Donosiña, drama en tres autos

Páxina Anterior

Segundo acto.

Páxina Seguinte

m2xquintanilladonosiña002.html

AUTO SEGUNDO

Comedore do pazo. Ô fondo tres fenestras corridas hastra o chan. A través d'elas vese unha balconada de pedra, y-ô val, escaleiras e as montañas. Portas lareraes. É pol-a mañán.

Fuco - Déixese de trécolas, señorita, e fágame a conta.
Lela - (Sentada) Pero, ¿por qué queres irte?
Fuco - Porque sí... e mais por outra cousa.
Lela - ¿Qu'outra cousa?
Fuco - Pois porque si, tamén.
Lela - Esa non é razón. Tesme que decire porque te queres marchare do pazo. ¿Non estás contento?
Fuco - Estou, señorita...
Lela - ¿E logo? ¿Che parece pouca soldada?
Fuco - Non, señorita, eso... non.
Lela - Pois ti dirás. Estás ben e ben pagado. ¿Qué queres, destonces?
Fuco - É que non m'afago ô xenio do señor, de D. Andrés. ¡Non s'enfade, señorita, que vosté tivo a culpa, facéndome falare! Cando veu o señor daba gusto. Era mesmamente un compañeiro pra todos. Pro dendes de fai tempo eu non sei que demo de mosca lle picou. É outro home. Todo está mal feito pra él. Rifa conmigo e con Maruxa. A Ramona a tolea cos seus berros. Non hai traballo que non teña defeutos. ¡E hastra con vosté, señorita - ¡con vosté! - non é o mesmo de antes!
Lela - Si, eso é certo. Pro non fagas caso. O meu pai é bon, mui bon. Esto pasarálle, xa verás como lle pasará.
Fuco - Pro é, señorita, que me fixo unha cousa...
Lela - E ¿qué che fixo?
Fuco - Estaba eu onte, pol-a mañán, dándolle brillo ôs metás. Chegou él e, sin culpa miña, tropezou co cacharro da limpeza. E chamoume... chamoume unha cousa que non lle paso, señorita, que non lle paso...
Lela - ¿Foi tan grave, Fuco?
Fuco - Foi, señorita. Hai cousas que un home - ¡eu lle son un home! - non pode ademitire. Bueno que me chamou besta, señorita, porque ¡eu lle son unha besta! Pase que me chame animal, porque, créame, señorita, qu'eu as veces ¡lle son un animal! ¡Si, llo son, señorita, créamo; pro ó que seu pai me chamou, ten moito que lle digan!
Lela - Pro... ¿qué foi?
Fuco - Tropezou co cacharro e por pouco da cos fociños no chan. E chamoume... ¡mire que non m'atrevo, señorita; que se me crava na gorxa! Chamoume... ¡paxaro! - ¡Este paxaro! - dixo. ¡Y-eso, non, ¡señorita!, que nin canto nin teño aâs nin quero gayola!
Lela - Bueno, bueno. Eu tamén voume á incomodare contigo. Eso non val a pena.
Fuco - Señorita... ¡Que si a vosté lle chamaran paxara...!
Lela - ¿Non é paxaro o roiseñol? ¿E paréceche mal que t'acomparen o roiseñol? Vaite, vaite á facere a tua obriga... e non seias tan súpeto.
Fuco - Si me chamaran roiseñol, non, pero... paxaro...
Lela - Xa está dito. ¿Non m'obedeces? ¿T'astreves contra min?
Fuco - Non, señorita; si vosté mo manda...
Andrés - (Pol-a direita) Eso, eso: está ben. Eisí está d'organizada a casa. Os criados de parrafeo cos señoritos. A señorita da casa dándolles aâs pra que fagan ó que queiran; pra que non fagan, millor dito.
Lela -¡Papai!¡Non seias eisí! ¿Qué tés? ¿Qué che pasa?
Andrés - Nada, nada. ¡Déixame en pas! (A Fuco) E ti, ¿qué fas ahí, pasmando? ¿Qué queres? Xa estás liscando.
Fuco - (De mui mal xenio) Si, si, paxaro, paxaro... (Vaise pol-a esquerda)
Andrés - ¿Qué vai rosmando ese imbécil?
Lela - ¡Meu pai! ¡Ti eres outro! ¿Quén che cambeou? ¿Por qué te fixeche eisí, de pronto; ti, qu'eras tan boiño?
Andrés - ¿E no-no sabes; no-no sabes? ¿Queres ti tamén sere un persoaxe mais da comedia, d'esta farsa estúpida? ¿Ti crês qu'eu non vexo, que non oyo, que son un imbécil?
Lela - ¿Por qué me dis todas estas cousas? ¿Qué farsa é esa de que ti falas? ¿Qué é ó que ves e ó que oyes?
Andrés - Ver non vexo e ouvire non oyo. Pro quixera ver e ouvir. ¡Ver tan craro que mesmamente quedase cego; ouvir tan forte que quedase xordo! ¿No-nos viche?
Lela - ¿A quén? ¡Cálmate, por Dios!
Andrés - ¿A quén ha ser? ¡A eles! ¡Sempre xuntos; sempre xuntos! ¡Bulrándose de min, diante da mesma miña cara; na mesma miña casa! ¡E que cego estaba eu! Mais xa encomenza á ver o día que vexa craro...!
Lela - Pósme medo, papai! ¡Teño medo!
Andrés - ¡Y-eu tamén! Teño medo de sabere a verdade, toda a verdade, e medo de non sabela. ¡Medo de qu'a mentira seia verdade e de qu'a verdade seia mentira! Y-eu quixera, á un mesmo tempo, qu'o que temo verdade non-a fose e qu'o qu'é, reialmente, mentira... fose verdade, ¡a única verdade da miña vida!
Lela - Non ch'entendo, papai.
Andrés - Non; non m'entendes nin eu tampouco m'entendo. Sei ó que non sei... e non sabéndoo ¡ó sei tan craramente com'a lus do día! ¡Tiñas qu'estare chea d'esta sede que m'abrasa pra m'entendere! Vivo nas brétemas mais fondas. Non sei con quen vivo, nin quen me quêr, nin quen m'engaña. Escóitame, Lela, escóitame. N'esta casa... n'esta casa hai un ladrón.
Lela - ¡Xesús!
Andrés - Si. Escóitame. ¡Pol-o menos un ladrón! Ainda non podo decire si me rouban mais do qu'eu sei ¡e algo que val por todol-as cousas xuntas! Escóitame. Fáltanme alhaxas: as millores. Sortixas, alfileres de corbata: un fermoso collar... ¿non te lembras d'aquela sortixa qu'asomellaba unha calaveira, c'un solitario en cada ollo?
Lela - Si, lémbrome ben...
Andrés - É o derradeiro roubo que me fixeron. Fai unhos días que noto a falta das alhaxas. Oxe, unha; mañán, outra. Y-as escollen, escollen as millores. Vese qu'o ladrón é unha persoa intelixente, que se da conta do mérito das cousas que rouba. O pequeno, o insiñificante ó despreza ¡xa sabe que pouco pode valer!
Lela - Pro eso ¡é horribel, papai! ¿Ti non sabes? ¿Non sospeitas?
Andrés - ¡Y-eu que vou sabere! ¡Qué vou sospeitare!¡E, ademais que non quixera sospeitare! ¡Porqu'eu perciso crêre que vivo entre xentes honradas! Eu non podo sospeitare de ti, da miña muller, do meu mais íntemo amigo, dos meus feles criados. O úneco que non conezo á fondo é Fuco. E Fuco é un home ordinario, baixo, sin intelixencia capás pra distinguire qu'alhaxas son as mellores.
Lela - Pro ¿estás seguro, papai? ¿Non-as tendrás n'outro sitio?
Andrés - Non, non, estou seguro. A chave da caixa a teño eu soilo. Onte recontei as alhaxas. A cada unha señaleille un sitio. Oxe, pol-a mañán cedo, abrín a caixa. ¡Deseiaba con toda a miña-y-alma que non faltara cousa algunha! E a sortixa da calaveira non estaba no seu sitio. ¡Non estaba, tampouco, na caixa! E as demais alhaxas atopábanse revoltas; non onde eu as deixara. Vese qu'estiveron escollendo con cuidado.
Lela - ¡Non me colle na testa, papai! ¡Eso é imposibre, imposibre!
Andrés - ¡Eso decía eu! Mais... xa ves: os feitos non engañan. A realidade é tan forte, tan crara, que non hai dúbida algunha. ¡Eu tamén quixera que fose imposibre! Porqu'eu sospeito; teño a certidume, millor dito.
Lela - ¿E de quén, de quén sospeitas? ¿Non decías enantes que non sospeitabas?
Andrés - ¡Non, non sospeito: ó vexo craro! ¡Pr'ó vexo crariño eiquí drento (na testa) e denantes qu'o nome saya dos meus beizos, queimaría os beizos e arrincaríame a lingua!
Lela - Mira, papai, qu'é mui malo sospeitare. Que podes sere inxusto. ¿Qué serías ti, tamén, un criminal, si sospeitas d'algun inocente! Mira, papai, qu'eso é mui grave; que xente da casa non pode sere...
Andrés - ¿Ti crês...?
Lela - Pro ¿é que ti dudas da xente da casa? ¡Ti estás tolo! ¡Ti non sabes o que dis! ¡Ai, qué cabeciña, qué cabeciña tola! Volve en ti. Seréate ¿E que son eu unha ladrona? ¿E que poden sere Madanela, Euxenio, os criados? ¡Qué home, Dios mio, qué home!
Andrés - ¡Si veras que ben me fás! ¡Si veras que ledicia morna m'entra pol-a-y-alma! ¡Eu quixera te crêre, neniña!
Lela - ¿Cómo que me quixeras crêre? ¿E que non crês? ¡Ouh; eso no-no consinto! Eu poño a mau no lume por todos, por todos. ¿Estás tolo? Avergóñate dos teus mouros pensamentos, qu'ainda non sei como aniñan en ti. Eso é ruindade d'esprito, papai; eso disgústame moito. ¡Eso é... ser malo! N'este fogare todo é limpo, limpiño e craro. ¡E a úneca mancha é esa vergoñenta dúbida túa, que non tén perdón de Dios!
Andrés - Si, é certo; non merezo perdón de Dios. Pro é que teño unha espiña cravada, com'un ferro afiado, no corazón. Ti lémbraste da noite do Apostol. Ti oiche, pouco denantes que chegaran os paisanos, que Madanela y-Euxenio tratábanse de ti. Pois xa ves: diante de nos, trátanse de vosté.
Lela - ¿Y-eso chámache a atención? Xa sabes qu'eu trato a Madanela de vosté algunhas veces e outras de ti. Namentras un non se afai... E ademais ¿todo eso que tén que vere co roubo e os ladróns? ¿E que queres culpare á Madanela y-Euxenio? ¡Vamos, si a cousa é pra se reire! ¿Non é casi un pecado, papai, qu'a tua hospitalidade, decote xenerosa, a pagues -a cobres, millor dito - c'unha sospeita ausurda?
Andrés - ¡Leliña! ¡Eres un anxe! ¡Eres mui boa! Eu non sei que demo m'atenta e m'ispira istes mouros pensamentos.
Madanela - (Pol-a direita) ¿Estorbo? ¿Podo pasare?
Lela - Ti -xa ves como atrévome á te tratare de ti- non estorbas endexamais.
Madanela - E que coidaba que estábades cospirando.
Andrés - ¿Cospirando?
Madanela - Si. Xa sei que namentras estades xuntos pai e filla... cospirades. Sei que pensades decote en min, na miña felicidade, que vos preocupades do que mais me gustará, das cousas que mais m'agraden...
Andrés - Ese é o noso deber.
Madanela - ¿Deber? ¿E quén fala de deberes? ¿Non che parece, Leliña, qu'ainda sendo deber eu teño qu'agradecelo. O teu pai é ríxido e da poesía quere facere unha obriga.
Lela - Tés razón. Pro é que n'il a poesía é natural e cicais o natural nos pareza obriga forzada.... ¿Digo ben?
Madanela - ¡Estou tan leda! ¡Síntome com'unha nena con zapatiños novos! Este tempo tan fermosiño, estos campos tan sûrrientes, o voso agarimo; todo faime sentire a miña ánema envolveita en dozuras insospeitadas!... ¡Ouh, qué craridade morna sinto entre vosoutros!
Andrés - ¿Estás leda, nena? (Dominado pol-as verbas d'ela)
Madanela - ¡Endexamais sentínme tan felís! A ti cho debo, Andrés, qu'eres na miña vida, unha mau mol e branca que m'agorenta agarimosa.
Andrés - ¿Son eso... reialmente, pra ti?
Madanela - ¿E por qué pergunta o señor? Qué raros sodel-os homes. Si non sodes nada na vida d'unha muller que queredes, pedides un anaquiño: unha soila verba d'espranza vos basta... Si ó tedes todo, e sodes todo na nosa vida, todo vos parece pouco e pedides mais...
Andrés - É que a nosa sede é infinita.
Lela - (Ô ver qu'estorba) Papai... Voume. Voume vel-o xardín...
Madanela - Non, non te vayas. Quero castigare ô teu pai. Si nos deixaras soilos, tiña que lle regalare o ouvido con novas armoñías... Eu cantaría com'un roiseñol e o teu pai coidaría qu'era un cativo paspallás...
Andrés - ¡Madanela! (Madanela colle unha silla e sent entre os dous)
Madanela - Non desbotes de min esta bela ledicia que sinto. O esprito vosos, o dos homes, é cicateiro e cativo. Vivides en traxedia. ¡Y-eu quero vivire en eterna canzón! ¡Un pouco de verbas de mal humor voso! ¡Pois contra d'elas un pouco de risa franca! ¡Un apreixamento forte das vosas maus, cando apreixades âs nosas? ¡Pois unha caricia das nosas âs vosas, qu'asomelle suavidade, moleza de sedas moles! Si nosoutras sentimos a doce poesía do campo, o voso esprito prosaico dí axiña qu'é mentira a poesía.
Andrés - ¿Mentira?
Madanela - Si, Andrés. Eu lémbrome do serán d'antonte. Fóramos ô campo. Nos atopábamos na fraga da tua finca. Deitámonos no chan. En col de nos xemian as ponlas dos pinos, que tecían coa bris unha maina romanza. Os barudos carballos, preto do río, asomellaban un exército de fortes guerreiros. As augas do ría xemían a sua cazón monótona, qu'asomella o reló da eternidade ¡tan sempre igual y-eterno é o seu canto! ¡Y-eu setíame tan ben, tan cheia a miña-y-alma de dozura! Cho dixen. E ti - ¡home â fin e ô fallo! - dixécheme qu'era a tranquilidade do corpo, o seu descanso mol, quén falaba en min. Ves - falabas - non sintes calore. T'atopas ben, deitada no céspede. O marmurio do río invita ô sono. E por eso falas de poesía. Pro non hai mais que sensacións materiaes aiquí: tranquilidade do corpo, priguiza - ¡Leliña! ¡Temos que facere tolerias á cotio! ¡Síntome nena como ti e quero facere neno ô teu pai! ¡Diañadas qu'a él lle parezan tolerías; tolerias que nos parezan azos de nova vida!
Lela - ¡Si, si; Madanela! ¡Temos que sere nos, reialmente, as donas da casa! ¡Eu rebélome contra a seriedade! ¡Si veras cantas veces ten rifado conmigo o meu pai, por mor da miña ledicia! Non quêr que me bañe ispida, que corra com'unha toliña pol-o monte, qu'ande os arrolos. Sei d'unha pena, no mais outo do monte, â que non poden rubire os aldeáns. Eu, a forza de lle dare voltas e revoltas, atopei un xeito de chegare hastra o seu curuto. Iremos ti e mais eu. Estaremos n'ela como n'un trono reial e, ôs nosos pés, os homes da casa, como vasallos nosos. ¡Nos, as raíñas do monte, co ceo azul por riba de nosco e os homes serios ôs nosos pés! Papai collerá froles dos campos e fará co elas un ramiño, para darllo â sua raíña. Euxenio, deitado de pachena, baixo o noso trono de fadas, ollará pra o ceo e nos... veremos o ceo nos seus ollos. ¿Non queres, papai?
Andrés - Si, si; quero ó que vosoutras querades.
Madanela - ¡Xa verás, Andrés! Levamos unha vida fosca, temos todo eso por noso! (Amostrando a campía) Cada recuncho dos campos benditos pode sere unha ledicia insospeitada. Eiquí ven Euxenio, que pensará como nosoutras.
Euxenio - (Pol-a esquerda) Bós días nos dea Dios.
Andrés - Mui bós días.
Lela - Temos pendente unha aposta, Euxenio.
Euxenio - Non lembro...
Madanela - Si, home, si. Lela desafiouno pra ver quen rubía ô arbre mais outo.
Euxenio - Ah, si: é certo. Non lembraba.
Lela - Pois eu lembreime tod'a noite. ¡Teño a seguranza de vencer!
Andrés - Non están ben ises xogos. Podedes caere, pode ocurrire unha desgracia...
Lela - ¿O ves, Madanela? Non teñas medo. Por min respondo, qu'estou afeita. (A Euxenio) Xa me conecen os paxaros e os niños. As ponlas mais pequenas dos arbres téñenme por amiga íntema. Unha folliña basta pra os meus pés. (Andrés e Madanela falan aparte)
Euxenio - Por pequena que seia a folla sempre será grande pra ises peíños...
Lela - Vosté paréceme un xentil príncipe de conto de fadas. Sempre cortés, agarimoso... ¡Éncheme de froles!
Euxenio - As miñas froles son rosas murchas â veira do voso xardín, vivente e aceso.
Lela - Vouvos crêre todo...
Euxenio - Eso quixera eu. Qu'as miñas verbas fosen, pra vosté, o credo. "Creo n' Euxenio, todopoderoso, creadore do meu ceo azul e da miña terra d'ensono..."
Madanela - (Celosa) ¡Euxenio! ¡Por qué non imos ô xardín? Iremos todos. Andrés e mais eu seremos o xurado calificadore...
Lela - Por min, agora mesmo. Mais temo qu'Euxenio non quera. En custios de se decidire, somos mais valentes as mulleres.
Euxenio - Eu me dou, sin outra cousa, xa por vencido. Renunzo, e non xenerosamente, â proba. Son humilde. E como sei qu'endexamais sería capás das vosas proezas, non quero nin intentar imitarvos.
Madanela - ¡Imos ô xardín! Unha das galiñas do quinteiro ten poliños novos. Quero vela. Quero vere como piniscan os pitos por entre a herba e como a nai failles meirsas, cacarexando agarimosa. ¡Non hai arrelos com'os d'unha nai!
Maruxa - (Pol-a esquerda) Meu amo. Un señor pregunta por vosté.
Andrés - ¿Por min? ¿E quén é?
Maruxa - No-no sei, señor. D'estas terras, qu'eu seipa, non debe sere.
Andrés - Bueno, bueno. Pois dille que pase. Eiquí ó agardo. (Vaise Maruxa pol-a esquerda)
Madanela - ¿Imonos?
Lela - Imos. ¿Vosté non ven, Euxenio?
Euxenio - Vou. ¿E non hei ire? Galiñas, pitos, o xardín... e vosté - en col de todo, vosté - é un programa atractivo. (Lela vai cara â porta da direita)
Madanela - (A Euxenio) (¡Non quero que t'espriques tanto con Lela!)
Euxenio - (Ti mandácheme; pra que non sospeitaran)
Madanela - (Esta noite tendrei a chave do estrado. Verémonos)
Euxenio - (Está ben.)
Lela - ¿Vides ou non vides? (Vanse pol-a dreita Madanela, Lela y-Euxenio)
Madanela - Si, imos.
Maruxa - (Pol-a esquerda con Rosendo) Pase, señor. (Vaise)
Rosendo - ¿O señor D. Andrés de Ponteleira?
Andrés - Servidore de vosté.
Rosendo - Tanto gusto, señor. Quería de vosté que me fixera un favore, o de me decire unha cousa que m'intresa fondamente.
Andrés - Estou â vosa disposición. Vosté dirá que deseia de min.
Rosendo - ¿Vive eiquí, n'esta casa, D. Euxenio Lavandeira?
Andrés - Si, señor; vive.
Rosendo - Moitas gracias, señor. Son un... amigo d'il, un íntemo amigo. Asuntos urxentes, ...de negocios, movéronme á tomare o tren e presentarme eiquí, pois ainda que non sabía fixamente si atoparía á Euxenio, como vosté é tan amigo seu, daríame noticias, pol-o menos...
Andrés - Si, pois eiquí vive. Atópase pasando unha temporada con nosco. ¿Vosté quere velo?
Rosendo - Si, señor; eso é o qu'eu quero.
Andrés - Pois axiña, señor. (Chamando) ¡Maruxa! ¿Quere vosté velo no xardín? Alí estará. ¡Maruxa!
Rosendo - Non, señor; prefiro vel-o eiquí. Temos que falare un anaco.
Maruxa - (Pol-a esquerda) ¿Chamaba, señor?
Andrés - Si. Anda, vai ô xardín e dille ao señorito Euxenio que veña, qu'o agarda eiquí un amigo.
Maruxa - Vou axiña. (Vaise pol-a dreita)
Rosendo - Moitas gracias, señor.
Andrés - De nada. O favore non ten mérito algún.
Rosendo - Eu agradezo moito a sua amabilidade.
Andrés - Pode vosté, si quêr, aguardare á Euxenio. Eu supoño que vostedes terán que falare moito, con calma, e non quero lles estorbar. Xa sabe vosté que tomou posesión da sua casa e basta que seia vosté amigo d'Euxenio... Xa sabe: Andrés de Ponteleira...
Rosendo - Repito as gracias, señor. Rosendo Cereixo â vosa disposición.
Andrés - Pois tanto gusto, D. Rosendo.
Rosendo - Páseo ben, señor. (Vaise Andrés pol-a esquerda.Rosendo olla con curiosidade a habitación. Pasa un anaquiño de tempo. Euxenio ven pol-a direita)
Euxenio - ¿Quén...? (Ademirado e medoso) ¡Ti! ¡Ti eiquí!
Rosendo - Si, eu. ¿Non me ves?
Euxenio - ¿Qué me queres? ¿Qué buscas?
Rosendo - ¡Non seias tan súpeto, hom! Eu véñoche con moita calma. Xa ó ves: voume á sentare. (Séntase)
Euxenio -¡Fala... fala! Acaba d'unha ves. ¡Dime todo axiña; voando!
Rosendo - Estás mui cambeado de xenio. Ouserva qu'eres outro e non sayo da miña ademiración.
Euxenio - ¿Pro qué te propós? ¿Qué me queres?
Rosendo - Diante de todo darme o gusto de te chamare canalla...
Euxenio - ¡Rosendo!
Rosendo - Aconséllote que te sentes. Esto ainda non é o prólogo.
Euxenio - ¡Mira que xa me coneces! Qu'eu non estou disposto á soportare as tuas inxurias...!
Rosendo - Ti estás disposto á todo, porque che teño nas miñas maus. ¡Craro que te conezo! Pois pol-o mesmo: repito qu'eres un canalla.
Euxenio - Bueno, si: ó son. ¿Tesme algo mais que decire?
Rosendo - Non é por ahí. ¡Non basta falare e decire! Eu xa sei que unha inxuria mais ou menos non che importa. Trátase de facere. ¡E veño á facere!
Euxenio - ¿A facere? ¿E que vas ti facere?
Rosendo - O señor D. Euxenio Lavandeira, abogado según il di, e bon vivant según din as xentes y-eu sei...
Euxenio - ¿Vas facel-a miña historia?
Rosendo - Xa che dixen qu'o tomaras con calma. Farei e direi ó qu'eu queira. ¡Eiquí son eu o amo!
Euxenio - ¡Rosendo! Mira que me perdes, que xa sabes do qu'eu son capás...
Rosendo - Si: xa sei qu'eres madeira d'asasino, dimpois de sere ladrón... Pro comigo non podes... As cousas que che comprometen non están no meu poder. E si drento d'unha houra non estou onde debo estare, un querido amigo meu entregará á un señor mui amabre, que se chama o Sr. Xuez... Xa vexo que te vas convencendo, é, pol-o tanto, prosigo... O señor D. Euxenio ten un verdadeiro don: o don de suxestionare âs xentes. Coas mulleres é un verdadeiro tenorio. El as engayola, as fascina, as volve tolas coas suas verbas mainas... Cos homes fai o mesmo... D'unha muller sinxela como Madanela, boa, candorosa e crariña, fixo unha muller ruin, cativa e bretemosa, disposta á todo pol-o amore do seu D. Xan. ¿N'é certo?
Euxenio - ¡Fala... fala...!
Rosendo - D'un home como eu, que non era nin bó nin malo. Pro que tampouco quixera ser malo, fixo un xoguete... Fixeche de min un amoral, unha cousa despreciabre. Por ti rifei cos meus pais, os roubei, seguinte nos teus mouros negocios... ¡Bueno; esas xa son cousas pasadas! Pro ti me roubache ó mellor qu'eu tiña: Madanela, qu'era a miña espranza, o meu amore mais forte. ¡Y-eu a queria tanto, tanto, que che perdono o que me roubaras o seu amore; pro eu non podo esquencere que da miña espranza de redenzón fixeche o desprezo mais ruín! Eu xa condenárame pra sempre, na miña concencia, e sabia que non tiña redenzón: pro coidaba qu'ela, ¡Tan pura com'a lus do sol!, poidera sere sempre a miña ilusión de pureza. ¡Qué che quixera á ti, con sere tan monstruoso, era pra min o de menos, si me deixabas ó de mais: qu'ela, sendo túa, seguise sendo pura e nobre, boa como era n'outros tempos: sinxela e ridosa e leda e agarimosa! ¡Asesinache a sua ánema! E d'unha frol branca e páleda, como lus de luar, fixeche unha allada de todo ó baixo e rastreiro qu'hai no mundo. ¡Xa sabes qu'eso non ch'o perdono!
Euxenio - ¡Nin solicito nin necesito o teu perdón!
Rosendo - D'iso xa falaremos. Ti coidarás que toda a miña sede de venganza, todo iste odio infinito que che teño, é cousa de celos. ¡Qué pouco sabes de min! Habías de têr podere pra volvela ôs meus brazos e daríasme un cadavre das miñas ilusións. Esa muller xa non é aquela. Mala como a fixeches, pol-o amore que che tén, ainda tiña unha vertú - ¡ela, qué perdera todal-as vertudes! - Era mala, por ti, mais era francamente, sinceiramente mala. Queríate d'un xeito osceno, estúpido y-escravo, pro non se recataba de teu amore. E agora a fixeche hipócrita. Do mais mouro da sua vida, qu'era o amore por tí, fixeche a sua úneca lus, e apagáchela. Oxe o seu lume xeme, e vacila e trema, condenado á tel-o oculto, do xeito mais vergoñoso.
Euxenio - Todo iso está ben prá un melodrama.
Rosendo - ¡Non seias cínico! ¡Eu non teño porque che decire da ferida sangrante da miña-y-alma! Pro si teño que che decire qu'hei de che cobrare ollo por ollo e dente por dente. Eu consentín, e puden evitalo, o engaño en que fixéchedes caere á Ponteleira: a iste bó home xeneroso, de quen te bulras na sua propia casa. ¡Pro non quixen! Quixen sabere hastra onde chegabas. Vin como te fixeche amigo d'iste home; como cô o teu xeito d'embruxare âs xentes, facíaste o seu amigo mais íntemo; como precurache leval-o â veira de Madanela, ¡cómo veuse tolo pol-o seu encantamento! ¡y-eso que non coñecía o seu supremo encantamento de pureza virxinal!; como Ponteleira, guiado por ti, facía unha vida bretemosa, no mundo galante, e como, pouco á pouco, Madanela ó foi embruxando, toleando, ouservando, extruxando. Madanela tiña o feitizo natural que d'ela xurdía e ti fixeche qu'enfeitizara con mentiras dos seus ollos á iste home honrado; ela tiña unha armoñia místeca na sua vos, e ti fixeche qu'a sua armoñía fose música endiañada pra endiañare á Ponteleira; dos seus beizos, feitos pra a verdade, fixeche veneno de cóbrega qu'emponzoñou á ise home...
Euxenio - ¿Pódese sabere hastra onde queres chegare? ¡Estoute soportando e ademírome de que non che teña desfeito nas miñas maus! ¡Escóitote e ainda non sei como che teño escoitado! ¡Véxote diante de min e paréceme que te non vexo! ¿Pódese sabere que queres de min? ¿Pódese sabere como chegache hastra eiquí?
Rosendo - De ti quero... quero torturarte, afrixirte, cuspirte, escravizarte. Cheguei hastra eiquí guiado por ela, por Madanela. Onde ela estivera tiñas qu'estar ti. ¡Non por qu'a queiras - ¡qué vas querer! - senon porqu'é carnaza de onde podes sacare moito millo!
Euxenio - Ben. Sei qu'estou nas tuas maus y-eso qu'iñoro que medios tés pra me dominare. Pois dime que xénero de supricio tesme guardado. Eu farei ó que queiras...
Rosendo - ¡Eres un hipócrita! Teño cartas túas á Madanela, e cartas d'ela pra ti. As xuntáchedes, denantes do casamento, y-eu... eu ¡as roubei! ¡Eran a miña venganza! Sei que con elas ti serás toda a vida - ¡y-eso que toda a tua vida non val nada! - o meu escravo... Pódesme matare un día, que xa sei que non t'amedoñenta un crime... pero tamén sei qu'eres cobarde e que teslle medo ô presidio... Vou á vivire á tua conta. Non m'importa iste auto de cinismo. Diante dos teus ollos terás decote o pantasma do grilete. E namentras eu, gozándome na miña vergonza, vivirei de ti, farei de ti todo ó mais despreciabre. Percisarás roubare, engañare á todo o mundo, pra satisfacere os meus caprichos. E terminarás sin qu'eu faga nada por elo, c'unha cadeia nos pés e unhas esposas nas maus. Porqu'eu perciso diñeiro e tesme que me dare diñeiro.
Euxenio - No-no teño. Fai ó que queiras, pro no-no teño.
Rosendo - Boh, Boh; bobadas tuas, neniño. Xa checonezo fai tempo.
Euxenio - Xúroche...
Rosendo - Ben, ben. ¿No-no tés? Pois doume por satisfeito. Voute crêre que no-no tés.
Euxenio - Non; no-no teño. ¿De onde eu iba quitalo?
Rosendo - Créocho, hom; créocho. Pro... si no-no tés... si no-no tés... ¡ó roubas! ¡É perciso qu'o roubes! O tempo vai correndo. Agárdanme. Si pasada unha houra dendes qu'eu deixei ô meu compañeiro, non levo cartos, xa sabes ó que sucederá.. Aguarda o Sr. Xuez...
Euxenio - Rosendo... ¡Pol-o que mais queras! Non teño un céntimo. Ti queres perderme. ¡Pol-a boa amistade que me tiveche!
Rosendo - (Co reló na mau) Pois? douche cinco minutos pra que busquel os cartos.
Euxenio - ¡Ouh! ¡Non salirás vivo d'eiquí!
Rosendo - Non m'importa. Véngome ó mesmo. Estou compretamente tranquío. E ademais ti non t'astreves... ¡Separarte ti de Madanela e d'ista vida regalada!
Euxenio - ¡Pois non teño diñeiro! ¡No-no teño! Agarda hastra mañán. Eu dareiche algo que valla diñeiro, moito diñeiro. Pro agarda hastra mañán.
Rosendo - (Ollando o reló) Xa vai pasado preto d'un menuto.
Euxenio - (Rexistrando os seus petos, axitadísimo) ¿Qué coidas ti que valerá este alfiler? (Dándollo)
Rosendo - (Colléndoo) Pouco. Tres ou catro mil reás. Non me basta.
Euxenio - ¿Y-este collar? (Dándollo)
Rosendo - (Colléndoo) ¿Este collar? Xa sabes que son perito. Unhos oito mil reás. Pro... non me basta.
Euxenio - ¿O collar?
Rosendo - Quero decire que non me bastan as duas cousas xuntas.
Euxenio - ¿Y-esta sortixa? (Dándolla)
Rosendo - (Colléndoa) ¡Boa alhaxa hom! É unha mañífica sortixa. Bonita calaveira. Os solitarios dos ollos non son malos.
Euxenio - ¿Gústache?
Rosendo - Valerá unhas dez mil pesetas. Poida que mais. É do pouco bon que teño visto. É non m'está mal no dedo. Un pouco grande... Pro... non me basta.
Euxenio - Pois non teño mais. (Encolle hombros e camiña por a escena) ¡Fai de min ó que queiras, pro non teño mais!
Rosendo - Fixete ben. Rexistra os petos.
Euxenio - Non, non; non teño mais. Vaite, vaite por Dios. Leva todo eso. Xa nos veremos. Xa che darei todo o que percises.
Rosendo - Ben, ben. Pro... ¡volverei, ¡eh!, si ti non me buscas!
Euxenio - Buscareite, hom, buscareite. ¡Cho xuro con toda a miña-y-alma!, ¡y-endexamais xurei con tanta verdade! ¡Xa cho creio que te buscarei... e nos atoparemos!
Rosendo - Boh; valentías tuas... Teste que desfogare e non tén nada de particular. Estás doente.
Euxenio - ¡Prégoche que te vayas, Rosendo! Vaite. ¡Xa nos veremos!
Rosendo - Sinto moito o haberche dado iste pequeno disgusto. Son contratempos, hom, que non se poden evitare. E non se ch'ocurra botarme por ladrón, ¡porqu'eu supoño que todo ó que me diches é roubado! Eu demostraría axiña quen era o ladrón verdadeiro, xa sabes ¡eh! Volverei.
Euxenio - Está ben. Agora... ¡déixame!
Rosendo - ¡Ah! ¿Non te esquenzas d'unha cousa?
Euxenio - ¿E de cal?
Rosendo - De me poñere ôs pés de Madanela. O divino non está reñido co humano e xa sabes que son ben educado. (Vaise pol-a esquerda)
Euxenio - (Desesperado) ¡Ouh! ¡Estou perdido! ¡É perciso qu'eu mate a iste home, qu'o desfaga, qu'o inutilice...!
Lela - (Pol-a dreita) ¡Querido Euxenio! ¡Xa se foi o seu amigo?
Euxenio - Si, xa se foi. Se foi agora mesmo.
Lela - ¿E por qué, sendo tan amigo seu, no-no invitou a se quedare con nosco oxe?
Euxenio - Pois mire, non caín. Ten razón. Pois... agora xa foi.
Lela - Parece qu'está vosté disgustado...
Euxenio - ¿Eu? Non, non é certo. ¡Endexamais atopeime tan ledo!
Lela - Pois eu xuraría... ¿Algún pequeno contratempo nos negocios?
Euxenio - Si, eso: un pequeno contratempo nos negocios. Pro, ¡non val nada!
Lela - ¡Alégrome moito! ¡Escomasí eu teño un verdadeiro intrés porque vosté seia felís!
Euxenio - ¿Vosté...? ¿Qué vosté tén intrés... por min? ¡Pois fai mal, mui mal!
Lela - ¿E por qué? Coido deber estimare ôs amigos. E vosté, ¡é tan bó amigo noso!
Euxenio - ¿Eu? ¡Eu xa non sei o que son! ¡Eu son unha besta, unha besta ferida e acorralada, chea de medo aos seus perseguidores!
Lela - Pro... ¿qué di este home...! ¡Canté! ¡Os malditos negocios! Pro, ¿é posibre qu'os negocios lle rouben á vostedes, os homes, toda serenidade?
Euxenio - ¿Qué dixen, que dixen eu...?
Lela - ¡Ai, qué gracioso, miña nai! Voume enfurruñare con vosté. ¿De modo qu'os negocios son primeiro qu'os amigos? Que veño eu, con verbas d'amistade xunto á vosté e vosté, en troques de atenderme, non sabe ó que di?
Euxenio - Perdóneme, Leliña. É que se trata d'un negocio mui importante, ¡quizáves do mais importante da miña vida!
Lela - Eso xa é serio; xa é cousa grave. Y-eu n'eso non podo nin quero nin sei meterme. Pro... ¡todo arreglaráse, Euxenio! ¡Non hai que desmayare...!
Euxenio - ¡Non, non hai que desmayare! ¡Y-eu nos desmayo nin desmayarei! ¡Loitarei con todal-as miñas forzas! Por moito que fagan non m'aquitarán, non me separarán d'ela...
Lela - ¡Euxenio! ¡Por Dios! ¿Qué di? ¿Quén é ela, por Dios...?
Euxenio - ¿Ela...? ¿Ela? ¡Ela é...! ¡É vosté, Leliña, voste!
Lela - (Con ledicia) ¡Euxenio! (Con dolore) ¡Euxenio! Pro... ¡Ai, miña naiciña que non sei ó que me pasa! ¡E quen quere separalo de min!
Euxenio - (Estupidamente) ¿De vosté? ¿De vosté? ¡Todos! ¡Eles! ¿Onde vai Madanela? ¿Onde está Madanela?
Lela - Non sei... ¿Madanela? ¡Non sei!
Euxenio - (Vendo vire á Madanela pol-a dreita. Con toda a-y-alma) ¡Madanela!
Madanela - ¡Qué pasa! ¿Qué tés? ¿Qué ten... vosté, Euxenio?
Euxenio - ¡Nada, nada! Xa falaremos. Perciso aire, lus; afógome eiquí. (Vaise correndo pol-a esquerda)
Madanela - Pro, qué ten Euxenio, Lela?
Lela - ¡Non sei, miña amiguiña! ¡Estou tan dorida! ¡Síntome tan dorida!
Madanela - ¿Dorida ti?
Lela - Si, Madanela... Non sei que misterio novo adonouse do meu corazón. Euxenio ¿sabes? dí que lle van mal os negocios, que s'atopa desesperado, qu'o queren separare de nosoutros... de min...
Madanela - ¿De ti? (Ríndose histericamente) ¿E que lle importas ti á Euxenio?
Lela - ¿Eu? Eu... non sei. ¡Pro mo dixo d'unha maneira...!
Madanela - (Impaciente) Voume. (¡Qué pasará, meu Dios!) Vou á vere si ó atopo e qu'é ó que lle pasa. (Vaise pol-a esquerda)
Lela - (Ai, miña naiciña; qu'estou ferida, que me sinto magoada! Sal do recunchiño en que che teño, pra m'acalentare mornamente, miña nai! ¡Nai, miña naiciña: que non sei ó que sinto en min, que perciso de ti e do teu coliño! ¡Unhos brazos que m'apreixen, que non sei ó que me pasa! (Pausa) Todo está ledo: a campía surrí com'unha menina roiba. Pro n'ista casa... N'ista casa... O meu pai, magoado. Euxenio... ¡Qué lle pasará á Euxenio, miña nai! Madanela.... ¡Ouh, esa muller! ¡Eu non sei que tén esa muller!
Maruxa - (Pol-a esquerda) ¡Señorita! ¡Señorita Lela! ¿E non é houra xa de xantare, señorita? Pro... ¿qué lle pasa? ¡Está tristeira, acorada! ¡Esta casa é un demo, señorita, dendes de fai tempo! Todo o mundo, n'ela, anda revolto. Cando viña do xardín atopei, na escaleira, ô seu pai. Miroume com'un tolo, d'un xeito que mesmamente deume medo e frio. E fuxiu como un condenado, berrando pol-o xardín. D. Euxenio iba tamén pra abaixo... correndo.
Lela - ¿D. Euxenio?
Maruxa - Si, señorita. e a señora - a sua madrasta ¿sabe? - atopeima e c'unhos ollos feitos de lume, perguntoume por D. Euxenio. Agora chego eiquí e a vexo á vsoté, miña meniña, d'iste xeito. ¡Léveme o diaño se non estamos enmeigados!
Lela - ¿Ti crês, Maruxa?
Maruxa - ¿E non hei crêre, señorita? ¿E quen diaño sería...? ¡Ai, meu Dios, que xa caiga, señorita Lela! ¡A donosiña! ¿Vosté non se lembra, miña peuliña? ¡Non se lembra de qu'a viu? ¡Pois foi ela, foi ela! Hai que lle facere o esconxuro, señorita. ¡Pol-a sua nai, non-o esqueza, qu'endexamais vin eisi a casa!
Lela - ¿A donosiña?
Maruxa - Val ahi ven a señora.
Madanela - (Pol-a esquerda) ¿Non vichedes á Euxenio?
Maruxa - Non, señora. Xa lle dixen qu'iba pra o xardín
Madanela - Ben. Pois búsqueo. Dígalle qu'ó agardo na sala, qu'é perciso que me vexa.
Maruxa - Está ben, señora. Buscareino. (Vaise pol-a esquerda)
Lela - (Con intención) ¿Qué tés, Madanela?
Madanela - ¿Eu? ¡Nada! Xa ves que leda estou. ¡Ouh! Mira; doime un pouco a cabeza ¿sabes? Eu estou mui tranquila, mui tranquila. Voume ô meu cuarto... Si ven Euxenio que m'avisen, saldrei ô estrado... ¿Entendiche?
Lela - (Con convencemento) Si; entendín... (Vaise Madanela pol-a direita) ¿A donosiña? ¡Non; ela! ¡Ô vexo craro, miña naiciña! (Pausa. Traxicamente, con moita calma, com'ollando ô lonxe y-en vos mui baixa)
Donosiña,
bonitiña,
garridiña
¡vaite para a tua casiña!
qu'é casiña,
bonitiña,
¡¡deixa a miña!!,
¡¡qu'e feiña!!

Cai o pano, mui lentamente

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega