Leliña non se desfaría d'il por nada do mundo. Salvouna unha vez, cando mais pequena. Fora a señorita â veira do rio, resbalou e caeu. O Leyal sacouna da-y-auga e agarimosamente, arrastrándoa con moito cuidado, tróuxoa pra casa. O señorito Andrés tamén ó quêr moito, porqu'é com'un recordo da difunta... O can é fillo d'unha cadela da señora.
Madanela - ¡Pois é bon recordo!
Maruxa - Ainda non sabe vosté ó que val o can. O ano pasado, pol-a invernía, fixo un tempo de mil diaños. Foi un inverno mui frío, de moitas neveiras, e os lobos, ouveando feramente, baixaron ao val. Andaban os labregos cheos de medo. Unha noite mataban os lobos unha egua; outra desfacían unha vaca. Na víspera do Nadal devoraron a unha probe velliña qu'andaba a pedire pol-os camiños. Os labregos déronlles unha batida e pediron o noso can. ¡E había que velo! Coas orellas tesas, o fociño cheo d'escuma branca, ouveando mais forte qu'os lobos, cando pillaba un era cousa de cosere e cantare. O lobo desaparecía entr'as patas e os dentes de Leyal. Non houbo lobo qu'o aguantase tan xiquer un momento. O can parecía un lóstrego caendo sobr'eles e desfacíaos como si foran probes lebres. ¡Non hai fera pra il! E somentes, si está ceibe, podeno suxetare a señorita e o señor... e mais eu. Non conece á ninguén mais. Si de noite o ceibaran ¡desgraciadiño do que pasare ô seu rente!
Madanela - ¡Qu'animal, meu Dios! Vaya, vaya vosté tamén, por si a percisa o señor.
Maruxa - Vou, mi ama. Y-eso qu'a cousa non lle valdrá nada. Os rapaces sonlle de coiro do demo e por forte que fose a dentada ha curare en menos d'unha semán. C'un pouco de nata de leite enriba...
Euxenio - ¡Tamén sabe voste meiciña?
Maruxa - ¡Non se bulre, señor...! Pro non todo o que se sabe... sábese ben. Y-eu m'entendo. Vou, mi ama. (Vaise pol-a esquerda)
Madanela - (A Euxenio) ¡Ouh! ¡Estou nerviosa! ¡Eres un imprudente!
Euxenio - ¿Por qué?
Madanela - ¿A qué esa tua manía de facere caso á Lela? ¡Pretendere que nos tratemos de tí pra que nos descubran, pra que unha verba imprudente tua bote todo â perdere!
Euxenio - Pasaría ó contrario, Madanela. Eisí é como podemos nos descubrire. Eisí, pra min, esta comedia é un inferno.
Madanela - ¿Comedia? ¿E quen é o autore d'ela? ¿Quén me fixo casare co iste home, contra a miña vountade? ¡Ai, Euxenio; este sacrificio é mui grande pr'as miñas forzas! Eu non podo cos agarimos d'il, coa sua presencia. E ademáis ¡dame pena engañalo, porque é bon! ¡É un crime o qu'estamos facendo!
Euxenio - ¡Cómo m'alegro de t'ouvire falar eisí! ¡É que me queres ainda; que me sigues querendo!
Madanela - ¡Con toda a miña-y-alma e a miña vida! ¡Con todo o meu sangue e o meu amore! Pro me non sometas á ista tortura, á iste inferno. Eu quero fuxir contigo, irme contigo ô cabo do mundo: ispida, tola, probe, maldita... pero contigo.
Euxenio - Non pode ser, Madanela. Xa sabes que non pode ser. Cando eu soupen qu'Andrés namorárase de tí, fíxenme o seu amigo. Tí sabes qu'a miña fertuna estaba desfeita, qu'a deshonra viña sobre de mín senon podía pagare... ¡E non podía! Este home é rico... eu sabía que por meu amore tí eras capás de todo, do maor sacrificio. Ti sabías qu'era, non somentes a deshonra, qu'era, cicais, pra mín, o presidio, ó que se viña enriba... E pasei por todo. Quixen que quixeras á iste home, que finxeras querelo; que casaras con él. Pol-o de pronto, co que tí me mandache, enantes de vir eiquí, puden salvare os peores compromisos. ¡E falas da tua mágoa! ¿E a miña? Por mín, pol-a miña vountade, sei qu'os teus beizos bican a outros beizos que non son os meus; qu'o recendo da tua carne é lus pra carne d'outro home. Que namentras eu paso noites d'insonio, retorcéndome com'un doente, outro home, contigo â veira, pasa noites d'amore infinito... (Anoitece)
Madanela - ¡Pois contigo, Euxenio, contigo...! Eu roubarei a ese home. Eu lle collerei todo ó que tí queiras. Enchereite os petos d'ouro e os ollos de lus. Fareite felis, ceibe xa dos teus compromisos, co meu amoriño. Quero que tí m'acobixes nas noites sereas. Bicarei os teus pés, como a miña santa Madanela facía con Xesús. Rirei con risa nova pra que ti soñes delicias na miña risa. Eu non sei que guirnaldas farán os meus brazos pra acalentare o teu corpiño. Eu non sei que meles che darei nos meus beizos pra que tí bebas n'iles todal-as dozuras. ¡Eu non sei o que sabrei pra que tí durmas n'un encantamento eterno, arrolado como un meniño pol-as miñas cantigas! Serei a tua amiga, a tua irmanciña, a tua nai. Acollereite no meu colo, cando as mágoas da vida te poñan tristeiro. Y-hei de rebulire, de choutare, de cantare tantas ledicias qu'a vida será pra tí un paradiso. ¡Contigo, Euxenio, soliños os dous; onde tí queiras, onde tí me mandes...!
Euxenio - Si, si; tés razón. ¡Toléasme, Madanela! ¡Sufro com'un condanado! Eu non tiña medo da deshonra, senon porqu'a deshonra podía apartarme de tí. A mín non m'importaba o presidio, nin lle tiña medo. Pero era qu'o presidio siñificaba a separación, o te non vere, o non sentirme à tua veira, o te non respirare como te respiro; o non sentir a tua voz alentadora, esa tua armoñía enmeigada, que m'enmeiga o corazón. ¡Si, si, quero que fuxamos!
Madanela - ¡Miren, miren como se pon o meu coitado! ¡Miña-y-alma! ¡Teño un desexo d'estare contigo á soilas! ¡Fai xa tanto tempo que non gozamos da soedá! ¡A soilas contigo, Euxenio, xuntiños, mui xuntiños, é d'unha dozura nova que m'agaruxa mainamente! É como si o mundo - ¡mira tí que o mundo é grande! - estivera nas nosas maus, entre os teus ollos e os meus ollos. E de beizos á beizos ¡o mundo enteiro! ¡De maus a maus, todo o mundo, tan grande! Dos teus ollos áos meus, tan cerquiña os uns dos outros, o infinito d'unhas verbas sin sonido, que din cousas alentadoras. Do teu corpo ô meu corpo, xuntiños, ben xuntos, un fío invisibre de lus, que parece que chega hastra o confin do mundo, e que Dios tirá d'el, pra nos atare con lus de sol e lus de luar branquiño.
Euxenio - Son de luar os teus ollos, Madanela. A lus de lume que m'enmeiga. O mundo en tí, en tí soliña, e todo o meu mundo ma tua-y-alma. Pois ¡esta noite! É preciso qu'esta noite mesmo...
Madanela - ¿Fuxir? ¿Oxe?
Euxenio - Non, fuxir, non. Eso, despois; mañán, outro día.. Pro esta noite quero que nos vexamos, qu'estemos soilos, que busquel-o xeito de nos vere...
Madanela - Euxenio... ten calma, por Dios; non t'apures. Todo se pode perder. Mañán... Outro día. Xa veremos. O mellor é fuxir pra sempre...
Euxenio - Non, non; non pode sere. É mui esposto.
Madanela - ¿Tés medo? ¿Sínteste cobarde?
Euxenio - Si, teño medo. Ese home ten dreitos sobre tí; pódete reclamare, perseguirte... Eu teño qu'arreglare os meus asuntos: que son tamén, que poden sere un oustáculo invencibre pra nosa felicidade! ¡Pode sere que te perda pra sempre por este medo de perderte! Xa ves: eu, sempre tan violento, tan voluntarioso, teño que têr calma, cando ardo en fogo; teño qu'estare tranquío, cando me consumo...
Madanela - ¡Meu Euxenio! Pois cala. Todo s'arreglará. Xa verás como a vida é boa pra nosoutros... E xa pensarei. ¡Ti non sabes ainda do qu'eu son capás por ti! Xa veremos si mañán... Eu tamén quero estare á soilas contigo... Pro entre toda esta xente, entre tantos ollos vixilantes: o meu marido, a miña fillastra, esos criados idiotas...
Euxenio - ¿Onde cai a tua habitación?
Madanela - No estrado. Pero o estrado, dimpois de qu'eu me deito, ó pechan con chave.
Euxenio - ¿Y-esa chave?
Madanela - Eu a buscarei. (Lela ven pol-a esquerda e queda parada) Ten calma, Euxenio. ¡Non t'apures! ¡Confía en min!
Euxenio - En ti confío.
Lela - ¡Mui ben! ¡Mui ben! Xa se tratan de ti. Xa verá o meu pai com'a pequerrecha da casa é obedecida por todos e tén a sua infruencia. Eiquí ven. ¡Papai!
Andrés - (Que ven pol-a esquerda) ¿Qu'é Leliña?
Lela - Unha noticia, unha boa noticia qu'é unha verdadeira sorpresa.
Andrés - ¿Unha sorpresa?
Lela - Si. Pra que vexas qu'a min faime caso todo o mundo. Madanela y-Euxenio trátanse xa de ti.
Andrés - ¿É certo?
Lela - E tan certo. Acabo d'ouvilos.
Andrés - Home, pois alégrame ben. (Fuco, Maruxa e Ramona veñen pol-a esquerda)
Fuco - Xa quedou o rapaz na sua casa, D. Andrés.
Maruxa - Non lle ten mal nengún, señor. C'un pouco de grasa, pasarálle.
Andrés - Bueno, bueno. Ti, Fuco, abre a verxa e qu'entre a xente cando queira. Vosoutras, Maruxa e Ramona, ire alcendendo os farós, axiña. E têr cuidado con non prantare lume a ningún.
Ramona - Está ben; si, señor. (Van car'a casa e alcenden os farós)
Lela - Eu vou con Fuco (Ceremoniosa) ¡Quero facere os honores da casa ôs paisanos, que tamén son de Dios, meu pai. Primeiro vou ao pozo e axiña veño. (Vaise pol-a direita)
Andrés - Está ben. (Vai cara a casa) ¡Madanela!
Madanela - (¡Cuidado, Euxenio!) ¡Andrés!
Andrés - ¿Non queres ver entrare á os aldeáns?
Madanela - Si, quero. ¿Vosté non ven, Euxenio?
Euxenio - Como vosté mande, señora.
Madanela - Pois faga o favore de m'acompañare (Vanse Madanela y-Euxenio pol-a esquerda)
Andrés - Pro... ¿non decía Leliña...? ¡Lela!
Lela - (Vindo pol-a direita) ¡Ai, tiña unha sede qu'estoupaba!
Andrés - ¿Non decías qu'Euxenio e mais Madanela...?
Lela - Si, si; que trátanse de ti. ¿Porqu'o mandei eu! ¡Ehí ven a gaita! (Síntese a gaita e marmullos de xente) ¡Voume...! (Vaise, choutando, pol-a esquerda)
Andrés - Escoita, Leliña... Pro, ¿qué farsa é esta? ¿Qué...? ¡Ouh, non; imposibre...! ¡Eu estou tolo! ¡Qué pensamento mais estúpido!

Entran, pol-a esquerda, todol-os personaxes, homes, e mulleres d'aldeia, gaiteiros, rapazas cantando e tocando as conchas. Os farós xa están acesos
Cai o pano pouco a pouco

 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega